sábado, 3 de agosto de 2013

Lecturas

XVIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

  
Primeira Lectura     Ecl 1, 2; 2, 21-23
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIASTÉS
Que lle aproveita  ao home todo o seu labor?

            Vaidade de vaidades di Qohélet un lene sopro, un breve aire é todo.
            Pon por caso un home que lle debe o que gañou  ao seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un gran sen sentido e gran mal.
            Abofé, que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas  ao maxín, traballando baixo o sol?
            "Dores todos os días,
            molestias do seu trasfegar,
            noites en branco matinando",
            E isto sonvos tamén andrómenas!

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17
 R/.  (1):  O Señor é o noso agarimo  ao longo das xeracións.

Ti repós no po os mortais,
con dicirlles: "volvede, fillos de Adán".
Mil anos son ante ti
coma o día de onte que pasou,
coma unha vixilia da noite.

Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro;
son coma herba que agroma:
de mañá florece e verdea,
á tarde ségana e seca.

Ensínanos a contar os nosos días,
para que acheguemos o corazón á sabedoría.
Volve, Señor. Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,
para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.
Que a bondade do Señor, o noso Deus, sexa connosco,
que el consolide as obras das nosas mans.



Segunda Lectura     Col 3, 1-5. 9-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
 
            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
            Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría.
            Non vos mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos e vos revestistes do home novo, que se vai anovando conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total.
            Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Ditosos os pobres no espírito
porque deles é o reino dos ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 12, 13-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Para quen será todo o que fixeches?
 
            Naquel tempo, díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:
            Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
            El contestoulle:

            Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
            E logo díxolle á xente:
            Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.
            E propúxolles unha parábola:
            As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: "Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e, a vivir!" Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?"
            Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentario

     O valor do traballo: O traballo, o esforzo, a necesidade de traballar para dignificar a vida e vivila dun xeito digno, non debe levamos a esquecer que facelo ten sentido se somos capaces de asumir, entender e vivir desde a acollida de Cristo como o que dá sentido, horizonte, perspectiva, salvación ... á . nosa vida. O que dignifica, enriquece, constrúe sociedade é a nosa contribución á facer do mundo o lugar onde ninguén sexa excluído. É este un esforzo común e unha tarefa compartida. Non saber apreciar isto fai que o traballo acabe sendo unha carga deshumanizadora e escravizante. Pero tamén deshumaniza aproveitarse do traballo dos outros. Porque unha cousa é a solidariedade, que si é necesaria; e outra ben distinta é o abusar do esforzo dos outros. Como poder levar con dignidade o nome de humanos, se non somos capaces de respectar a dignidade -imaxe e semellanza de Deus- dos demais? Acaso somos dos que pensamos que posuír, ter, aparentar, fachendear ... son actitudes e respostas cristiás ao seguimento de Xesús?

      Aprendendo a relativizar: Ternos que aprender a re1ativizar. Pero, como nos custa!. Que difícil é que nos recoñezan como cristiáns e cristiás pola nosa maneira de afrontar o traballo, non para gañar e ser máis ca os outros, senón como un medio que nos fai medrar e abrimos a compartir proxectos e ilusións cos demais. Como di Pedro Casaldáliga, o único verdadeiramente absoluto no mundo, e contra o que todos deberamos empeñamos para erradicala e loitar, é a fame, todo o demais é relativo, secundario, pode esperar. Pero como nos custa relativizar, que pouco empeño pomos niso!. Sempre nos gusta que o noso, o que pensamos, falsa ilusión, é o mellor, que o pensan os outros, ou as posturas ou formas de ver ou sentir as cousas, non só non vale, senón que mesmo chegamos a ocupar o lugar de Deus, atrevéndonos a dicir que se non son ou fan coma nós, están en pecado. Porén, nesta tarefa non hai, non pode haber, distincións: todos somos iguais, sexamos brancos ou negros, europeos ou africanos, católicos ou animistas, homes ou mulleres ... por que nos resulta tan difícil de entender? E se non o entendemos, como o imos vivir? Por que pretendemos impoñer os nosos gustos, as nosas formas, mesmo as nosas tradicións aos que teñen outras; e o que é peor, por que os consideramos persoas de segunda orde por seren diferentes a nós? Fáltanos evanxeo e sóbrannos tradicións. Cando aprenderemos!


       Porque somos finitos: E todo para que? Cantas loitas, envexas, egoísmos, xenreiras ... polo que outros teñen, ou para que outros non teñan, para logo descubrir que somos finitos, para un tempo, e que a morte nos iguala a todos. Que lonxe estamos do que quería Xesús de nós! Que as palabras que vimos de escoitar no evanxeo: "necio, esta noite vanche esixir a vida", nos fagan endereitar o noso rumbo para que logo non sexa demasiado tarde.
Remol