sábado, 26 de mayo de 2012

Comentario


O medo nunca é bo compañeiro de viaxe, e a primeira lectura de hoxe claramente nolo di: os Apóstolos, porque tiñan medo, pecháranse na casa. Non saían, non se relacionaban cos demais, non abandonaban a actitude derrotista que lles supuxera canto lle ocorrera a Xesús. O seu medo freaba a misión, da que falabamos o domingo pasado, que lles encomendara Xesús: “Ide e anunciade”. Estando nestas, algo lle ocorre porque comezan a cambiar, e onde había retraemento, vergoña, complexo de inferioridade... comeza a agromar forza, ilusión, alento, gañas de saír e atoparse con xente, necesidade de dicir, compartir, explicar, testemuñar todo o que foran sentindo e descubrido no seu contacto con Xesús. Tomaron conciencia de que xa era hora de deixar atrás o tempo do dó, que había que comezar a poñer as cousas en claro, que o que estaban a facer non respondía ao que sentiran, experimentaran e gozaran con Xesús, que laiarse podía valer por un tempo, pero non levaba a nada se este tempo se ía facendo cada vez máis longo, xa que acababa facendo as súas vidas totalmente estériles. Por iso senten a necesidade de romper con esta actitude e recomezar. Verdade que isto nos resulta familiar? Cantas veces a nós nos ocorre algo parecido? Cantas veces nos deixamos ir e alongamos no tempo estas actitudes fatalistas ás que parece non queremos poñer fin? Eles foron capaces de darlle outro rumbo á vida porque confiaron no que lles dixera Xesús, por iso foron percibindo que algo estaba a cambiar. A presenza do Espírito Santo foise deixando sentir neles, foinos invadindo pouco a pouco. Deste xeito non só as súas actitudes, senón a percepción que tiñan da vida e das cousas foi cambiando. Entenderon ao fin, que a partitura xa estaba escrita, que agora había que interpretala, e os mellores músicos para facelo eran eles. Tamén hoxe segue escrita a partitura, e somos nós, os cristiáns do século XXI os músicos que temos que interpretala.
E ha ser esta unha interpretación na que imos ter o mellor de tódolos directores: o Espírito Santo. El sabe moito de música, ten moita experiencia dirixindo, sabe que corresponde interpretar a cada un, pero de nós vai depender que se produza a mellor das harmonías entre o director e os seus músicos. Unha harmonía que nos chama a que cada un/ha de nós, con instrumentos distintos, colaboremos para que a partitura teña a mellor das interpretacións. Poñamos da nosa parte tódalas calidades, e deixemos que o director, o Espírito Santo, leve a batuta para facer de nós verdadeiros artistas da música de Xesús, cuxas notas resoan no mundo de hoxe. Un mundo apertado, e moitas veces abafado, na desesperación que produce a crise co paro, os recortes, a perda de dereitos sociais ou a ameaza de que o que hoxe están a pasar outros, mañá nos pode ocorre a nós.
Por iso é tan importante sentir a presenza do Espírito Santo nas nosa vidas, para que El, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos alente, anime, estimule e mova a non deixarnos caer nin levar da sensación de fracaso e impotencia. Sen ser redentores de nada, a forza da fe ten que levarnos a evitar deixarnos levar da sensación de angustia e derrotismo. Deus é amor, e o seu amor temos que vivilo e transmitilo uns para cos outros. Só sabendo interpretar esta partitura entre todos, conseguiremos entender a razón e o porqué da nosa fe, no hoxe e agora da vida de cada un/ha.