sábado, 24 de marzo de 2012

LECTURAS


5º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B



Primeira Lectura    Xer 31, 31-34
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Establecerei unha nova alianza e non me lembrarei do pecado

            Velaquí os días é o Señor quen fala
nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel
unha alianza nova;
non coma a alianza que pactei cos seus pais,
o día no que os collín pola man
para os sacar do país de Exipto;
pois eles quebrantaron o meu pacto,
aínda que eu seguín sendo o seu Señor
é o Señor quen fala .
            Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel
despois deses días é o Señor quen fala :
            Hei meter a  miña lei nas súas entrañas,
escribireina nos seus corazóns,
serei para eles o seu Deus,
e eles serán para min o meu pobo.
            Xa ninguén terá que instruí-lo  compañeiro,
xa ninguén terá que instruír o seu irmán,
dicíndolle: "Respectade o Señor";
senón que todos eles me farán caso,
desde o máis noviño ao máis grande
é o Señor quen fala ,
pois eu perdoareilles a súa iniquidade,
e xa non me lembrarei máis dos seus pecados.

                        Palabra do Señor                            
                        R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 50, 3-4. 12-13. 14-15

R/. (12a): Crea, oh Deus, en min un corazón puro.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Ensinarei o teu camiño aos pecadores,
e volverán a ti os descarreirados.


Segunda Lectura     Heb 5, 7-9
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Aprendeu a obediencia e fíxose autor da eterna salvación

            Cristo, nos días da súa vida mortal, a berros e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa docilidade.
            Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse para todos os que lle obedecen en causa de salvación eterna.

                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Xn 12, 26

Quen me serve, que me siga, di o Señor;
e onde eu estou, alí estará tamén o meu servidor.


Evanxeo     Xn 12, 20-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Se o gran de trigo morre enterrado, dará froito abondoso

            Naquel tempo, algúns dos gregos, que subían a adorar no día da Festa, achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:
            Señor, queremos ver a Xesús.
            Foi Filipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:
            Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai.
            Agora o meu espírito está turbado. E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.
            Chegou entón unha voz do ceo:
            Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.
            Ó oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo:
            Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.
            Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

                        Palabra do Señor                            
                        R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario