Ti es, María, a Estrela do mar.
En ti Deus fíxose Noticia Boa para o home.
Es como a luz da alba que abre camiño ao sol;
es esa Estrela matutina que anuncia o Día.
Es a muller crente que acolle e garda a Palabra;
a muller nova que entra
no plan de Deus libre e gozosa.
Es estilo de vida novo
e fascinante na Historia;
es, María, a Estrela que aluma e guía.
O noso corazón alégrase
ante a túa presenza de Estrela luminosa;
o noso corazón busca no teu
un camiño de verdade;
o noso corazón ábrese á túa vida limpa e profunda:
o noso corazón busca nos teus ollos
un camiño en liberdade.
Sentímonos felices
porque es Estrela que ilumina o universo;
sentímonos felices porque es
como un lago profundo de paz;
sentímonos felices
porque es limpa como a luz das Estrelas;
sentímonos felices porque es libre
como a auga de manancial.
Eras xenerosa, María, cando revolucionaches a Historia;
eras fiel a Deus cando dixeches "si"
ao seu proxecto de vida;
eras moza cando deches decidida, ao seu plan, resposta.
Es Estrela clara e brillante
e refulxes cos teus exemplos.
Eras nova e abrícheste a Deus como a flor ao sol;
eras nova e deixaches a Deus
que entrase libre na túa tenda;
eras nova e as túas ás alzaron o voo ata o cume.
Es a Estrela saída de Xacob,
cuxo raio, Xesucristo,
ilumina a todo home que vén a este mundo.