viernes, 18 de enero de 2013

Comentario


Rematado o tempo de Nadal, é momento de retomar hábitos de comportamento que neste intervalo festivo fomos deixando de lado. Con tranquilidade, e sen necesidade de poñer sorriso de festa, aínda que é bo regalar sorrisos, volvemos ás tarefas cotiás para seguir crecendo como persoas e desenvolvendo, sen moito barullo e con responsabilidade, os quefaceres habituais que nos van facendo descubrir a sinxeleza da vida, sen ter que recorrer a extravagancias ou rarezas. O tempo Ordinario resitúa a nosa vida para mostrarnos que cando un fai ben as cousas, cando un é capaz de buscar e repartir o tempo con racionalidade –sentidiño– podemos chegar a concretar aqueles proxectos e ilusións que nos propuñamos no comezo do ano. Deste xeito, con tempo e paciencia, a constancia, da que hai uns días falabamos, convértese en vertixe sobre o que imos avanzando e acadando que os propósitos non queden en boa vontade, senón se convertan en realidades concretas que nos van axudando a sentírmonos a gusto co que facemos, co horizonte e sentido que nos temos marcado na vida. E neste horizonte aparece Deus como amigo no camiño, e a fe como medio desde o que descubrimos o valor do encontro comunitario, a tarefa compartida, e a oración agradecida por sabernos acompañados en gozos e esperanzas, en tristuras e dificultades. Unha vez máis, Deus váisenos mostrando na compaña de quen nos escoita, na man que se nos tende, no tempo que outros nos dedican ou no esforzo de repartir o que temos para que máis poidan gozalo. E todo desde o amor, ese amor que deixa de ser unha palabra recurso para converterse en dispoñibilidade.

Aquí, e non noutros sitios, é onde atopamos de verdade e sen finximentos as marabillas do Señor. Unhas marabillas que veñen con nome e apelidos, con rostro recoñecible, con sorriso sincero, e non posicionamento diante dunha cámara de fotos ou de vídeo. Un posicionamento que moitas das veces é irreal e pura ficción. Non ocorre así coas marabillas de Deus porque estas podemos velas, prezalas e compartilas desde a nosa relación, san e sincera, de colaboración e axuda de uns para cos outros. E isto só pode ser deste xeito se sae da sinceridade que poñemos á hora de facer estas accións que quedan inmortalizadas como pequenos sinais de que a presenza de Deus non se agocha, senón que se vai mostrando no que de ben e bo sexamos capaces de facer.
  
Unha presenza que é verdadeiro sopro do Espírito, e que vai repartindo azos de reflexión e acción nas nosas vidas. Por que nos é tan difícil moitas veces recoñecer esta presenza?. Por que temos tanta dificultade en confiar nela, namentres somos crédulos, inxenuos e a boa fe cando escoitamos isto ou aquilo na radio ou na televisión, e o cremos sen cuestionarnos se é ou non verdade? Por que a Deus o aparcamos porque non o vemos, e porén seguimos necesitando que nos conten, digan, ou mostren situacións ás que non lle poñemos nin o máis mínimo dos cuestionamentos?  Por que nos custa tanto deixarnos levar pola forza do Espírito, e con todo a nosa credulidade fai que nos deixemos enganar por tantos interesados e aproveitados que só buscan xogar connosco para obter eles moi bos beneficios?  Por que non acabamos de darnos conta que a Deus non lle vai nisto máis que o amor e o cariño que nos ten, namentres hai outros “deusiños” que o que lles vai, e moito, non é outra cousa que facer medrar os billetes na súa carteira?

En Xesús descubrimos a resposta: os seus sinais non queren ser máis que mostra de amor, achegamento, respecto e preocupación por canto nos fai felices; namentres que nos que nin son coma el nin lles interesa esforzarse por selo, só hai desconfianza e ansia de medrar. Neste tempo de crise, no que vemos como as persoas poden dar ou mellor canto somos capaces de facer polos outros, esforzarnos por mirar os sinais de Xesús cos seus ollos, non pode traernos máis que forza interior para superar atrancos e dificultades, e capacidade de unir esforzos para defender todo aquilo que faga que as persoas se sintan mellor, se descubran máis libres e se recoñezan na súa total humanidade. Que mellor sinal ca esta, como ocorreu en Caná de Galilea, para dicirlle aos mercadores, que hoxe tanto abundan, e que buscan beneficios á custa das persoas, que non estamos dispostos a favorecerlles o enriquecemento das súas contas persoais. Que o benestar que queremos non é para uns poucos, senón para todos, porque todo se todas somos fillos de Deus, e non mercadoría que se compra con engano e se vende ao que máis paga. Que saibamos ser pacientes, como o foi Xesús en Caná, para ofrecer o mellor de nós e gozar co sorriso do irmán ou da irmá.

Lecturas


DOMINGO II DO TEMPO ORDINARIO. CICLO C

PRIMEIRA Is 62, 1-5
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Alégrase o esposo pola súa esposa

Por Sión non quedarei en silencio,
e por Xerusalén non ficarei quedo,
ata que a súa xustiza saia como un resplandor
e a súa salvación alume coma unha lámpada.
 Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,
chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.
Serás coroa preciosa na man do Señor
e turbante rexio na palma da man do teu Deus.
Non se che volverá chamar "Abandonada",
nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",
senón que a ti se che chamará "Ti é-lo meu amor"
e á túa cidade se lle chamará "A casada".
Si, o amor do Señor estará en ti,
e a túa cidade casará.
Como casa un mozo cunha virxe,
así casará contigo o teu Constructor.
O gozo que sente o noivo pola noiva,
sentirao o teu Deus por ti.


SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c
R/ (3): Cantade ante tódolos pobos as marabillas do Señor

Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cántalle ó Señor, terra enteira;
cantade ó Señor e bendicide o seu nome,
pregoade tódolos días a súa salvación;
cantade entre as xentes a súa gloria;
ante tódolos pobos, as súas marabillas.

Tributade ó Señor, pobos todos,
tributade ó Señor honor e forza,
tributade ó Señor a gloria do seu nome.
adorade o Señor con vestido sagrado,
treme na súa presencia a terra enteira.

Dicide entre as xentes:
-"O Señor reina,
goberna os pobos rectamente".


SEGUNDA 1 Cor 12, 4-11
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS CORINTIOS
Un e o mesmo Espírito repartindo a cada un como a El lle parece.

Irmáns e irmás:
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
 A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aque-loutro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.
Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.


ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14:
Deus chamounos por medio do Evanxeo
para adquiri-la gloria
do noso Señor Xesús Cristo


EVANXEO Xn 2, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea

Naquel tempo houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:
-Non che teñen viño.
 Replicoulle Xesús:
-Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
 Súa nai díxolles entón ós servidores:
-Facede o que el vos diga.
 Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
-Enchede de auga as tinas.
 Eles enchéronas de todo.
 Díxolles entón:
-Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
 Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:
-Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.
 Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.