sábado, 20 de marzo de 2021

PENSO, LOGO EXISTO

Esta expresión saída da pluma de Descartes, é ben coñecida, pero non sempre ben interpretada. A primeira vista, dá a impresión de que pode ter sentido causativo ou conclusivo. Non estamos no certo. Con ela, o distinguido filósofo non quixo expresar a orixe do home, senón a súa existencia. Non existimos porque pensamos, senón que pensamos porque existimos. A actividade do home non é a causante da súa orixe: é a constatación da súa existencia, porque primeiro é o existir e despois é o obrar.

Certo que a grandeza do home está no seu raciocinio, na súa conciencia. Isto distíngueo de todos os outros seres vivos. É o único capaz de preguntarse por qué vive e para que vive. O pensamento e a conciencia elevan ao home por riba de toda outra criatura e capacítao para realizar o impensable. Os pais da Revolución Francesa chegaron a divinizar a razón humana, sublimando as marabillas da súa capacidade. Pero coidado! Que a nosa razón tamén é capaz dos maiores despropósitos. Auschwitz, Hiroshima, Nagasaki, a brutalidade machista e outras aberracións da nosa moderna historia confírmannolo. Non obstante o alto valor que ten a nosa conciencia, non a absoluticemos, posto que ela pode ser a nosa salvadora ou a nosa aniquiladora. Entre as múltiples definicións do home, escollamos aquela que a supera a todas e sintetízaas todas; e na nosa procura quedemos con esta: “Son amado, logo existo” e “amo, logo son home”. O amor está na nosa orixe, na nosa existencia e no noso futuro eterno.

O amor dá peso e consistencia á persoa. O que ama e é amado, vive e realízase como home. O que vive no amor, divinízase. “Son amado, logo existo” e “amo, logo son persoa” son dúas verdades innegables. Pero primeiro é a pasividade amorosa. Para que poida amar teño que ser amado. O amor non é unha conquista, é un don (San Tomé). O amor non se impón, senón que se contaxia. O amor non se entende se antes non se experimenta. Por moito que che encarezan que ames aos demais, non poderás facelo, se antes non che capacitaron para facelo. O home pode converterse en fonte da que emanan ríos de fraternidade. Pero para chegar a ser fonte, primeiro hai que beber da orixinaria fonte de amor que no sobrenatural é Xesucristo e no humano foron os nosos proxenitores. Esta foi a nosa sorte: “fun amado, por iso existo”. Fun amado para que puidese existir. Este é o primeiro sentido da afirmación cartesiana. E tamén é verdade que existo para amar, pero a prioridade correspóndelle ao amor recibido. Prioridade no ser e prioridade no quefacer. Os extremos tócanse: nacemos do amor e nacemos para amar.

Tomemos conciencia da nosa orixe e da nosa misión, e a nosa convivencia converterase nun campo de amor primaveral.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral