No noso mundo parece que todo ten un prezo. Todo pode
comprarse, tamén as persoas, e se cadra aínda máis nestes tempos de crise: económica,
moral, de valores.. Como nos tempos de Amós, moitos tamén seguen preguntándose
cando pasará esta maldita crise para poder vender con xuros, a que país
poderemos mandar os cartiños para telos seguros, onde poderemos conseguir man
de obra barata, quen estará máis desesperado para facernos este traballo por
menos soldo... En definitiva, estamos pagando as consecuencias de facer
sinónimos cartos e felicidade, de axeonllarnos diante do deus mercado, de
deshumanizar a economía...e iso fai que pouco a pouco o noso corazón se vaia
corrompendo e busque escusas para venderse ao mellor ofertante. Xa non hai ideais, xa non hai
coherencia, xa non hai honestidade, xa non hai…. Vendemos todo! Unha
meirande parte dos nosos representantes públicos non se decata de que son
simples xestores, e malgastan ou estafan os cartos que son de todos, recortando
logo drasticamente en asuntos sociais nos que non cabe recortar. Quen sae
prexudicado? Pois, coma sempre, os máis débiles.
* E a esta
compra-venda tampouco é allea a nosa Igrexa, que en demasiadas ocasións esquece
que o seu é vivir na gratuidade e na austeridade. E é que no fondo todos temos
algo de comerciantes, e é tan tentador vivir en pecado!. Parécenos que a
Eucaristía na que rezamos aos nosos defuntos ten máis valor se nos cobran o
estipendio correspondente e se é unipersoal ou unifamiliar; cremos que se chega
antes ao ceo se no funeral hai tres ministros en vez dun só; pensamos que somos
mellores se poxamos por levar aquel santo na procesión....E, pola banda dos que
mandan, a cousa non está mellor. Pagámoslle a un compañeiro porque nos vén
presidir unha celebración o día da festa, cobramos estipendios abusivos,
pensamos que é unha boa parroquia aquela na que os seus fregueses teñen un bo
nivel económico, estamos dispostos a presidir celebracións coma churros se nos
pagan convenientemente. Pararnos, falar coa xente, escoitar.... parvadas! O
único importante é o culto, sobre todo ao deus mercado, que fai medrar a nosa
conta corrente. En resumo, cremos que se pagamos polos servizos relixiosos,
estamos mellor xustificados e temos máis dereitos.
* Por iso que ben
nos vén repetir o que o Señor nos lembra no evanxeo; aquilo de que non podemos
servir a Deus e aos cartos, porque amaremos a un e aborreceremos ao outro. E
isto é o que está a pasar na nosa igrexa: non só que o deus son os cartos,
senón tamén que os “representantes de Deus” fixeron un becerro de ouro, o dos
cartos, diante do que se prostran esquecendo que son a gratuidade, o amor e o
servizo, os camiños que temos que andar.
* Unha vez máis, a
Palabra chámanos a sermos coherentes, a non deixarnos corromper, a sermos fieis
e responsables no pequeno, nesas cousas miúdas que van tecendo a nosa vida, a
non esquecermos que os cartos non dan a felicidade. Axúdanos, Señor, para que a
corrupción, ningún tipo de corrupción, aniñe no noso corazón.