sábado, 12 de enero de 2013

Comentario


Como Xesús, tamén nós recibimos o bautismo. Non foi este un simple botarnos auga por riba da cabeza, senón un sinal dunha incorporación plena ao proxecto de Deus; o proxecto que nos sinala desde o principio como membros participantes e protagonistas da súa presenza no medio do mundo; un proxecto no que o Espírito é impulso renovador da esperanza e de unión ao mundo e ás persoas; un proxecto no que óleo e crisma son non só recendo externo, senón incorporación plena de toda a nosa persoa ao plan de Deus. Por iso é tan importante crecer como Igrexa coñecendo que é e significa pedir, libre e voluntariamente, o sacramento do bautismo, sen deixarnos levar de tradicións, costumes ou ritos. Bautizarse é optar por atoparse con Deus como compañeiro na viaxe que cada un/ha de nós vai facendo ao longo da súa vida. Unha viaxe que iniciamos no momento no que, nós ou os nosos pais e padriños, responden á invitación que nos fai Xesús de seguilo coa petición do bautismo. Esta acción supón a nosa incorporación a un proxecto que está rexido polo amor, a tolerancia e a tarefa de facer agradable e xusta a vida dos demais e do mundo no que vivimos. Bautizarse é todo o contrario do enfrontamento, a inxustiza, o abuso, a destrución do planeta... porque seguir a Cristo non se reduce a facer prácticas de piedade dentro dos templos, senón que consiste en vivir o seu proxecto de salvación alí e desde onde esteamos. E como ben sabemos, non podemos separar a nosa vida en comportamentos illados uns dos outros. Nós somos sempre os mesmos, sen separacións, cando traballamos, estamos coa familia, visitamos os amigos, acompañamos a un enfermo, axudamos a quen nos necesite ou recemos na igrexa. O bautismo incorpóranos a un proxecto que é integral, e non pode separarse, como se cada cousa non tivera que ver con outra. Ata que non entendamos isto e o comecemos a vivir, faremos ritos externos, pero estaremos moi lonxe do que Xesús pensou, entendeu, viviu e nos deixou como tarefa aos seus seguidores.

Por iso, hoxe, na celebración do bautismo de Xesús, é unha boa ocasión para analizar canto fomos mostrando e explicando ao longo do Advento e Nadal sobre o que significou e quixo o Concilio, é dicir a renovación. Só unha Igrexa, e polo tanto, uns cristiáns que saben o que son e ao que os chama a súa fe, poden entender o esforzo do Concilio por achegarse aos problemas (gozos e esperanzas) das persoas en cada momento da historia para achegar a súa pequena dose de esforzo e esperanza. Só unha Igrexa, e polo tanto uns cristiáns, capaces de entender que a Biblia é Palabra viva e eficaz (alma e fonte da vida cristiá) poden entender a necesidade de coñecela, proclamala ben, rezar desde ela, e buscar nela fondura e razóns para estar no mundo con actitude activa e transformadora da nosa vida e da sociedade, a través da que Deus se vai revelando. Só unha Igrexa, e polo tanto uns cristiáns, capaces de entender por que o que vivimos debemos celebralo, compartilo e agradecelo (Eucaristía como fonte e cume), entenderemos a importancia da renovación litúrxica, que non foi un simple cambiar de lugar o altar, ou entender o que facía o cura, senón que con eses cambios chamábasenos a entrar en relación cun Deus que é misterio e presenza que non se esgota no aparente, senón que nos transcende. En fin, só unha Igrexa que ten entendido todo isto, é capaz de descubrir por que somos comunidade, sacramento universal de salvación e pobo de Deus que manifesta a presenza de Aquel, que sendo de condición divina, non tivo reparo de ser un coma nós, e asumir a nosa condición limitada e fragmentada.

A todo isto nos invita a celebración de hoxe, dedicada, desde o bautismo do Señor, a reflexionar sobre as razóns e os porqués do noso propio bautismo. Fagamos un esforzo por entendelo, reflexionalo e vivilo.

LECTURAS


O BAUTISMO DE CRISTO

Primeira Lectura   Is 42, 1-4. 6-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo

            Isto di o Señor:
            Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
            Teño posto sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
            Non berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
            Canivela fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
            Con fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
            Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.

Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.

A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.

O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.


Segunda Lectura     Feit 10, 34-38
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Unxiuno Deus co Espírito Santo

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
            El mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os  que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Cf. Mc 9, 6
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.


Evanxeo  Lc 3, 15-16. 21-22
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Bautizado Xesús, e cando estaba en oración, abriuse o ceo

            Naquel tempo, como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
            Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.
            Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
            Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto; en ti me comprazo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo