sábado, 24 de marzo de 2012

LECTURAS


5º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B



Primeira Lectura    Xer 31, 31-34
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Establecerei unha nova alianza e non me lembrarei do pecado

            Velaquí os días é o Señor quen fala
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
é o Señor quen fala .
            Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días é o Señor quen fala :
            Hei meter a  miña lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
            Xa ninguén terá que instruí-lo  compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmán,
dicíndolle: "Respectade o Señor";
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ao máis grande
é o Señor quen fala ,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

                        Palabra do Señor                            
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 50, 3-4. 12-13. 14-15

R/. (12a): Crea, oh Deus, en min un corazón puro.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinarei o teu camiño aos pecadores,
e volverán a ti os descarreirados.


Segunda Lectura     Heb 5, 7-9
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da eterna salvación

            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.
            Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 12, 26

Quen me serve, que me siga, di o Señor;
e onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor.


Evanxeo     Xn 12, 20-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso

            Naquel tempo, algúns dos gregos, que subían a adorar no día da Festa, achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
            Señor, queremos ver a Xesús.
            Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
            Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
            Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
            Chegou entón unha voz do ceo:
            Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
            Ó oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo:
            Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
            Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

                        Palabra do Señor                            
                        R/. Loámoste, Cristo

COMENTARIO



A resurrección implica a morte

«Se o gran de trigo non cae en terra e morre, queda el só; pero se morre dá moito froito» (Jn 12, 24)
Estas palabras de Xesús, máis elocuentes que un tratado, desvélanno-lo segredo da vida. Non hai alegría de Xesús sen dor amada. Non hai resurrección sen morte. Xesús fala aquí del, explica o significado da súa existencia.
Faltan poucos días para a súa morte. Será dolorosa, humillante. Por que morrer, precisamente El que se proclamou a Vida? Por que sufrir El que é inocente? Por que ser calumniado, ridiculizado, cravado nunha cruz, o final máis infamante? E sobre todo por que El que viviu na unión constante con Deus, sentirase abandonado polo seu Pai? Tamén a El a morte dálle medo; pero terá un sentido: a resurrección.
Viñera para reunir os fillos de Deus dispersos, a romper as barreiras que separan a
pobos e persoas, a irmandar os homes divididos entre eles, a levar a paz e construír a
unidade. Pero hai un prezo que pagar: para atraer a todos a si terá que ser elevado da terra na cruz. E aquí está a parábola máis bonita do Evanxeo:
«Se o gran de trigo non cae en terra e morre, queda el só; pero se morre dá moito
froito» El é ese gran de trigo. Neste tempo de Pascua, El aparece no alto da cruz, o seu martirio e a súa gloria, en sinal do amor extremo. Alí El deu todo: o perdón aos seus verdugos, o Paraíso ao ladrón, a nós a súa nai e o seu corpo e o seu sangue, a súa vida ata berrar: "Meu Deus, meus Deus, por que me abandonaches? "
En 1944 eu escribía" Sabes que nos deu todo? Que máis podía darnos un Deus que, por amor, parece que se lle esquece ser Deus? ".
El deunos a posibilidade de ser fillos de Deus: xerou un pobo novo, unha nova
creación.
O día de Pentecostes o gran de trigo caído en terra e morto xa xerminaba en espiga fecunda: tres mil persoas, de tódolos pobos e nacións, convertíanse en "un corazón só e unha alma soa", logo, cinco mil, logo...« Se o gran de trigo non cae en terra e morre, queda el só; pero se morre dá moito froito»
Esta palabra dá sentido tamén á nosa vida, ao noso sufrimento, á nosa morte un día. A
fraternidade universal pola que queremos vivir; a paz, a unidade que queremos construír ó noso arredor é un vago sono, unha quimera se non estamos dispostos a percorrer o mesmo camiño trazado polo Mestre.
Que fixo El para "dar moito froito"?
Compartiuno todo connosco. Asumiu os nosos sufrimentos. Fíxose connosco tebras,
melancolía, cansazo, contraste...Probou a traizón, a soidade, a orfandade... Nunha palabra, fíxose "un connosco", cargando cos nosos pesos.
Así nós, namorados deste Deus que é "próximo" noso, temos un modo de dicirlle que lle
estamos inmensamente agradecidos polo seu infinito amor: vivir como El viviu. E aquí estamos "próximos" a cantos pasan ao noso lado na vida, querendo estar disposto a "facernos un" con eles, a asumir unha desunidade, a compartir unha dor, a resolver un problema, cun amor concreto feito servizo.
Xesús no abandono deuse completamente; na espiritualidade que se centra en El, Xesús resucitado debe resplandecer plenamente e a alegría debe dar testemuño diso.
Chiara  Lubich