Non fixo Deus a morte nin se aleda co exterminio dos vivos:
Aquí, nesta frase da primeira lectura está unha das afirmacións fundamentais da
fe cristiá, e á que moi poucas veces lle prestamos a atención que require.
Estamos moi habituados a reducir a fe a funerais, enterros, misas polos
defuntos... todo o que di relación á morte. E poucas veces somos capaces de
facer o esforzo por pararnos nos textos da Palabra de Deus e tentar de
entendelos, buscar como os podemos poñer en relación co que facemos cada día,
coa nosa maneira de facer e percibir as cousas. Así, temos esquecido que o Deus
cristián é un Deus de vida e para os vivos; un Deus de esperanza, de
solidariedade, de xustiza.... de igualdade. E estas non son afirmacións ao
vento e baleiras de contido, senón fundamentos da fe que profesamos e queremos
ou dicimos que queremos vivir cada día, persoal e comunitariamente. Diante da
inxustiza, o empobrecemento, a exclusión, o desbarate, a manipulación e todos
os contravalores e da debilidade de pensamento que ateiga neste momento a
visión da sociedade e a vida de moitas persoas, a confesión de que cremos en
Deus Pai supón tamén a confesión nun Deus que busca e alenta sempre a xustiza,
o trato igualitario de uns para cos outros, a superación de calquera tipo de
discriminación, imposición ou medo. Por iso dicimos que é un Deus de vivos e
para a vida, un Deus que pon en nós a semente da graza para que non nos
deixemos ir sen criterio, sen horizonte e sen principios á hora de tomar
decisións sobre quen somos, que queremos e con quen estamos chamados a
construír espazos de verdadeira, fraterna e solidaria humanidade. Cómo se vai
aledar cando os que mandan impoñen os seus criterios aos máis pobres, aos
indefensos, á vez que van deixando nas rúas vidas rotas e abocadas á máis absoluta
desesperación? Como non vai rebelarse
contra comportamentos e actitudes de prepotencia, superioridade e humillación
cara aos máis débiles? Como vai dar por bo o engano, ao abuso ou o
aproveitamento da necesidade dos que están a pasar por verdadeiras situacións
de explotación? A fe que nós cremos e rezamos non tería nin sentido nin valería
para nada se non nos levase logo a aplicala na nosa vida, a canto facemos, ás
decisións que tomamos, á maneira que temos de tratar uns cos outros. Por iso
nin a morte pode ser a que peche todo o que somos e temos feito, nin a vida se
ha identificar co que fan os que teñen poder, cartos ou capacidade de someter
aos demais. Deus ábrenos un camiño, El mesmo se rebela contra a inxustiza e
contra canto deu de costas ao seu proxecto para nós. Un proxecto no que
caridade e xustiza van xuntas, non poden separarse. Unha sen a outra acabarían
converténdose en puro paternalismo ou en violencia permanente duns, as vítimas,
con outros, os verdugos, o que nos levaría á total destrución. Porque Deus non
se aleda, tampouco busca o exterminio de ninguén, só camiñando xuntas a xustiza
e o amor, respondemos á invitación de traballar pola dignidade humana.
* Por iso Paulo
nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a igualdade
non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un compromiso,
unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na casa, no
traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva de
fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificados co
que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as
persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que
nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, todos os bautizados
temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de
máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de
comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe
que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a
palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter? A
igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do
amor. Sen elas, todo se converte baleiro.
* E esta
igualdade da que a Palabra nos fala abrangue tódalas facetas nas que os seres
humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de
dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero.
Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de
xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito
máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento
feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera formulación que poida poñer
en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida
por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio
que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. Os seguidores de
Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non
o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición
inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e
sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico
“saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.