domingo, 7 de abril de 2013


CREMOS NA RESURRECCIÓN,
CREMOS NA VIDA

Ollando para a primavera
que nos agasalla con flores, gromos e promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Escoitando o Papa Francisco
que soña cunha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Observando a indignación de tanta xente
que loita por unha sociedade máis xusta, con máis humanidade,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Oíndo as risas dos picariños e picariñas
e a ledicia e a esperanzas da xente nova,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Vendo a tenrura de tantas persoas
que aman, coidan, serven á xente débil gratuitamente,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Contemplando a xente máis débil,
que confía, soña, espera a pesar de todo,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Descubrindo a forza desmedida do amor,
que é capaz de facer novas todas as cousas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Desde os corpos humildes e esgotados
dos nosos veciños e veciñas queridas
que soñaron o mellor para si e os seus,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Sostidos por Deus Pai - Nai que ama sen medidas
e mantén con fidelidade as súas fortes promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Levados da man de Xesús, irmán maior,
que coa súa vida e a súa morte
nos descobre e ofrece as fontes da vida,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Alentados polo Espírito Santo de Deus,
que aluma as nosas dúbidas e canseiras,
cremos na resurrección, cremos na vida.

(Manolo Regal Ledo)

LECTURAS


II DOMINGO DE PASCUA-CICLO C


Primeira Lectura  Feit 5, 12-16
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Aumentaban os crentes no Señor: multitudes de homes e mulleres

            Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
            A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
            Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 2-4. 22-24. 25-27a
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou: Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.

Señor, dános a salvación!
Señor, dános prosperidade!
Bendito o que vén no nome do Señor:
desde a casa do Señor bendicímosvos.
O Señor é Deus: El dános a luz.


Segunda Lectura     Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Estiven morto, e velaquí vivo por sempre eternamente

            Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas".
            E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ao virar, vin sete candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar  e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
            Ó velo, caín aos seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome:
            - "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Derradeiro, o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos.        
            Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce,
o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
            Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
             Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo