martes, 11 de agosto de 2015

LECTIO

ASUNCIÓN DE MARÍA
(15 agosto 2015)
           Todos queremos vivir sempre e plenamente. Isto lévanos a querermos ser os máis grandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis poderosos, os máis xenerosos, etc. etc. Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten que ser considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade, con esa tendencia cara ó máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas p
erfeccións que podemos maxinar, en grao infinito ademais.
            Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se non tivésemos desexos de vivir sempre e, polo tanto, non desexásemos progresar e mellorar as cousas, deixaríamos en definitiva de ser humanos. Seriamos coma calquera outra especie simplemente animal.
            Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas melloras na realidade humana,  fai falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven con nós e que precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a axuda dos outros. Porque eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran a vivir sempre, etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos os uns contra os outros, iremos conxuntamente á ruína e á desfeita. É evidente que isto que comento ten unha enorme relevancia política e social a tódolos niveis.
            Pois ben, a festividade da Asunción da Virxe, que celebramos sempre en tempos de verán e de vacacións, pode axudarnos en relación co que acabo de dicir. Só un par de reflexións.
            Normalmente tendemos a imaxinar a Xesús a maila súa nai, María, como realidades exclusivamente “celestiais”, pouco relacionadas coa vida corrente e natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo semi-celestial e nos estraña cando vemos que se comporta ou quere comportar como unha persoa normal... De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos faga esquecer ou pasar por alto que María, na súa vida real, tivo que ser moi distinta daquela muller “celestial” creada por pintores ou escultores.
            Na súa vida concreta, María sería efectivamente unha muller máis do pobo, polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da súa mesma cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con todos cantos solicitasen dela calquera tipo de axuda. Ela podería dicir tamén de si mesma o que seu fillo Xesús dicía de si: “Non vin a ser servido, senón a servir”. Pois sabemos ben que María se consideraba a si mesma como “escrava” de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. De si mesma dicía que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal “escraviña”, alá se irá, por exemplo, a toda présa (tal como nos refire Lucas), a acompañar e axudar á súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo Xoán o Bautista.
            Deste xeito, María ía espallando a graza de Deus, é dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que ela estaba. Dinos Lucas que Isabel quedou así “chea de Espírito Santo” grazas á visita que lle fixo María, curmá súa. María sentíase fondamente alegre naquela visita: “alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Esta ledicia foi contaxiosa, porque lles vai afectar tamén a Isabel e ó seu fillo, próximo a nacer. Por iso, Isabel ó se sentir chea tamén do “Espírito Santo”, sentirase igualmente “alegre”, tanto ela coma o neno que “brinca de alegría nas súas entrañas”.
            Amor, espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de María hai que vela así no seu senso etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”.
            Pois ben, é xustamente porque María está moi achegada á terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que hoxe celebramos a súa “Asunción” ó máis alto dos ceos. María segue polo camiño que antes dela andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, moi xuntos para todos nós. Se un non se apoia ben na terra, non poderá ascender ó ceo. Dito coas palabras do fillo de María: “Todo o que se humilla será enxalzado, e todo o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).
            María meditara moito na grandeza de Deus e por iso se sentía moi achegada á terra. Afírmao ela no comezo daquel fermoso himno seu, o “Magnificat”, no que ela enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor”.
            Pero hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto có resto da xente. Para María, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande. Fóra del, ninguén. ¡Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os humildes; ós famentos encheunos de bens e ós ricos despediunos baleiros”.

            En calquera caso, temos que crer, sentir e soster sempre que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran “poderosos”, senón cos que se abaixan a si mesmos e se poñen ó servizo dos demais. Só a estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa alegría. Así o fixo con María, tal como o celebramos hoxe na súa festividade da Asunción.