* Xoán, un home
que non pertence a ningunha xerarquía e que non posúe poder, cartos, nin tan
sequera autoridade ningunha, é o único que escoita a Palabra de Deus,
invitación para todo o pobo. Sempre é así. É ao pobre ao que hai que escoitar,
para poder oír no máis fondo do noso ser a chamada ao cambio e para poder ver a
salvación de Deus. Cando unha persoa sinxela é quen de aprender a mirar a vida
desde a perspectiva do pobre e do indefenso, síntese chamada a anovar a súa
vida. Escoitar a quen nos chama desde o deserto da pobreza é sempre escoitar
unha chamada á conversión.
* Hoxe un grito estridente e
doloroso resoa no noso mundo: o berro dos pobres, dos indefensos, dos
atropelados pola inxustiza, os anciáns, os humillados, os manipulados, os
inmigrante, os parados .... son a voz de quen nos urxe a comprometer a nosa
vida de xeito persoal e comunitario para endereitar, abaixar, igualar... Só así
poderemos ver a salvación de Deus. Hai anos, publicouse a Declaración Universal
dos Dereitos Humanos e tanto tempo despois aínda queda moito camiño por andar
para que en todo o mundo as persoas vexan respectada a súa dignidade.
* Vivimos máis e mellor informados
que nunca, porén cada vez son máis os que non teñen razóns convincentes que
dean sentido á súa vida. É posible unha comunicación rápida e eficaz entre as
persoas e os pobos, porén cada vez cústanos máis establecer relacións de amor e
de amizade. Cada vez son maiores as posibilidades de viaxar e divertirse; pero
ao mesmo tempo segue medrando o número de persoas insatisfeitas .... Esquecemos
que a vida é un proxecto - tarefa que hai que ir resolvendo día a día e que hai
que formular ben. O que nos caracteriza aos seguidores de Xesús é que á hora de
deseñar a nosa vida, ao darlle un sentido, ternos como un punto de referencia
seguro: a súa vida e a súa mensaxe.
* Por iso é importante escoitar con
atención a voz do profeta: "Preparádelle o camiño ao Señor". A
preparación consiste na igualación das relacións humanas, que deben pasar da
desigualdade á igualdade, da inxustiza á xustiza. E ese cambio debe ser
interior e exterior. O camiño e os carreiros fan referencia a algo que ten
relación con todos, a un mundo novo, a unha no va sociedade, ao Reino de Deus
(co esplendor que narra Baruc). É doado sentir a impotencia diante da
complexidade da sociedade actual e o pouco que se pode facer; pero a voz do
profeta é un reto para todos. Non se pode ver a salvación de Deus se non hai
conversión, se non hai cambio, se non hai compromiso práctico do compartir e da
solidariedade, se non nos remangamos e poñemos as nosas mans ao servizo dos
demais. A que esperamos?; preparemos o camiño.