domingo, 27 de diciembre de 2015

A SAGRADA FAMILIA

            Estamos no tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que ó nacer fai case desaparecer co seu resplandor a lúa e mailas estrelas. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ós agarimosos animais domésticos que a tradición coloca arredor do Neno Xesús.
            Mais, pese a todo, os que están á beira de Xesús son sempre algo esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo como fillo benquerido do Deus Pai. Pois a palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela aparece, polo contrario, en familia. Porque é o Deus Pai mesmo quen existe tamén en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con trazos familiares. O Deus cristián é un determinado xeito, o máis misterioso e fondo que se pode concibir, de vida familiar. Deus é Pai, é Fillo e é Espírito Santo. Un marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo de todo vivir humano.
            Cando Xoán quere definirnos e describirnos como é Deus, dinos que el é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir, se Deus fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus como amor se se nos di que Deus é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
            Familia significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia lévanos en principio máis alá do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou recursos que lles sobran ás familias ricas e ben situadas, mais que é abondosa en algo que, se non se ten, de pouco lle servirían en último termo eses outros medios e recursos exteriores. Pois se algo ten esta primeira familia formada por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a face e o corazón de Deus mesmo. Por iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”, a “Sagrada Familia” que hoxe estamos a celebrar.
            Chámame a atención que na primeira Lectura, do  libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o amar, respectar, atender ou honrar ós pais (tanto á nai coma ó pai). En cambio, non se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten ou honren ós pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente a eles. Para aprender a amar hai que recibir antes amor. Non se lle pode demandar a ninguén amor se antes el mesmo non o recibiu. Os fillos só poderán amar a seus pais se experimentan a cotío o seu amor, o seu coidado, o seu agarimo. É así, e non doutra forma, como se constrúe unha verdadeira familia, unha familia na que todos os seus membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó mesmo tempo, se recoñecen, respectan e queren como diferentes.
            Precisamente por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e forzas para amar a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o moito que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver e experimentar no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó darnos o seu Fillo benquerido, sentirémonos tamén pola nosa parte fondamente movidos a amar a Deus, a Xesús e ós irmáns e irmás nosos de todo o mundo.
            Só así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos capaces de formarmos entre todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a esa familia primordial que Deus mesmo é.
            Desde estas consideracións, é doado comprender o programa que Paulo pon diante nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais, non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser considerada como algo inferior e subordinado ó home e no que a importancia do amor ós fillos tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta.
            Algo que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a xulgar pola sorpresa e admiración da xente, cando o papa Francisco nos fala da importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco xustifica este comportamento seu co que nos di na súa Exhortación “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa persoa. Máis alá de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.
            Como vedes, Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada”. De modo que non nos deberiamos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros, Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada Familia”. Para Francisco, como tamén así o era para Xesús, “sagrados” somos todos, máis alá da nosa aparencia exterior. Así como lle damos un bico a unha reliquia ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis razón llo deberiamos dar a un enfermo ou a un leproso. Así o proclama polo menos quen está aí, como bispo de Roma, aprendéndonos a nos comportar con todos como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús que se fixo irmán de todos.

            Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na nosa fe, na nosa esperanza e no noso amor mutuo en canto membros dunha mesma familia que somos ou que, polo menos, estamos chamados a ser.

miércoles, 23 de diciembre de 2015

10 Ensinanzas da Nai Teresa de Calcuta

Co anuncio recente da canonización da Nai Teresa [será o 4 de setembro], convén lembrar algunhas das súas exhortacións máis inspiradoras (e retadoras).

1) Se estás a xulgar ás persoas, non tes tempo de amalas.

2) A maior enfermidade de Occidente hoxe non é a tuberculose ou a lepra; é non ser querido, non ser amado e que ninguén se preocupe por ti. Podemos curar as enfermidades físicas co medicamento, pero a única cura para a soidade, a desesperación e a falta de esperanza é o amor. Hai moitos no mundo que morren por un anaco de pan, pero hai moitos máis que morren por un pouco de amor. A pobreza de Occidente é un tipo distinto de pobreza - non é só unha pobreza de soidade, senón tamén de espiritualidade. Hai unha fame de amor así como hai fame de Deus (Camiño de sinxeleza).

3) Cal é o meu pensamento? Eu vexo a Xesús en cada ser humano. Dígome: este é Xesús famento, teño que darlle para comer. Este é Xesús enfermo. Este ten lepra ou gangrena; teño que lavarlle e atenderlle. Eu sirvo porque amo a Xesús.

4) Sede amables cos demais nos vosos fogares. Sede amables cos que vos rodean. Prefiro que cometades erros na amabilidade antes que facer milagres con crueldade. A miúdo basta unha palabra, unha mirada, un xesto, e a escuridade enche o corazón dos que amamos (A alegría de amar).

5) Rezo para que entendas as palabras de Xesús, “Amádevos uns a outros como eu vos amei”. Pregúntate: ¿Como me amou El a min? ¿De verdade amo da mesma forma aos demais? Ata que este amor non estea en nós, podemos matarnos a traballar e será só traballo, non amor. O traballo sen amor é escravitude (Ven, sé a miña luz).

6) Un sacrificio, para ser verdadeiro, ten que custar, ten que doer, ten que baleirarnos de nós mesmos. O froito do silencio é a oración, o froito da oración é a fe, o froito da fe é o amor, o froito do amor é o servizo, o froito do servizo é a paz.

7) Buscar o rostro de Deus en todo, en todas as persoas, en todo momento, e a súa man en todo acontecemento; isto é o que significa ser contemplativo no corazón do mundo. Ver e adorar a presenza de Xesús, especialmente na humilde aparencia do pan, e na angustiosa forma dos pobres (No corazón do mundo).

8) O que ti fas eu non podo facelo, e o que eu fago ti non podes facelo, pero xuntos estamos a facer algo fermoso para Deus, e esa é a grandeza de Deus por nós - darnos a oportunidade de ser santos a través das obras do amor que realizamos, porque a santidade non é o luxo duns poucos. É unha tarefa sinxela para ti, para min - o teu no teu lugar, no teu traballo, e eu e os demais, cada un de nós, no traballo, na vida é onde prometemos honrar a Deus… Ti debes levar o teu amor por Deus á vida (Onde hai amor está Deus).

9) Cando un pobre morre de fame, non sucedeu porque a Deus non lle importe el ou ela. Sucede porque nin ti nin eu demos a esa persoa o que necesitaba.

10) Xesús quere que eu vos repita - canto é o amor que ten por cada un de vós? moito máis do que podedes imaxinar… Non só vos ama, moito máis - anhélavos. Bótavos de menos cando non estades preto. Ten sede de vós. Ámavos sempre, mesmo cando non vos sentides dignos diso… (Ven, sei a miña luz).

lunes, 21 de diciembre de 2015

ANO XUBILAR DA MISERICORDIA

O pasado día 8 deste mes, solemnidade  da INMACULADA CONCEPCIÓN,  ás 9’30 da mañá o Papa Francisco rompeu o muro simbólico que cerraba a Porta Santa da Basílica de San Pedro en Roma, para cruzar en procesión os cardeais, bispos e relixiosos encabezados polo Papa iniciando o Xubileu que rematará o 20 de novembro do vindeiro ano 2016, último domingo do Ano litúrxico.
En realidade, é como un feito único na historia que o Papa inaugurara este Ano Xubilar o primeiro domingo do Advento abrindo unha porta Santa na catedral de Bangui na capital da República Centroafricana  que visitou recentemente, dándolle así un sentido más universal á celebración deste Ano.
Na catedral compostelán abriuse a Porta Santa o pasado domingo, día 13, ás cinco da tarde, con unha gran cerimonia, na que o Sr. Arcebispo D. Julián, invitara a todos os diocesanos.
¿Qué é un xubileu? ¿Para que sirve? ¿E por que este é extraordinario? Os xubileus chámanse tamén ano santo, e para os católicos significa poder obter o perdón de todos os pecados a través dunha serie da actos  nos que se concede a indulxencia plenaria.
O xubileu romano celébrase cada vintecinco anos. O último ordinario foi o ano 2000 e o próximo será no 2025. Nembargante, o Papa pode decidir celebrar algúns extraordinarios explicando os motivos nunha bula papal, como agora o fixo o Papa Francisco. Son anos santos da redención, e conmemoran especialmente o sacrificio redentor de Xesús, por iso acostúmase a relacionar coa obra da salvación do Señor; o último, por exemplo, foi no 1983 e foi decretado san Xoán Paulo II.
¿Por qué da misericordia? ¿É raro? É tan raro que nunca houbo un xubileu temático. O nome  decidiuno Francisco na súa bula papal e baséase en que “a vida da Igrexa está sostida pola misericordia”. O Pontífice explicou que neste momento de grandes cambios, “a Igrexa está chamada a ofrecer de maneira aínda máis clara, os sinais da presenza e cercanía de Deus”.
Francisco non deixa de repetir que a Igrexa ten que volver a encontrar o seu norte, o seu papel na sociedade, que non é outro que axudar aos demais.
¿Cómo celebrará o Papa Francisco ol Ano Santo? O Papa manterá mensualmente visitas no que son “xestos persoais”. Será nos venres. Por exemplo, o día 18 abrirá “unha porta da misericordia” no albergue Don Luigi di Ligero, un centro de acollida de Cáritas. Así, un venres ao mes recordará a esencia deste xubileu, e todo apunta que será con visitas a centros da periferia, que tanto lle gustan ao Papa, e incluso á casa dalgún enfermo concreto. “Son encontros persoais do Papa”, recalcaba o Vaticano.
¿Pódese gañar o xubileu sen ir Roma? Hai moitas maneiras de gañar o Xubileu, a idea é que ninguén quede sen a posibilidade de gañalo en calquera parte do mundo, como fixo inaugurando o Xubileu nese lugar perdido do Mundo. Nós poderémolo gañar na catedral de Santiago, incluso se poderá facer en algunhas  igrexas de cidades e vilas.
Ademais, enfermos  e persoas maiores so terán que seguir a misa pola televisión, e os presos tamén poderán obter o perdón cruzando a porta da súa cela. Unha vez que se traspasa ese umbral simbólico e sagrado, os fieis deben dedicar un momento a oración para cumprir cos últimos requisitos”  a profesión de fe e a oración polo  Papa e polas súas intencións, é aínda que hai liberdade absoluta se recomenda recitar a oración que Papa Francisco preparou para esta ocasión e terminar con unha invocación a Xesús misericordioso.

viernes, 18 de diciembre de 2015

CANONIZACIÓN NAI TERESA DE CALCUTA

   O Papa Francisco asinou o decreto para a *canonización da Nai Teresa de Calcuta, que previsiblemente se producirá o 4 de setembro de 2016, informou hoxe a oficina de prensa do Vaticano.
   Francisco asinou onte pola tarde o decreto polo que se recoñece o milagre que se produciu en 2008 nun home brasileiro, que se atopaba en fase terminal por graves problemas cerebrais e salvou a súa vida pola intercesión da beata fundadora da Congregación das Misioneiras das Caridade. Segundo recolle o diario «*Avvenire», Ao regresar ao quirófano, o doutor atopouse ao paciente sentado, *asintomático, esperto, perfectamente consciente e preguntándose que facía aí. O médico explicou durante a fase de estudo deste suposto milagre que non viu "nunca un caso como este" e que todos os pacientes similares que tratara nos seus dezasete anos de profesión faleceran.
   A data da *canonización da beata Teresa de Calcuta será comunicada polo Papa o próximo mes de febreiro, durante o próximo Consistorio ordinario (asemblea coa presenza de cardeais), pero todo indica que a data na que a monxa de orixe albanesa subirá aos altares será o 4 de setembro de 2016, o domingo máis próximo ao 5 de setembro, data na que morreu en 1997, ademais espérase que sexa un dos grandes eventos que se producirán no marco do Ano Santo Extraordinario da *Misericordia.
   O Papa Xoán Paulo II, gran admirador do labor da Nai Teresa de Calcuta, foi quen en 2002 acelerou o proceso de Beatificación da monxa ao autorizar promulgando nunha mesma sesión os decretos polos que se recoñecían as virtudes heroicas e un milagre pola intercesión da relixiosa, dous dos pasos para ser beatificada.
   O milagre aprobado naquela ocasión foi a suposta «curación inexplicable» dunha muller india de relixión animista, Mónica Bersa, de 34 anos, que padecía un tumor no abdome do que sanou en 1998.
   A Nai Teresa, que será o primeiro premio Nobel que subirá aos altares, foi proclamada beata o 19 de outubro de 2003 nunha cerimonia multitudinaria na Praza de San Pedro do Vaticano. A monxa cuxo verdadeiro nome era Inés Gonxha Bojaxhiu, naceu o 20 de agosto de 1910 en Skopje, capital da actual república de Macedonia, que entón pertencía a Albania.
   Durante a súa vida fundou a Orde das Misioneiras da Caridade e coñeceulla polo seu afán polos máis pobres e desfavorecidos, polo que chegou a ser galardoada con Nobel da Paz en 1979.
   O seu enterro en Calcuta o 5 de setembro de 1997 foi un acontecemento nacional en India, millóns de pobres acompañaron o seu cadáver polas rúas da cidade e ao funeral acudiron tamén xefes de Estado e gobernantes de todo o mundo.

LECTIO

IV DOMINGO DE ADVENTO

          Dentro de só catro días é xa “Noite Boa”. A espera e a esperanza de todo o tempo de Advento concéntranse e apúranse, pois, hoxe coa pronta chegada de Xesús.
            Neste último domingo de Advento propónsenos no Evanxeo, para a nosa meditación e preparación comunitaria da chegada agarimosa de Xesús onda nós, un fermoso e entrañábel texto de Lucas.
            A mociña María, chea de graza, ou mellor, tal como comentabamos noutro domingo, “enchida” por Deus da graza do seu Espírito, adiántase con presteza (“con moita présa”, dinos Lucas), con moita xenerosidade e humildade, a percorrer o camiño que a leva á casa da súa curmá, Isabel. Tanto María como Isabel están á espera de dar a luz. Isabel á espera do seu neno Xoán, o futuro anunciador ou precursor do Señor, e María á espera de agasallarnos co infinito don de Deus: Xesús, irmán noso e fillo benquerido de Deus Pai.

            Toda a liturxia de hoxe (como tamén en xeral a do Advento e Nadal) é, en realidade, relato ou loanza dun encontro. Dun encontro marabilloso: o de Deus con nós, e o de cada un de nós con tódalas persoas deste noso complicado mundo, irmáns nosos, irmás nosas.
            Deus é desde sempre encontro fondo e misterioso. Desde a eternidade éo na súa misteriosa Trindade. Encontro inimaxinábel, impenetrábel para nós, entre o Pai, o Fillo e o Espírito. Pois ben, este íntimo encontro divino, tan fondo e íntimo que por iso mesmo non podemos falar máis que dun só Deus, quere e decide ampliarse ou manifestarse máis alá (por así dicilo) do interior de Deus mesmo cara ó encontro concreto, histórico, con nós en Xesús.
            Deste modo, María, antes có precursor Xoán Bautista, convértese nese seu presto camiñar cara ó encontro coa súa curmá Isabel na primeira precursora de Xesús. Ela anuncia coa súa presenza a presenza de Xesús nela perante Isabel e perante o seu fillo Xoán que está para nacer. María leva consigo ó Xesús que vai nacer. Por medio dela, faise Deus presente en Xesús, mesmo antes do seu nacemento, entre os próximos a María.
            Encontro agarimoso de dúas mulleres que se queren, que se estiman e que mutuamente se axudan. Encontro anticipado de Xoán con Xesús, que enche de alegría ó neno Xoán que está tamén para nacer e ó que fará “brincar de alegría” no seo da súa nai.
            Desde o acontecemento de Xesús, o Deus feito home coma nós, os encontros de Deus cos seres humanos realízanse como encontros igualitarios, amorosos, xenerosos, servizais. Só así poden ser encontros verdadeiramente salvíficos. Deus salva, verte o seu Espírito, dende a proximidade e fraternidade de Xesús. Non dende o “ordeno e mando”, desde o imperio, desde o poder ou desde a intimidación ou a angustia.
            É así como estamos preparándonos verdadeiramente para o próximo encontro da Noite Boa con Xesús. Unha noite á que xustamente chamamos “boa” porque ela é todo o contrario de raios e tormentas, medos e desazos, turbulencias ou violencias. Os relatos evanxélicos do nacemento de Xesús e as tradicións dos nosos nacementos artísticos e populares soubérono expresar moi ben. Un encontro que se realiza no máis espontáneo e inmediato da natureza: alí onde flúe clara a auga e se pode tocar o manso brión, entre años e ovelliñas, á beira do boi quente e tranquilo e da fermosa e quieta muliña. Símbolos todos que falan co seu silencio e coa súa soa presenza de paz, tranquilidade, humildade  e irmandade universal.
            Estamos todos necesitados, ó longo das nosas vidas, desta aura propia do Nadal que está a chegar. Mais non debemos estar só á espera de que eses encontros nos cheguen. Debemos ofrecer nós mesmos este tipo de encontros ós demais. Revestírmonos do espírito de Xesús, que é o espírito de Deus, e actuar co ímpeto e a forza que procede dese mesmo espírito nos nosos encontros e relacións con tódalas persoas. Sobre todo con aquelas que poidan estar máis necesitadas destes encontros fraternais e amorosos.
            A vida humana, toda ela, está chea de encontros. Que estes encontros se convertan en desencontros depende en boa parte de nós. Quero dicir, depende de nós en canto esteamos ou non “enchidos” dese espírito co que María foi ó encontro de Isabel ou co que o neno Xesús se encontrou co neno Xoán. Porque, en definitiva, sempre é Deus o que mobiliza e dá forzas e arte para a realización deses encontros. Encontros que están sempre, por moi humanos que sexan e deban ser, aureolados de divindade.
            Encontros que poden ocorrer no silencio, é dicir, sen palabras. Semellantes a ese “pai ou nai de tódolos encontros” que é o encontro no Nadal de Deus coa humanidade. O encontro cun neno que nin sequera sabe falar, mais, iso si, que está disposto a querer e a ser querido. Para que sexa verdade aquilo de Xoán de que Deus é “amor”.
            A mediados do século pasado escribiu en Vigo José Luis Martín Vigil unha novela moi lida, admirada e reeditada que leva como título “La vida sale al encuentro”. É ben verdade. Toda vida está tecida de encontros. Encontros cos pais, cos irmáns e irmás, cos amigos e amigas, con esposos ou esposas, cos fillos ou cos netos, cos estraños e diferentes. Encontros cos acontecementos agradables ou desagradables da vida, coas ideas, coa nosa conciencia, coa nosa vida toda e coa dos demais, coa morte dos que estimamos ou queremos, coa espera e coa esperanza, co medo da nosa propia morte, etc. E, a través de todo isto, encontro con nós mesmos e co Deus que está no fondo e nos alicerces mesmos de todo este tipo de encontros.
            O que non é posíbel é vivirmos á marxe de moitos destes encontros. Hoxe, a poucos días xa da Noite Boa, deberiamos prepararnos mental e cordialmente para o encontro de tódolos encontros que se concentra nun humilde lugar onde Deus se fai humano e os humanos recibimos a posibilidade de sermos verdadeiramente semellantes a Deus, de participarmos realmente da propia natureza divina.
              Un plan tan grandioso e inimaxinábel que só un Deus verdadeiramente namorado de nós pode concibir. Aquí so cabe agradecer e corresponder.
Manuel Cabada Castro