O BAUTISMO DO SEÑOR
Primeira Lectura Is
42, 1-4. 6-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaquí o meu servo en quen eu me comprazo
Isto di o
Señor:
Velaí o
meu servo, a quen teño collido da man;
velaí o meu escollido no que eu me comprazo.
Teño posto
sobre el o meu espírito:
ditaralles sentencia xusta ás nacións.
Non
berrará,
non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.
Canivela
fendida non a romperá,
e torcida esmorecente non a apagará.
Con
fidelidade proclamará a xustiza,
non desfalecerá nin crebará
ata establecer na terra a xustiza,
e a súa lei, que esperan as nacións.
Eu, o
Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,
e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,
para que lles abras os ollos aos cegos, para que libres do
cárcere aos presos,
da prisión aos que viven na escuridade.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
R/. (11b): O Señor ha bendicir o seu pobo coa paz.
Tributádelle ao Señor, fillos de Deus,
tributádelle ao Señor gloria do seu nome,
adorade o Señor no seu atrio sagrado.
A voz do Señor sobre as augas,
o Señor sobre as augas copiosas.
A voz do Señor é poderosa,
a voz do Señor é maxestosa.
O Deus glorioso fai tronar.
No seu santuario todo di: Gloria!
O Señor sentou sobre as augas,
o Señor senta como rei eterno.
Segunda Lectura
Feit 10, 34-38
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Unxiuno Deus co Espírito Santo
Naqueles
días, tomou Pedro a palabra e dixo:
‑ Abofé, vexo que Deus non fai
distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a
xustiza, sexa da nación que sexa.
El
mandoulles a súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz
por Xesús Cristo: este é o Señor de todos.
Vós
sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do
bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a
Xesús de Nazaré, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus
estaba con el.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mc 9, 6
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Abríronse os ceos e tronou a voz do Pai:
Este é o meu Fillo predilecto; escoitádeo.
Aleluia.
Evanxeo
CICLO A: Mt 3,
13-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bautizado Xesús, viu o Espírito de Deus que descendía sobre
del
Naquel
tempo veu Xesús desde Galilea ao Xordán para que Xoán o bautizase. Xoán trataba
de impedilo dicindo:
‑ Como vés ti onda min, se es ti
quen me tes que bautizar a min?
Xesús
respondeulle:
‑ Deixa agora, pois convén que
cumpramos a vontade de Deus.
Xoán
accedeu.
Axiña que
foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o
Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse desde
o ceo unha voz que dicía:
‑ Este é o meu fillo benquerido, o
predilecto.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo