sábado, 14 de abril de 2012

LECTURAS


2º DOMINGO DE PASCUA  -CICLO B

Primeira Lectura    Feit 4, 32-35
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Un só corazón e unha soa alma

            A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns.
            Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados.
            Non había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que repartían a cadaquén segundo precisaba.

                        Palabra do Señor                            
                       R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 2-4. 16ab-18. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:  Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.
Castigoume o Señor, castigoume,
mais non me entregou á morte.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.


Segunda Lectura      1 Xn 5, 1-6
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Canto nace de Deus vence o mundo

            Irmáns benqueridos:
            Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama o que xera, ama tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.
            Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe.
            Porque, quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
            O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue.
            E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.   
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
            Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
             Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                         
                          R/. Grazas a Deus

LECTIO

COMENTARIO

Ao atardecer daquel día, o primeiro da semana: os discípulos están a vivir un día extraordinario. O día seguinte ao sábado, no momento no que vén escrito o IV evanxeo, é xa para a comunidade " o día do Señor" (Ap 1-10), Dies Domini (domingo) e ten máis importancia que a tradición do sábado para os Xudeus.
Mentres estaban pechadas as portas: unha anotación para indicar que o corpo de Cristo Resucitado, aínda sendo recoñecible, non está suxeito ás leis ordinarias da vida humana.
Paz convosco: non é un desexo, senón a paz que prometera cando estaban aflixidos pola súa partida (Xn 14,27; 2Tes 3,16; Rom 5,3), a paz mesiánica, o cumprimento das promesas de Deus, a liberación de todo medo, a vitoria sobre o pecado e sobre a morte, a reconciliación con Deus, froito da súa paixón, don gratuíto de Deus. Repítese por tres veces nesta pasaxe, como tamén a introdución (20,19) repítese máis adiante (20,26) de modo idéntico.

Mostroulles as mans e o costado: Xesús reforza as probas evidentes e tanxibles de que é El o que foi crucificado. Só Xoán recorda especialmente a ferida do costado producida pola lanza dun soldado romano, mentres Lucas ten en conta as feridas dos pés (Lc 24-39). Ao mostrar as feridas quere facer evidente que a paz que El dá, vén da cruz (2Tim 2,1-13). Forman parte da súa identidade de Resucitado (Ap 5,6).
Os discípulos alegráronse de ver ao Señor: É o mesmo gozo que expresa o profeta Isaías ao describir o banquete divino (Is 25,8-9), o gozo escatolóxico, que preanunciara nos discursos de despedida, gozo que ningún xamais poderá arrebatar (Jn 16,22; 20,27). Cfr. Tamén Lc 24,39-40; Mt 28,8; Lc 24,41.
Como o Pai me enviou, tamén eu vos envío: Xesús é o primeiro misioneiro, o "apóstolo e sumo sacerdote da fe que profesamos" (Ap 3,1). Despois da experiencia da cruz e da resurrección actualízase a oración de Xesús ao Pai (Xn 13,20; 17,18; 21,15,17). Non se trata dunha nova misión, senón da mesma misión de Xesús que se estende a tódolos que son os seus discípulos, unidos a El como a vide á vide (15,9), como tamén á súa Igrexa (Mt 28,18-20; Mc16,15-18; Lc 24,47-49). O Fillo eterno de Deus foi enviado para que "o mundo se salve por medio de Él" (Xn 3,17) e toda a súa existencia terrea, de plena identificación coa vontade salvífica do Pai, é unha constante manifestación daquela vontade divina de que todos se salven. Este proxecto histórico déixao en consigna e herdanza a toda a Igrexa e de modo particular, dentro dela, aos ministros ordenados.
Alentou sobre eles: o xesto recorda o sopro de Deus que dá a vida ao home (Gn 2,7); non se encontra outro no Novo Testamento. Sinala o principio dunha creación nova.
Recibide o Espírito Santo: despois que Xesús foi glorificado vén dado o Espírito Santo (Jn 7,39). Aquí trátase da transmisión do Espírito para unha misión particular, mentres Pentecostes (Act 2) é a baixada do Espírito Santo sobre todo o pobo de Deus.
Aos que perdoedes os pecados, quédanlles perdoados; aos que llos reteñades, quédanlles retidos: o poder de perdoar ou non perdoar (remitir) os pecados encóntrase tamén en Mateo de forma máis xurídica (Mt 16,19; 18,18). É Deus quen ten o poder de perdoar os pecados, segundo os escribas e fariseos (Mc 2,7), como segundo a tradición (Is 43,25). Xesús ten este poder (Lc 5,24) e transmíteo á súa Igrexa. Convén non proxectar sobre este texto, na meditación, o desenvolvemento teolóxico da tradición eclesial e as controversias teolóxicas que seguiron. No IV evanxeo a expresión pódese considerar dun modo amplo. Indícase o poder de perdoar os pecados na Igrexa como comunidade de salvación, da que están especialmente dotados aqueles que participan por sucesión e misión do carisma apostólico. Neste poder xeral está tamén mesmo o poder de perdoar os pecados despois do bautismo, o que nós chamamos "sacramento da reconciliación" expresado de diversas formas no curso da historia da Igrexa.
Tomé, un dos Doce, chamado o Xemelgo: Tomé é un dos protagonistas do IV evanxeo, ponse en evidencia o seu carácter dubidoso e doado ao desánimo (11,16; 14,5). "Un dos doce" é xa unha frase feita (6,71), porque en realidade eran once. "Dídimo" quere dicir Mellizo, nós poderemos ser "xemelgos" con el pola dificultade de crer en Xesús, Fillo de Deus morto e resucitado.
Vimos o Señor! Xa antes Andrés, Xoán e Filipe, despois de encontrar o mesías, correron para anuncialo aos outros (Jn 1,41-45). Agora é o anuncio oficial por parte das testemuñas oculares (Xn20,18).
Se non vexo nas súas mans o sinal dos cravos e non meto o meu dedo no burato dos cravos e non meto a miña man no seu costado, crerei: Tomé non consegue crer a través das testemuñas oculares. Quere facer a súa experiencia. O evanxeo é consciente da dificultade de calquera para crer na Resurrección (Lc 24, 34-40; Mc16,11; 1Cor 15,5-8), especialmente aqueles que non viron o Señor.Tomé é o seu (noso) intérprete. El está disposto a crer, pero quere resolver persoalmente toda dúbida, por temor a errar. Xesús non ve en Tomé un escéptico indiferente, senón un home en busca da verdade e satisfaino plenamente. É polo tanto a ocasión para lanzar unha apreciación cara aos futuros crentes (versículo 29).
Achega aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado, e non sexas incrédulo senón crente: Xesús repite as palabras de Tomé, entra en diálogo con el, entende as súas dúbidas e quere axudalo. Xesús sabe que Tomé o ama e lle ten compaixón, porque aínda non goza da paz que vén da fe. Axúdao a progresar na fe. Para afondar máis na meditación, pódense confrontar os lugares paralelos: 1 Xn 1-2; Sal 78,38; 103,13-14;Rom 5,20; 1Tim 1,14-16.
Señor meu e Deus meu!: É a profesión de fe no Resucitado e na súa divindade como está proclamado tamén ao comezo do evanxeo de Xoán (1,1) No Antigo Testamento "Señor" e "Deus" corresponden respectivamente a"Iahvé" e a "Elohim" (Sal 35,23-24; Ap 4,11). É a profesión de fe pascual na divindade de Xesús máis explicita e directa. No ambiente xudaico adquiría aínda máis valor, en canto que se aplicaban a Xesús textos que se refiren a Deus. Xesús non corrixe as palabras de Tomé, como corrixiu aquelas dos xudeus que o acusaban de querer facerse "igual a Deus" (Jn 5,18ss), aprobando así o recoñecemento da súa divindade.
Porque me viches criches. Ditosos os que non viron e creron: Xesús nunca soporta os que están á busca de signos e prodixios para crer (Xn 4,48) e parece reprochar a Tomé. Encontramos aquí unha pasaxe cara a unha fe máis auténtica, un "camiño de perfección" cara a unha fe á que se debe chegar tamén sen as pretensións de Tomé, a fe aceptada como don e acto de confianza. Como a fe exemplar dos nosos pais (Ap 11) e como a de María (Lc 1,45). A nós, que estamos a máis de dous mil anos de distancia da vinda de Xesús, dísenos que, aínda que non o vísemos, o podemos amar e crendo en Él podemos exultar de "un gozo indicible e glorioso" (1Pt1,8).
Estes [signos] foron escritos para que creades que Xesús é o Cristo, o Fillo de Deus, e para que crendo teñades vida no seu nome: O IV evanxeo, como os outros, non ten a finalidade de escribir a vida completa de Xesús, senón só de mostrar que Xesús era o Cristo, o Mesías esperado, o Liberador e que era Fillo de Deus. Crendo en Él temos a vida eterna. Se Xesús non é Deus, va é a nosa fe!