viernes, 18 de enero de 2013

Lecturas


DOMINGO II DO TEMPO ORDINARIO. CICLO C

PRIMEIRA Is 62, 1-5
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Alégrase o esposo pola súa esposa

Por Sión non quedarei en silencio,
e por Xerusalén non ficarei quedo,
ata que a súa xustiza saia como un resplandor
e a súa salvación alume coma unha lámpada.
 Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,
chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.
Serás coroa preciosa na man do Señor
e turbante rexio na palma da man do teu Deus.
Non se che volverá chamar "Abandonada",
nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",
senón que a ti se che chamará "Ti é-lo meu amor"
e á túa cidade se lle chamará "A casada".
Si, o amor do Señor estará en ti,
e a túa cidade casará.
Como casa un mozo cunha virxe,
así casará contigo o teu Constructor.
O gozo que sente o noivo pola noiva,
sentirao o teu Deus por ti.


SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c
R/ (3): Cantade ante tódolos pobos as marabillas do Señor

Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cántalle ó Señor, terra enteira;
cantade ó Señor e bendicide o seu nome,
pregoade tódolos días a súa salvación;
cantade entre as xentes a súa gloria;
ante tódolos pobos, as súas marabillas.

Tributade ó Señor, pobos todos,
tributade ó Señor honor e forza,
tributade ó Señor a gloria do seu nome.
adorade o Señor con vestido sagrado,
treme na súa presencia a terra enteira.

Dicide entre as xentes:
-"O Señor reina,
goberna os pobos rectamente".


SEGUNDA 1 Cor 12, 4-11
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS CORINTIOS
Un e o mesmo Espírito repartindo a cada un como a El lle parece.

Irmáns e irmás:
Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
 A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aque-loutro o mesmo Espírito concédelle fe. A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.
Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.


ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14:
Deus chamounos por medio do Evanxeo
para adquiri-la gloria
do noso Señor Xesús Cristo


EVANXEO Xn 2, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea

Naquel tempo houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:
-Non che teñen viño.
 Replicoulle Xesús:
-Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
 Súa nai díxolles entón ós servidores:
-Facede o que el vos diga.
 Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
-Enchede de auga as tinas.
 Eles enchéronas de todo.
 Díxolles entón:
-Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
 Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:
-Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.
 Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario