viernes, 27 de julio de 2012

Dádelles vos de comer


O pobo está a pasar por unha tremenda crise económica, o paro multiplícase de día en día, a necesidade é angustiosa en moitas familias.... Non só experimentamos a fame dunha vida máis feliz, senón tamén, coma a multitude que acompañaba a Xesús, a fame e a indixencia material. En todo o que poida facerse para solucionar esta situación, os cristiáns e as cristiás temos que estar presentes, loitando contra das desigualdades e os egoísmos, contra das excesivas diferenzas de salarios, contra do emprego precario, contra da fuga de capitais, contra dos cartos negros.... É verdade que non temos a solución, pero debemos infundir no noso mundo un novo xeito que renove os sistemas económicos e faga posible o milagre da multiplicación dos bens mediante un reparto máis xusto.
Hoxe a Palabra pon diante de nós dúas opcións radicais e sinxelas: a dos que botan balóns fóra e a dos que saben compartir o que teñen e o que son. Cantas veces nos temos escudado en infantís non sei, non podo, non vallo, se de min dependera....... Pois claro que depende de nós!!!. De quen senón? O Señor chámanos a endereitar o noso rumbo. Nós buscamos que nos vexan, que nos aplaudan, que nos gaben... pero El insiste en que só desde a sinxeleza, a humildade, o respecto e a valoración dos demais (Paulo) seremos capaces de facer crible a súa mensaxe e seremos verdadeiras testemuñas no noso mundo. E así, cunha actitude realista e positiva, soñando utopías posibles, seremos quen de descubrir ao noso redor tantas milagres que nos pasan desapercibidas, entre elas a de SER: persoa, irmán, amigo, consolo, man, sorriso.... A que esperamos?

Lecturas



DOMINGO XVII DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B

  
Primeira Lectura 2 Re 4, 42-44
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Comerán e sobrará

Daquela chegou de Baal-Xalixah un home, que lle traía ao home de Deus o pan das primicias: vinte pans de cebada e trigo novo na alforxa.
Eliseo díxolle:
"Dállos á xente, e que coman".
O seu servidor preguntoulle:
"Que é isto para cen persoas?".
A iso Eliseo respondeu:
"Dállos á xente, e que coman, pois isto di o Señor: comerán e sobrará".
El serviullos á xente, que comeu; e aínda sobrou, conforme a palabra do Señor.

Palabra do Señor R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 10-11. 15-16. 17-18
R/. (cf. 16): Abres ti, Señor, a túa man e dásnos fartura.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.



Segunda Lectura Ef 4, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Un corpo, un Señor, unha fe, un bautismo

Irmáns:
Eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da vocación que recibistes, con total humildade, mansedume e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz.
Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

Palabra do Señor R/. Grazas a Deus


ALELUIA Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta apareceu entre nós,
e Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.


Evanxeo Xn 6, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Repartiu entre os sentados canto quixeron

Naquel tempo, foi Xesús á outra banda do Mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía nos enfermos. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos.
Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:
Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? (isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía facer).
Respondeulle Filipe:
Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.
Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle:
Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes; pero, que é iso para tantos?
Xesús ordenou:
Facede sentar a xente.
Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans e, dando grazas, repartiu aos sentados canto quixeron; fixo o mesmo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:
Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.
Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran aos que comeron. ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían: "Este si que é o profeta que había de vir ao mundo".
Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamar o rei, retirouse outra vez ao monte el só.

Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo

viernes, 20 de julio de 2012

Comentario


     Xesús vivíao todo desde a compaixón. Era o seu xeito de ser, a súa primeira reacción diante das persoas. Nunca lle estorbaba ninguén. Non sabía mirar con indiferenza, que é a peor das miradas. Non soportaba ver ás persoas sufrir, era algo superior ás súas forzas. Pero a Xesús non o conmoven só as persoas concretas que atopa no seu camiño (enfermos que o buscan, indesexables que se lle achegan, nenos a quen ninguén abraza...), senón que tamén sente compaixón pola multitude de xente que vive desorientada e non ten quen a guíe e alimente. Un día teremos que revisar diante del como miramos e tratamos a esa multitude de xente que marcha silenciosamente da igrexa; ás persoas sinxelas e boas que estamos decepcionando porque non atopan en nós a compaixón de Xesús; crentes que non saben a quen acudir nin que camiño seguir para atoparse cun Deus máis humano; cristiáns e cristiás que calan porque están convencidos de que a súa palabra non será tida en conta por ninguén “importante” na Igrexa.... Pero se nós nos empeñamos, un día o rostro desta Igrexa mudará: aprenderá a actuar con máis compaixón, esquecerase dos seus discursos e poñerase a escoitar o sufrimento da xente. Xesús ten forza para transformar os nosos corazóns e para renovar as nosas comunidades. Só fai falla que nolo creamos e volvamos a El.

LECTURAS



  DOMINGO XVI DO TEMPO ORDINARIO CICLO B



Primeira Lectura    Xer 23, 1-6
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei o resto do meu rabaño e suscitarei pastores para eles

            Ai dos pastores que deixan que se perda o rabaño
e que o espantan do meu pasteiro! é o Señor quen fala .
            Por isto, así lles fala o Señor, Deus de Israel,
ós pastores que apacentan o meu pobo:
            Vós espantades as miñas ovellas,
escorrentádelas e non coidades delas;
ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos
é o Señor quen fala .
            Eu xuntarei o resto das miñas ovellas,
traéndoos de todos os países a onde as esparexín,
e fareinas volver aos seus pasteiros,
onde criarán e se multiplicarán.
            Para elas constituirei pastores que as apacenten,
de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,
nin se perda ningunha é o Señor quen fala .
            Ollade que chegan os días é o Señor quen fala
en que farei abrollar de David un xermolo lexítimo,
será rei de verdade e comportarase con prudencia,
administrará o dereito e a xustiza no país.
            Desde os seus días Xudá vivirá a salvo,
e Israel vivirá en paz.
            O título que se lle dará será este: "O Señor é a nosa xustiza".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 2, 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
El é a nosa paz, quen dos dous fixo un

            Irmáns:
            Os que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira a inimizade , e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade.
            El veu e anunciou a paz: paz para vós os de lonxe , e paz para os que estaban cerca: porque por el temos uns e outros acceso ao Pai, nun mesmo Espírito.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 30-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Eran coma ovellas sen pastor
 
            Naquel tempo, os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran.
            El díxolles: "Vinde, vós sós, á parte, a un lugar arredado, e descansade un pouco"; porque eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca, á parte, a un lugar arredado.
            Pero víronos marchar e déronse conta moitos, e desde todas as aldeas foron andando para alí, e chegaron primeiro ca eles.
            Cando desembarcou, Xesús atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Oración á Virxe do Carme

sábado, 14 de julio de 2012

Lectio


Despois da chamada (no texto "institución") dos doce (Mc 3, 13-19) Xesús ensina e fai curacións, coma se lles estivese a dar clases. Agora chega a hora do seu primeiro exercicio público: deben facer unha primeira experiencia de anuncio. Van de dous en dous entre as xentes, cunha misión que, en Marcos aparece bastante reducida: un anuncio xenérico de conversión e varios tipos de prodixios contra o mal. Xesús non se deixa intimidar polo rexeitamento violento dos seus en Nazaret, narrado por Marcos a continuación: Mc 6,1-6. Non renuncia á súa misión, porque non son os nosos modos obtusos os que poden bloqueala.
Os outros dous Sinópticos (Mt 10, 1-42; Lc 9, 1-10) narran con maior precisión a misión e os desafíos que encontrarán. De todos os xeitos, é importante ver que a misión nace por un mandato de Xesús e despois de aprender de Él o modo como han de realizala e os temas. O número "doce" - tan citado en referencia á fundación da primeira comunidade e nos esplendores da Apocalipse - significa a continuidade, pero tamén a superación da economía salvífica precedente. O envío de "dous en dous", segundo a mentalidade xudaica, é porque esta soamente admite o testemuño dado por unha "comunidade" (polo menos mínima) e non dun só.

LECTURAS


XV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B

Primeira Lectura     Am 7, 12-15
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Vaite como profeta ao meu pobo

            Naquel tempo, díxolle Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:

            - "Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".

            Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

            - "Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
mais foi o Señor quen me colleu de trala grea
e foi o Señor quen me dixo:
vai profetizar ao meu pobo Israel.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura      Ef 1, 3-14 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Nel elixiunos antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.
            Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.
            Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do noso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 7-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Empezou a mandalos

            Naquel tempo, chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
            Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
            Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
            Marcharon, e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 6 de julio de 2012

ORACIÓN




Xesús, mestre bo, queremos seguir os teus pasos.
Dános o teu Espírito, para aprender a vivir coma discípulos.
Danos paciencia,
respecto polos tempos dos outros,
amor que saiba esperar e acompañar.
Ensínanos, Señor,
a poñernos no lugar do outro,
a ser tolerantes,
a vivir na apertura de corazón e de mentalidade.
Acende en nós a luz do entendemento,
acrecenta a nosa empatía polos demais,
ensínanos a camiñar xunto cos outros.
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na comprensión.
Axúdanos a ser simples, a pasar facendo o ben.
Queremos ser sinxelos, abertos, amables, dispostos.
Danos forzas para pensar nos demais,
para preocuparnos e ocuparnos dos outros.
Para pensar primeiro nos irmáns,
para ofrecer e dar con alegría e xenerosidade
Danos o teu Espírito, Xesús,
para aprender a vivir na bondade.

Lecturas

XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

Primeira Lectura     Ez 2, 2-5
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no medio deles.

            Naqueles días, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.
            Díxome:
            Fillo de Adán, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min eles e mailos seus pais , que pecaron contra min ata o mesmo día de hoxe.
            Estes fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor".
            Deste xeito, eles escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde han saber de certo que hai un profeta no medio deles.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
R/.  (2cd):  Os nosos ollos están postos no Señor ata que El se apiade de nós.

Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
Coma os ollos do servo
fitan as mans do seu señor.

Coma os ollos da serva
fitan as mans da súa señora,
así os nosos ollos están postos
no Señor noso Deus,
ata que El se apiade de nós.

Apiádate de nós, Señor, apiádate de nós,
pois estamos fartos de desprezo;
farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.



Segunda Lectura     2 Cor 12, 7-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Gloriareime na miña febleza para que habite en min a forza de Cristo

            Irmáns:
            Debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo.
            Por tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: "Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza".
            Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo.
            E por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume evanxelizar os pobres.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 6, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra

            Naquel tempo, saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus discípulos.
            Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
             De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
            Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
            Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
            E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade.
            E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo