II DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO B
Primeira Lectura
1 Sam 3, 3b-10. 19
LECTURA DO PRIMEIRO LIBRO DE SAMUEL
Fala, Señor, que o teu servo escoita
Naqueles
días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.
O Señor
chamou por Samuel e este respondeulle:
‑ Aquí estou.
E, coa mesma, foi
correndo onda Elí e díxolle:
‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
Elí díxolle:
‑ Eu non te chamei; vai e déitate.
E Samuel volveu
deitarse.
O Señor chamou de
segundas por Samuel.
Samuel ergueuse e
foi onda Elí, e díxolle:
‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
Elí respondeulle:
‑ Eu non te chamei, meu fillo; vai e déitate.
Daquela Samuel
non coñecía o Señor, pois a palabra do Señor aínda non se lle revelara.
O Señor chamou
por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí, e díxolle:
‑ Aquí estou, pois chamaches por min.
Entón decatouse
Elí de que era o Señor quen chamaba o rapaz, e díxolle a Samuel:
‑ Vai e déitate, e se te chama outra vez, dirás: "Fala, Señor, que
o teu servo escoita".
Samuel marchou e
deitouse no seu sitio.
O Señor presentouse e chamou coma as outras
veces:
‑ Samuel, Samuel!
E Samuel dixo:
‑ Fala, Señor, que o teu servo escoita.
Samuel ía
crecendo; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra
súa.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
R/. (8a e 9a): Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.
Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.
Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".
No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.
Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.
Segunda Lectura 1
Cor 6, I3c-I5a. I7-20
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Os vosos corpos son membros de Cristo
Irmáns:
O corpo
non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. E Deus,
que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.
Non
sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? E quen se xunta ao Señor, é
un mesmo espírito con El. Fuxide da impureza.
Calquera
pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen comete impureza
peca contra o seu propio corpo.
Ou non
sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, que o
recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós?
Porque, en verdade, compróusevos a bo
prezo. Glorificade, polo tanto, a Deus co voso corpo.
Palabra do
Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 1, 41. 17b
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Encontramos o Mesías, que é Cristo,
por medio del déusenos a graza e a verdade.
Aleluia.
Evanxeo Xn 1,
35-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Viron onde paraba e quedaron con el
Naquel
tempo, estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba,
dixo:
‑ Velaquí o Año de Deus.
Cando os
dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús
e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
‑ Que buscades?
Eles
respondéronlle:
‑ "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), onde paras?
El
díxolles:
‑ Vide e veredes.
E eles
foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da
tarde.
Un dos
dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón
Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
‑ Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).
E levouno
onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
‑ Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Cefas (que quere dicir
Pedro).
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo