Lucas foi chamado por Dante o "escriba da mansedume de
Cristo" É, de feito, o evanxelista que máis subliña a misericordia do
Mestre polos pecadores e o que máis narra escenas de perdón (Lc 7,36-50; 23,
39-43). No evanxeo de Lucas, a misericordia de Deus maniféstase en Xesucristo.
Pódese dicir, que o Xesús de Lucas é a encarnación da presenza misericordiosa
de Deus entre nós. "Sede misericordiosos, como é misericordioso o voso
Pai" (Lc 6,36). Lucas pon de relevo unha imaxe de Deus, xa revelada no
Antigo Testamento (Ex 34,6), pero que desgraciadamente parece que fose
esquecida polos escribas e fariseos que facían fincapé na imaxe dun Deus
"que castiga a culpa dos pais nos fillos" (Ex 34,7). Os fariseos e os
escribas, en efecto, presumían de ser xustos aos ollos de Deus, porque non
quebrantaban a lei de Deus. Xesús critica esta conduta co seu ensino e co seu
modo de obrar. El, o "xusto" de Deus (1Pt 3,18), "recibe os
pecadores e come con eles" (Lc 15,2). Pénsese na parábola do publicano que
volve á casa dende o templo xustificado, a diferenza do fariseo que se
ensoberbeceu diante de Deus xulgando ao seu próximo(Lc 18, 9-14). Xesús fainos
ver que o pensar e o obrar de Deus son moi diversos do pensar e obrar humanos.
Deus é diverso, e a súa transcendencia maniféstase na misericordia que perdoa
as culpas. "O meu corazón conmóvese dentro de min, e as miñas entrañas
conmovéronse. Non levarei para efecto o ardor do meu cólera...porque son Deus e
non un home; son o Santo no medio de ti e non me comprazo en destruír" (Os
11, 8-9).
Esta parábola do "fillo pródigo", ilumina este
rostro do Deus Pai misericordioso. Por isto, algúns refírense a esta
narración como "a parábola do Pai pródigo na misericordia e o
perdón". A pasaxe evanxélica forma parte dunha cadea de tres parábolas
sobre a misericordia, cun preámbulo, que nos fai contemplar a "todos os
publicanos e pecadores" que se achegan a Xesús para escoitalo (Lc 15,1).
Estes reflíctense no fillo menor, que entra dentro de si e comeza a reflexionar
sobre a súa condición e sobre o que perdeu marchando fóra da casa do seu pai
(Lc 15,17-20). É interesante ter en conta o verbo "escoitar", que nos
leva á escena de María a irmá de Marta, " a cal, sentada aos pés de Xesús,
escoitaba a súa palabra" (Lc 10, 39); ou tamén a aquela outra da
xente" que viñeran para escoitalo e ser curada das súas enfermidades"
(Lc 6,18). Xesús recoñece os seus parentes, non polo lazo do sangue, senón por
este comportamento. María, a Nai de Xesús, foi gabada por este comportamento de
escoita contemplativa, ela que "gardaba todas estas cousas meditándoas no
seu corazón" (Lc 2, 19,51). Isabel proclamaa ditosa porque " creu
que se cumprirá o que se lle dixo de parte do Señor" (Lc 1,45), revelado
na escena da anunciación (Lc 1, 26.38).
Á misericordia do pai que se conmove (Lc 15,20), contraponse
a conduta severa do fillo maior, que non acepta o seu irmán como tal, senón que
no diálogo co pai defineo "este fillo teu que malgastou todos os seus
bens con prostitutas " (Lc 15,30). Aquí entrevese a conduta dos escribas e
dos fariseos que "murmuraban: «Este recibe os pecadores e come con eles..»
". Eles non se mesturan cos "pecadores" considerados inmundos,
senón que se distancian deles. A conduta de Xesús é totalmente diversa e é
escandalosa aos seus ollos. A Él gústalle entreterse cos pecadores e algunha
vez ata se invita pola súa conta a visitar as súas casas e comer con eles. (Lc
19, 1-10). A murmuración dos escribas e fariseos impide a escoita da Palabra.
Moi suxestivo é o contraste entre os dous irmáns. O menor,
recoñece a súa miseria e a súa culpa, regresa á casa dicindo: "Pai, pequei
contra o ceo e contra ti; xa non son digno de chamarme fillo teu (Lc 15,
18-19,21). O maior, móstranos unha postura de arrogancia, non só con respecto
ao seu irmán, senón ata co seu pai! Os seus reproches contrasta moito coa
dozura do pai que saíndo da casa, vai ao seu encontro a "pregalo que entre
na casa. O pai compórtase de igual xeito cos seus dous fillos, e vai ao
encontro deles para facelos entrar na casa (Lc 15, 20, 28). É a imaxe de Deus Pai que nos invita á conversión, a volver a Él: "Volve, apóstata
Israel, di o Señor. Non che mostrarei o meu rostro indignado, porque eu son
misericordioso, di o Señor. Recoñece, pois, a túa maldade, pois contra o teu
Deus pecaches dispersando os teus camiños cara aos estraños, baixo toda árbore
frondosa e desoíndo a miña voz. Oráculo do Señor. Volvede, fillos rebeldes - di
o Señor - porque eu son o voso dono" (Jer 3, 12 -14).