13º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura
Sab 1, 13-15; 2, 23-24
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Por envexa do demo entrou a morte na terra
Non fixo
Deus a morte
nin se aleda co exterminio dos vivos;
creouno todo, de certo, para que subsista
e as criaturas do mundo son saudables;
non hai nelas veleno mortal
nin ten o Hades imperio sobre a terra,
porque a Xustiza é inmortal.
Pois Deus
creou o home para a incorrupción
e fíxoo imaxe do seu propio ser,
mais pola envexa do demo entrou a morte no mundo,
e os seus secuaces téñena de probar.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/. (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan
ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor
os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.
Segunda Lectura 2
Cor 8, 7. 9. 13-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que a vosa abundancia supla a indixencia dos irmáns pobres
Irmáns:
Xa que
abundades en todo ‑en fe, en palabras, en ciencia, en
interese polas cousas e en amor a nós ‑, abundade
tamén nesta graza. Coñecedes ben a xenerosidade do noso Señor Xesús Cristo:
sendo rico, fíxose pobre por vós, para
vos enriquecer coa súa pobreza.
Non se
trata de que pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que haxa
equilibrio. Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles,
para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia.
Así haberá
igualdade, de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle
sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. 2 Tim
1, 10
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte,
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 5,
21-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Nena, a ti che falo: érguete.
Naquel
tempo, pasando de novo Xesús nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse
moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes
da sinagoga, chamado Xairo, que, ao
velo, botouse aos seus pés suplicándolle:
‑ A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas
mans, para que sande, e viva.
E foise
con el, seguido de moito xentío que o estrullaba.
Había unha muller que padecía hemorraxias
desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos
bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que
facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido,
dicindo para si:
-
"Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa".
E
secándolle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
Axiña
Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
‑ Quen me tocou na roupa?
Os
discípulos respondéronlle:
‑ Ti ben ves a xente preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
Pero el
seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela, a muller, amedrentada e
tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a
verdade. El díxolle:
‑ Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa
doenza.
Aínda
estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
‑ A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero
Xesús, ao escoitar o que estaban a
falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
‑ Non temas, abonda que teñas fe.
E non
permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de
Santiago.
Ó chegaren
á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e
lamentos, entrou e díxolles:
‑ A que vén
tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos
facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña
e mailos seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e
díxolle:
‑ Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña
ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente
quedou coa boca aberta.
El
insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de
comer.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario