DOMINGO XIII T. O.
(Ano B: 28 xuño 2015)
Comezan
uns xa o próximo mércores, co comezo do mes de xullo, as vacacións de verán,
viaxando cara ós seus lugares de descanso. Outros ficarán en casa, porque hai
que aforrar algo nestes tempos de restricións ou porque teñen familiares na
casa ós que hai que atender por enfermidades ou por outros problemas e
necesidades. Precisamente hoxe o evanxeo vólvenos recordar os problemas e as
preocupacións da xente normal e corrente, ameazada unha e outra vez pola
enfermidade ou pola morte dos seus seres queridos.
Pois ben,
a carón deles está sempre Xesús, que por algo é Salvador e Redentor. E a carón
de todos eles deberiamos estar tamén os que pola nosa parte queremos ser
humildosos seguidores de Xesús.
Hoxe son
dúas mulleres, tradicionalmente marxinadas ou discriminadas naqueles tempos,
aínda que tamén nos de agora, as que van recibir a misericordia de Xesús. Dunha
sabemos que era a filla de Xairo, un xudeu devoto e xefe da sinagoga: por
algunha enfermidade acababa ela de morrer sendo aínda unha rapaza noviña con só
doce anos. Da outra muller, que andaba de médicos dende xa había tempo, non
sabemos máis ca que estaba doente e polo tanto nada sobre a súa posición social
ou sobre a súa idade.
Hai que
facer algún esforzo para se situar dalgunha maneira na cultura relixiosa e
social xudía daquel tempo para sabermos valorar na súa xusta medida o que
supuña a relación de Xesús coas persoas necesitadas. A filla de Xairo morrera
xa, por máis que seu pai, cando se dirixe a Xesús pedíndolle a súa curación,
non o sabía aínda. E hai que ter en conta que daquela ós defuntos non se debía
un achegar nin moito menos tocar, porque como cousa impura convertían en impuro
tamén ós que facían iso. En canto á outra muller enferma, a súa mesma enfermidade
convertíaa tamén en impura, ademais de facer impuros a cantos a tocasen ou ós
que ela tocase. De maneira que a pobre estaría nunha situación persoal e social
lamentábel.
Pois ben,
en ámbolos dous casos Xesús achégase á defunta e á enferma impuras, sen se
preocupar ren por quebrantar con iso preceptos ou normas sociais e relixiosas.
Á nena defunta cóllea directa e persoalmente pola man, pronunciando a frase que
os evanxeos nos conservaron no seu son orixinal: “Talitha, qumi”, rapaza, érguete.
Á outra muller enferma non a toca directamente, mais déixase tocar por ela
nunhas circunstancias nas que a xente o aperta a el por tódolos lados, tal como
o constatan os seus discípulos ó el lles preguntar quen o tocara: “Ti ben ves a
xente preméndote e aínda preguntas por quen te tocou?”...
Xesús era
un home do seu tempo e estaba en consecuencia moi ó tanto, desde cativo, dos
inevitábeis condicionamentos culturais, que se convertían en algo normal e
natural para cantos participaban desa concreta cultura. Pero el tiña ó mesmo
tempo unha experiencia moi fonda e forte de como son as cousas, do que é e como
é a realidade e tamén da nosa dignidade humana en canto derivada da nosa
filiación divina pola nosa irmandade con Xesús.
Na súa
íntima e especialísima relación co seu Pai Deus, vivida durante o día e
dialogada con El en longas horas da noite, Xesús sabía, pois, cales eran as
cousas importantes e cales non. En tal sentido, se os costumes sociais chocaban
con esas fondas experiencias e saberes, peor para tales costumes.
Xesús
sabía e vivía a experiencia de ser Fillo de Deus e de ser ó tempo “fillo do
home” nunha inconcibíbel e misteriosa unidade. Este Xesús, don único do Pai
Deus á humanidade toda, era polo tanto tamén un de nós, ser humano coma nós,
irmán noso. Mais el viña transmitirnos que todos nós, coma el, somos fillos dun
mesmo Pai. Somos todos polo tanto irmáns del e así nos sentía e percibía. Para
el as prescricións ou prohibicións sociais, rituais, non tiñan, en
consecuencia, valor ningún no caso de opoñérense a esta experiencia fundamental
súa de se sentir irmán de todos.
A práctica
vital de Xesús foi sementar arreo vida e esperanza, devolvese á vida ou non,
curase ou non fisicamente a unha persoa concreta. Pois Xesús non curou nin
resucitou de feito a todos os que convivían no seu tempo con el. El non viña
destruír as leis dunha natureza creada dese modo por Deus mesmo. Tampouco Deus
Pai liberou o seu Fillo Xesús das dores e da morte na cruz. Sen contabilizar as
diversas curacións realizadas por Xesús das que nos falan os evanxeos, no que
se refire ós relatos de resurreccións realizadas por El, é dicir, da volta á
vida normal dun defunto ou dunha defunta, non nos contan en realidade os
evanxelistas máis ca tres casos: o da filla da viúva de Naín (do que nos fala
só Lucas), o de Lázaro (que só nos é presentado por Xoán) e, finalmente, o
relato de hoxe da filla de Xairo, descrito por Marcos, Mateo e Lucas, pero non
por Xoán.
Por iso, o
que sobre todo Xesús nos ofrece, antes e hoxe, é unha vida e unha esperanza,
que se basean na fe nel en canto Fillo de Deus e irmán noso. Pois el mesmo
identifícase coa Vida mesma e co Amor sen límites. Xesús diranos nalgún momento
que o seu Pai Deus non é “un deus de mortos, senón de vivos, porque para el
todos viven”. Xesús coñece
perfectamente, por así dicilo, esta face oculta da lúa. Aínda que a xente faga
riso del, sabe el perfectamente que os que chamamos mortos non o son de
verdade. A tódolos defuntos pásalles en certo modo o mesmo que Xesús afirma
sobre a nena morta: “A meniña non morreu, está a durmir”.
Esta
mensaxe de vida que nos trae Xesús debería ter unha proxección comunitaria e
social na vida concreta nosa, neste noso tempo presente. Paulo dánolo a
entender hoxe na súa carta ós Corintios. A vida, non só a do alén senón tamén a
do aquén, ten que ser ser para todos e non só para os que dispoñen de riquezas
e de poder. Deberiamos escoitar así, nesta clave presente e actual que afecta a
tantas persoas, o que Paulo escribe nesa carta: “Coñecedes ben a xenerosidade
do noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para nos
enriquecer coa súa pobreza. Non se trata de que pasedes apuros por aliviardes a
outros, senón de que haxa equilibrio [...] Así haberá igualdade”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pidámoslle
a Deus Pai, que sabe das nosas enfermidades e das nosas carencias, que se faga
presente nas nosas vidas coa súa misericordia que dá paz e esperanza, dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, polos pobos e países que sofren pobreza,
para que poidan atopar mans xenerosas que os axuden na súa situación.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Pregámosche, Pai, por tódolos enfermos, polos que sofren
longa enfermidade, encerrados nas súas casas e ancorados na desesperanza.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Concédenos, Pai, sermos uns para outros man amiga que
ergue o ánimo e comunica a paz e a esperanza que Deus nos regala.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro