sábado, 8 de diciembre de 2012

Comentario


* Xoán, un home que non pertence a ningunha xerarquía e que non posúe poder, cartos, nin tan sequera autoridade ningunha, é o único que escoita a Palabra de Deus, invitación para todo o pobo. Sempre é así. É ao pobre ao que hai que escoitar, para poder oír no máis fondo do noso ser a chamada ao cambio e para poder ver a salvación de Deus. Cando unha persoa sinxela é quen de aprender a mirar a vida desde a perspectiva do pobre e do indefenso, síntese chamada a anovar a súa vida. Escoitar a quen nos chama desde o deserto da pobreza é sempre escoitar unha chamada á conversión.

  * Hoxe un grito estridente e doloroso resoa no noso mundo: o berro dos pobres, dos indefensos, dos atropelados pola inxustiza, os anciáns, os humillados, os manipulados, os inmigrante, os parados .... son a voz de quen nos urxe a comprometer a nosa vida de xeito persoal e comunitario para endereitar, abaixar, igualar... Só así poderemos ver a salvación de Deus. Hai anos, publicouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e tanto tempo despois aínda queda moito camiño por andar para que en todo o mundo as persoas vexan respectada a súa dignidade.

   * Vivimos máis e mellor informados que nunca, porén cada vez son máis os que non teñen razóns convincentes que dean sentido á súa vida. É posible unha comunicación rápida e eficaz entre as persoas e os pobos, porén cada vez cústanos máis establecer relacións de amor e de amizade. Cada vez son maiores as posibilidades de viaxar e divertirse; pero ao mesmo tempo segue medrando o número de persoas insatisfeitas .... Esquecemos que a vida é un proxecto - tarefa que hai que ir resolvendo día a día e que hai que formular ben. O que nos caracteriza aos seguidores de Xesús é que á hora de deseñar a nosa vida, ao darlle un sentido, ternos como un punto de referencia seguro: a súa vida e a súa mensaxe.

    * Por iso é importante escoitar con atención a voz do profeta: "Preparádelle o camiño ao Señor". A preparación consiste na igualación das relacións humanas, que deben pasar da desigualdade á igualdade, da inxustiza á xustiza. E ese cambio debe ser interior e exterior. O camiño e os carreiros fan referencia a algo que ten relación con todos, a un mundo novo, a unha no va sociedade, ao Reino de Deus (co esplendor que narra Baruc). É doado sentir a impotencia diante da complexidade da sociedade actual e o pouco que se pode facer; pero a voz do profeta é un reto para todos. Non se pode ver a salvación de Deus se non hai conversión, se non hai cambio, se non hai compromiso práctico do compartir e da solidariedade, se non nos remangamos e poñemos as nosas mans ao servizo dos demais. A que esperamos?; preparemos o camiño.
 Remol

No hay comentarios:

Publicar un comentario