DOMINGO XI DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura
Ez 17, 22-24
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Enxalzou a árbore humilde
Así fala o
meu Señor:
‑ Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina;
dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,
e plantareino nun monte alto e elevado,
no monte elevado de Israel plantareino;
botará gromos e dará froitos
e volverase un cedro magnífico;
aniñarán debaixo del todos os paxariños,
todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.
Entón
todas as árbores do monte
caerán na conta de que eu, o Señor,
derreo a árbore ergueita
e levanto a árbore derreada;
seco a árbore verde
e fago florecer a árbore seca.
Eu, o
Señor, díxeno e fareino.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16
R/. (cf. 2a): É bo honrar o teu nome, Señor.
É bo celebrar o Señor,
e cantar ao teu nome, oh Altísimo,
pregoar de mañá a túa misericordia,
e de noite a túa fidelidade.
Os xustos florecerán coma palmeiras,
ergueranse coma cedros do Líbano.
Plantados na casa do Señor,
florecerán nos adros do noso Deus.
Aínda na vellez seguirán dando froito,
estarán cheos de zume e de vigor,
para pregoaren que o Señor é recto,
a miña rocha, en quen non hai iniquidade.
Segunda Lectura 2
Cor 5, 6-10
LECTURA DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del,
arelamos agradarlle ao Señor
Irmáns:
Temos
sempre bo ánimo, sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe
do Señor, guiados pola fe, non polo que se ve.
E con este
ánimo, preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso,
ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.
Porque
todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para
que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo:
ben ou mal.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Mc 4,
26-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
A máis pequena das sementes faise o máis grande dos arbustos
Naquel
tempo, dicía Xesús á multitude:
‑ Así é o Reino de Deus, como un home que bota a semente na terra, e,
durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e
medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma;
primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E
cando o froito xa está en sazón, de seguida se lle mete o fouciño, por ser o
tempo da seitura.
E tamén
dicía:
‑ Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que
cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de
sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a
botar unhas ponlas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
E así, con
moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que
puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo
explicáballelas aos seus discípulos.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo