Desde o inicio do seu ministerio, o Papa Francisco sinalou á
pastoral familiar como un dos máis urxentes retos da Igrexa actual. Nesta liña,
o pasado 8 de outubro, a Santa Se comunicou que a próxima Asemblea do
Sínodo dos Bispos levará por tema: “Os
desafíos pastorais da familia no contexto da evanxelización” e terá lugar no
Vaticano do 5 o 19 do outono do vindeiro ano. Días despois, o cardeal Peter
Erdö, primado de Hungría e presidente do Consello de Conferencias Episcopais
Europeas, e o destacado teólogo e arcebispo italiano Bruno Forte foron
nomeados, respectivamente, relator xeral e secretario especial da devandita
asemblea sinodal, ademais do nomeamento previo dun novo secretario xeral do
Sínodo dos Bispos, na persoa do prelado e diplomático italiano Lorenzo
Baldisseri.
A Familia e o matrimonio –células básicas da humanidade e
primeiras, fundamentais e insustituibles fontes da transmisión da fe- piden
toda a atención e potenciación posibles de parte da Igrexa e da Sociedade. E
esta última ademais, ten que recuperar “a conciencia –fala Francisco- do
carácter sagrado e inviolable da familia, ben inestimable e insubstituíble”.
Por elo, a celebración do Ano da Fe para as Familias, os
días 26 e 27 do outono, coa participación do Santo Pai era un acontecemento que
espertaba un interese engadido.. E a ocasión, non defraudou as expectativas. E
o Papa Francisco, que sintonizou esplendidamente con esta porción tan
significativa e relevante do pobo santo de Deus, nas súas intervencións,
sinxelas, fermosas e repletas de “olfacto” pastoral, marcaron algunhas liñas,
abriu pistas e camiños para fortalecer a identidade e a misión das familias
cristiáns e da pastoral familiar.
¿Cales son estas pistas sinaladas, os acento subliñados polo
Papa? Ímonos referir, telegraficamente, a cinco aspectos. O primeiro é o
afondamento, o redescubrimento da identidade da familia. A familia fundada no
matrimonio, é unha comunidade de vida e de amor, é o lugar onde se aprende a
amar, é o centro natural da vida humana, é o motor do mundo e da historia, é o
espazo onde a persoa toma conciencia da súa propia dignidade e, “especialmente
se se educa na fe cristiá”, é tamén o espazo en que se recoñece así mesmo a
dignidade das outras persoas, en particular, das enfermas, débiles e
marxinadas. Todo iso significa que a familia é suxeito de dereitos, que deben
tutelarse e promoverse, como reclama, por exemplo, o documento do Papa Xoan
Paulo II "Carta dos Dereitos das Familias", que acaba de cumprir 30
anos.
En segundo lugar, a familia crece e nútrese do cultivo de
valores capitais como o amor, a fidelidade, a opción de por vida, a capacidade
de dar e de recibir, a paciencia, a perseveranza, o exercicio do perdón e a
reconciliación, a sinceridade, o diálogo, a lealdade, a comunicación... O
cultivo destes valores leva consigo así mesmo outra dobre esixencia. Dun lado,
é o coidado e a atención cara aos máis débiles da propia comunidade familiar
como son os nenos e os anciáns, "toda unha aposta de civilización". E
doutro lado a proximidade e a solidariedade das familias cristiás cara ás
familias que viven en calquera situación de dificultade, como, por exemplo, as
separacións conxugais.
En terceiro lugar, a familia cristiá ha de intensificar no
seu propio seo a dimensión relixiosa e singularmente orante. Hase de rezar en
familia. A familia ha de seguir sendo a primeira escola de oración e cenáculo
vivo de pregaria. "Rezar en familiar fortalece a familia", con
sinxeleza, con cotianeidade, con asiduidade.
En cuarto lugar, a familia segue estando chamada a custodiar
á fe como un dos seus máis preciosos, prezados e precisos haberes e
patrimonios. A familia será custodia da fe sen "embalsamar" o seu
contido e a súa forza transformadora, "indo ás periferias e sen
atrincheirarse en actitudes defensivas".
Por último, a familia transmitirá a fe vivíndoa con alegría,
sen medos, sen disimulos, con coherencia. Porque "a familia que vive a
alegría da fe a comunica espontaneamente, é sal da terra e luz do mundo, é
fermento para toda a sociedade.