sábado, 28 de febrero de 2015

Reflexión

·       A figura de Abrahán e o suficientemente significativa como para que dela saquemos o que ben poderían ser actitudes desde as que confrontar a nosa vida. Nel percibimos a súa capacidade de responder -mesmo a unha esixencia tan grande como é a entrega do seu fillo-, á confianza que Deus puxera nel. O seu aquí estou é significativo dun xeito de estar e entender a vida. Unha resposta que non busca xustificación ou escusas, senón que medra e se desenvolve na confianza. Unha confianza que sabe non se vai ver rota nin pola insensibilidade nin pola indiferenza. El confía en Deus -mesmo nunha situación extrema-, e Deus sabe entender e valorar esa confianza de Abrahán. Unha confianza que supón poñelo no límite do que é unha resposta humana ante a decisión radical que ha tomar: renunciar a quen é parte de si mesmo, carne da súa carne, o seu fillo. Con dor; pero non con desconfianza, Abrahán dá un paso cara adiante, a pesares do que iso lle supoña. Pode parecer que Deus é un sádico que goza coa dor daqueles que o confesan e o seguen; todo o contrario: o que se quere mostrar é como cando temos que tomar decisións importantes, esenciais na nosa vida, os valores, os principios, o saber distinguir que cousas son secundarias e cales fundamentais é básico. Que é o que nos guía e enche e que é aquilo do que, por un ben maior, podemos, inda que nos doa, entregalo. Nesta situación atópase Abrahán, e con el moitos como “Abrahán” que no mundo de hoxe loitan e poñen o mellor de si ao servizo do sentido dunha vida que se vai desenvolvendo en proxectos e ilusións que non se quedan no recuncho do beneficio propio, senón que serven para abrir camiño de esperanza e dignidade a tantas persoas ás que con esa renuncia ao propio, supoñen xustiza e amor, recoñecemento, para quen ve pisados os seus dereitos, a súa humanidade.

·        No xeito de responder de Abrahán móstrase tamén cal é o camiño que queda por diante. Porque as cousas non son nin para o momento nin para un día. Inda que vivimos na cultura do efémero, non é este -non pode selo-, o que marque canto queremos ser e facer coa nosa vida. Nun momento cultural como é este noso, no que para moita xente é difícil darlle continuidade ás cousas que fan, o que os leva a conectar e desconectar, sen continuidade nin coherencia co que fai, na Palabra de Deus que hoxe vimos de escoitar, atopamos unha resposta –que non ten por que ser única- para non deixarnos vencer polo “presentismo” nin pola forza única e exclusiva dos afectos. Crer ofrécenos unha posibilidade de racionalidade diante da opción, suxerinte -non podemos negalo-, da afectividade á que moitas veces lle falta a perspectiva da globalidade. Isto evita converter nun absoluto o que só é un paso ao longo do proceso. Por iso diciamos con convicción:”camiñarei na presenza do Señor”. Unha presenza que non nos quita nin as dificultades nin os problemas; pero si que nos dá a forza de non sabérmonos solos, e de ofrecernos un horizonte de plenitude cara ao que nos invita a camiñar. E entendemos logo por que, desde a realización deste camiño, Paulo fainos as preguntas que apuntan a que deamos, persoalmente, resposta desde o que son os alicerces (valores, principios, esixencias...) da nosa vida. Se confiamos en Deus, se imos descubrindo que El vai acompañando as nosas decisións e alentándonos cando estas non son as máis acertadas, entenderemos a razón da Encarnación.O Deus que nos quere e terma de nós, faise un igual e presente entre nós. Xa non hai nin distancia nin separación:está. Non nos dá de costas.A vida do crente é logo unha invitación a facela cristocéntrica, é dicir, a poñer a Cristo no centro daquelas decisión desde as que queremos orientar e dar sentido a nosa vida.

·        Canto vimos dicindo ata o de agora fai que entendamos moito mellor o Evanxeo que acabamos de proclamar. Mellor, que entendamos a reacción de Xesús ante a pretensión dos que estaban ao seu lado de desconectar das dificultades, problemas e tensións que cada día temos que vivir nas nosas familias, nas parroquias, nos traballos... no mundo do que formamos parte. Non podemos escapar de todas estas situacións, ao contrario, a fe invítanos, úrxenos a facerlle fronte, e a non deixar que elas acaben impoñéndose e reducíndonos a ser simples “suxeitos pasivos” do que pasa ao noso redor; ou das decisións que outros toman por nós, como se foramos simples peóns de xadrez que nos moven ao seu antollo. Xesús faille unha chamada de atención aos discípulos, e neles a todos/as nós, para que non deixemos que nos ceguen as cousas efémeras que moitas veces nos fan crer nunha realidade que non é máis ca pura ficción. Que non nos asusten os problemas, ao contrario, busquemos facerlles fronte para que non sexan outros os que tomen as decisións por nós e se aproveiten da nosa inxenuidade.


sábado, 21 de febrero de 2015

LECTURAS

I DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO B

  
Primeira Lectura      Xen 9, 8-15
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Alianza de Deus con Noé liberado das augas do diluvio

            Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
            "Vou establecer a  miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.
            Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
            E Deus engadiu:
            "Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL           Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (cf. 10): Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
                        para os que gardan a súa alianza.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.



Segunda Lectura     1 Pe 3, 18-22
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Agora salvouvos o bautismo

            Benqueridos irmáns:
            Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
            Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados, que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo lixoso,
senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita de Deus,
despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



VERSÍCULO    Mt 4, 4b
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.



Evanxeo      Mc 1, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Era tentado por Satán e os anxos servíano

            Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
            O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN

*       Ter a oportunidade de dedicarnos un tempo para revisar as nosas actitudes e comportamentos, á vez que sentimos a forza e a axuda da comunidade para non sentírmonos solos neste camiño de ir deixando atrás o que sabemos que non só non fixemos ben, senón que ten ferido aos que tiñamos máis á nosa beira, é unha experiencia de graza e de verdadeira comuñón eclesial. Todos no mesmo barco e co rumbo en dirección ao bo porto que é a Pascua. Si, no mesmo barco, pero cada un nun compartimento distinto, porque non somos masa, senón persoas que, tendo un mesmo rumbo, imos concretando ese rumbo en opcións, vivencias, formas de actuar e decisións distintas. A grandeza da fe que compartimos non nos fai nen@s dirixidos a facer canto fan tod@s, senón persoas libres que acertan ou se equivocan ao tomar con responsabilidade o que queren ser ou facer. A fe, fronte ao que moitos pensan e din, non é ser grea que non sae do rumbo marcado, senón que é experiencia de pluralidade, diferenza e liberdade. Desde elas hoxe, o Señor, preséntase ofrecéndonos a salvación que somos chamad@s a acoller. Non sen pensar e ao chou, senón de maneira persoal, libre e responsable, sabendo que acollemos e por que acollemos. Deus non nos deixa solos, é verdade, pero somos nós os que temos que acoller o seu chamado. O acordo con Noé, non é un acordo sen esixencias, senón que pide unha decisión pola nosa parte na que mostremos que queremos, que estamos dispostos a deixarnos agarimar pola tenrura de quen fai de nós sempre dignidade e acollida.


*       Pero non han ser dignidade e acollida a calquera prezo, senón que a invitación lévanos a descubrilas a través da nosa maneira de facer as cousas, de tratar ás persoas, de non deixarnos levar polo engano, a mentira e a intolerancia. Deixar que Deus se faga presente na nosa vida supón que tamén nós estamos dispostos a facerlle un oco nela; a vivir sabendo que El está, a permitir que a luz do que son os seus guieiros vaia iluminando cada paso do noso camiño. E como ben di o salmo van avanzando desde a misericordia e mais a lealdade. Sabendo que non vivimos no mellor dos mundos, sendo conscientes de que coa ansia de poder, de dominar e machucar ao outro non imos polos seus camiños, senón que retrocedemos. Deixemos logo que a misericordia sexa non só unha palabra aprendida, e convertámola nun xeito de achegarnos aos demais, de curar corazóns feridos polo noso orgullo e as nosas palabras, para ser unha experiencia de encontro, alegría e de acollida de corazón de quen nos necesite. Se ás grandes palabras, e a misericordia si que o é, non lle poñemos imaxe, actitude e feitos, acaban baleirándose e sendo algo inútil. Non permitamos que nos pase con esta!.

*        Neste sentido os cristiáns temos un símbolo que expresa moi ben canto vimos dicindo no canto da coresma e da misericordia que Deus neste tempo volve a ofrecernos. Estamos a falar do bautismo. Contra o que ás veces pensamos, non é nin un rito nin un costume, senón a incorporación, froito da decisión libre e consciente, de querer ser do grupo dos seguidores de Xesús –no caso dos pequenos, son os pais e os padriños os que asumen esta decisión por eles, o que os obriga a pensar ben se queren ou non bautizar o nen@, xa que deben ser os primeiros mestres e exemplos da vida cristiá para aqueles que presentan á Igrexa para seren bautizad@s- e de estar dispostos a facer o camiño da vida desde as pegadas que El foi deixando e que recolleron no evanxeo os que o acompañaron. O bautismo, entón, é decisións libre, non comportamento cultural nin tradición. Os cristiáns non necesitamos ser moitos, o que necesitamos é ser boas persoas; facendo da bondade a resposta ao proxecto de salvación ao que nos chama Xesús. A coresma non é tampouco rito nin costume, senón un momento para que revisemos como estamos a responder a esta decisión de querer ser seguidores. O seguimento non se fai a distancia, senón coa vida de cada día, sabendo que o horizonte final non pode ser outro que a esperanza de resucitar con El, para estar na plenitude da súa compaña. Aquí está a salvación da que Pedro nos falaba ao dicir que o bautismo nos incorpora a este proceso que temos que ir desenvolvendo ata chegar onda El.


*        E como non sempre estamos nin dispostos nin preparados para facer este camiño, a coresma quere ser momento de conversión e experiencia de superación de frustracións e desilusións, para ir deixando que volvan xermolar as follas que traen a savia renovadora dunha vida que superou a dureza do inverno para deixarse acoller pola forza da primavera que sempre nos ofrece Xesús en forma de perdón, acollida e misericordia.

viernes, 20 de febrero de 2015

LECTIO

I DOMINGO DE CORESMA 
(Ciclo B: 22. II. 2015)

            Hai catro días, o mércores de cinza, empezabamos o tempo da Coresma. Un nome, o de “Coresma”, que ten que ver, como ben sabedes, cos “corenta” días de xaxún que, segundo nos contan os evanxelistas, pasou Xesús no deserto despois de ser bautizado por Xoán o Bautista. Os entendidos nestas cousas dinnos que o dos “corenta” días non hai que entendelo literalmente. É só un número simbólico de “plenitude”, que vén significar neste caso algo así como se dixésemos: “Xesús foi tentado sempre”. Como tamén sempre somos tentados todos nós. O relato de hoxe de Marcos sobre as tentacións de Xesús é moi parco, se o comparamos cos relatos que nos fan Lucas ou Mateo. Marcos conténtase aquí con despachar con catro frases (exactamente trinta palabras en grego) as tentacións de Xesús, sen aducir, como fan os outros, moitos máis detalles. Polos outros evanxelistas sabemos que Xesús foi tentado polo prestixio, polo poder, pola fama e cousas semellantes, para dese modo, segundo lle suxería o mal espírito, instaurar o reino de amor e fraternidade que Deus Pai quería e quere para todos nós.
            En calquera caso, é unha constante na vida de Xesús ese seu alternar ou pendular entre, por unha banda, estar consigo mesmo e con Deus Pai e, por outra, a súa intensa relación de amor, fraternidade e contacto con tódalas persoas que se achegaban a el, para comunicarlles a “boa nova” do Pai.
            O tempo de Coresma está máis en relación co primeiro (é dicir, coa soidade consigo mesmo e con Deus): Xesús sabe vivir só (no “deserto”, como refire Marcos), aínda que alí estea fondamente confortado pola presenza vivida do seu Pai que sempre está con el; sabe renunciar a moitas cousas que constituían para bastantes do seu tempo (e tamén do noso) o seu principal desexo e aspiración; sabe ollar con limpeza e abraio cara á natureza (“vivía entre as feras”, dinos Marcos), percibindo nela tamén a man do seu Pai creador de todo.
            Todo isto practicouno Xesús durante toda a súa vida (que é, como digo, o que quere dicir o dos “corenta días”) e se polas multitudes que se amoreaban arredor del durante o día non o podía facer, tempo había aínda de noite para poder mergullarse con agarimo agradecido no colo do seu Pai Deus e falar con El.
            Por iso o tempo de Coresma é unha chamada litúrxica da Igrexa a todos para que saibamos tamén, como Xesús, atopar tempo (de día ou de noite) para dialogar con nós mesmos, cos acontecementos e feitos que nos rodean e, a través de todo isto, co Deus Pai que nos quere e con cantas persoas entren en contacto con nós.
            A expresión que utiliza Marcos ó dicirnos que o Espírito “encamiñou” a Xesús ó deserto é, tamén segundo os entendidos, unha expresión forte: algo así como “empuxou”, “forzou”. Unha expresión –dinnos eles- “enérxica e vehemente”. Boa falta nos faría a nós un espírito así de “forte”, pois ás veces nin somos sequera capaces de despegarnos un chisco da tele ou doutros entretementos semellantes.
            Pero así como Xesús non consideraba o  “deserto” como o seu estado natural, como o seu hábitat –nisto certamente diferenciábase moito Xesús de Xoán Bautista-, así tamén, no noso caso, a nosa soidade con Deus, as nosas renuncias, as nosas penitencias coresmais non deberían ter outro sentido senón o de converternos en instrumentos vivos e operativos no servizo a Deus Pai, confraternizando deste xeito con tódolos seus fillos e irmáns nosos. Dinos Marcos que, despois de superar as tentacións e despois tamén de que os poderosos deste mundo lle pechasen a boca a Xoán Bautista encadeándoo no cárcere, foi cando empezou Xesús a anunciar o Reino de Deus, a Boa Nova.
            Non son, desde logo, partidario de considerar o tempo de Coresma como un tempo triste, un tempo de xa non poder pasalo ben coma no Antroido, cando a xente que aínda dispón dalgúns aforros pode quizais ver algún día na mesa lacón con grelos, para empezar, e despois filloas, orellas ou ricas lambetadas. E dígoo non por isto, senón porque tamén na igrexa houbo dende hai algún tempo cambios na secular liturxia coresmal. Por exemplo, o normal agora é que non se diga xa en ningures no Mércores da Cinza a fórmula máis antiga coa que nos colocaban antes a cinza na cabeza e dicíndonos: “Lémbrate de que es po e en po te has converter”. A mensaxe é agora moito máis alegre e, desde logo, moito máis cristiá: “Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir, na boa, na alegra noticia. Cal é esa boa nova? Pois nada máis e nada menos que a boa, a alegre nova de Xesús mesmo, é dicir, de que Deus está connosco, de que Deus nos quere coma a fillos del que somos e de que calquera persoa que estea ó meu lado (ou lonxe de min) é irmán meu... Xa sabemos que o papa Francisco se atreveu por fin a poñer a “alegría” como centro do evanxeo, da boa e alegre nova.
            Por iso, pola miña parte, prefiro empregar a palabra tradicional galega de “Antroido” (ou “Entroido”), e non a de “Carnaval”, porque “Antroido” ten que ver coa “entrada” na Coresma. Non hai polo tanto un “corte” ou separación entre o Antroido e a Coresma. O Antroido non é máis cá porta aberta, alegre e festeira, á alegría que nos trae o evanxeo de Xesús. Por iso a cinza do comezo da Coresma vai acompañada, moi acertadamente, desa nova fórmula, “Convértete e cre no evanxeo”, é dicir, na alegre nova de Xesús.
            Claro que para que esta alegría da Coresma sexa como debe ser ten que poder incluír nela a alegría de cantos se senten no mundo discriminados: sen poder comer o que precisan, sen poder dispoñer de bens que a outros lles sobran, etc. Porque a mensaxe coresmal “Convértete e cre no Evanxeo” leva consigo tomar conciencia viva e práctica de que, se todos somos fillos de Deus e irmáns de Xesús, ninguén debería ter motivo para acusarme de que non me comporto con el como un verdadeiro irmán.
            Esta é, pois, a fermosa tarefa deste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito de Deus que nos empuxe, “enerxicamente” como a Xesús, ó “deserto” da nosa conversión a Deus Pai e á visión de todos como verdadeiros irmáns nosos.


miércoles, 18 de febrero de 2015

MENSAXE DO SANTO PAI FRANCISCO PARA A CORESMA 2015

Queridos irmáns e irmás:

A Coresma é un tempo de renovación para a Igrexa, para as comunidades e para cada crente. Pero sobre todo é un «tempo de graza» (2 Co 6,2). Deus non nos pide nada que non nos deu antes: «Nós amemos a Deus porque el nos amou primeiro» (1 Xn 4,19). El non é indiferente a nós. Está interesado en cada un de nós, coñécenos polo noso nome, cóidanos e búscanos cando o deixamos. Cada un de nós interésalle; o seu amor impídelle ser indiferente ao que nos sucede. Pero ocorre que cando estamos ben e nos sentimo a gusto, esquecémonos dos demais (algo que Deus Pai non fai xamais), non nos interesan os seus problemas, nin os seus sufrimentos, nin as inxustizas que padecen? Entón o noso corazón cae na indiferenza: eu estou relativamente ben e a gusto, e esquézome d
e quen non está ben. Esta actitude egoísta, de indiferenza, alcanzou hoxe unha dimensión mundial, ata tal punto que podemos falar dunha globalización da indiferenza. Trátase dun malestar que temos que afrontar como cristiáns.

Cando o pobo de Deus convértese ao seu amor, atopa as respostas ás preguntas que a historia lle expón continuamente. Un dos desafíos máis urxentes sobre os que quero determe nesta Mensaxe é o da globalización da indiferenza.
 
A indiferenza cara ao próximo e cara a Deus é unha tentación real tamén para os cristiáns. Por iso, necesitamos ouvir en cada Coresma o berro dos profetas que levantan a súa voz e nos espertan.

Deus non é indiferente ao mundo, senón que o ama ata o punto de dar ao seu Fillo pola salvación de cada home. Na encarnación, na vida terrea, na morte e resurrección do Fillo de Deus, ábrese definitivamente a porta entre Deus e o home, entre o ceo e a terra. E a Igrexa é como a man que ten aberta esta porta mediante a proclamación da Palabra, a celebración dos sacramentos, o testemuño da fe que actúa pola caridade (cf. Ga 5,6). Con todo, o mundo tende a pecharse en si mesmo e a pechar a porta a través da cal Deus entra no mundo e o mundo nel. Así, a man, que é a Igrexa, nunca debe sorprenderse se é rexeitada, esmagada ou ferida.

O pobo de Deus, por tanto, ten necesidade de renovación, para non ser indiferente e para non pecharse en si mesmo. Querería proporlles tres pasaxes para meditar acerca desta renovación.


1. «Se un membro sofre, todos sofren con el» (1 Co 12,26) - A Igrexa

A caridade de Deus que rompe esa cerrazón mortal en si mesmos da indiferenza, ofrécenola a Igrexa cos seus ensinos e, sobre todo, co seu testemuño. Con todo, só se pode testemuñar o que antes se experimentou. O cristián é aquel que permite que Deus  o revista da súa bondade e misericordia, que o revista de Cristo, para chegar a ser como El, servo de Deus e dos homes. Lémbranolo a liturxia do Xoves Santo co rito do lavatorio dos pés. Pedro non quería que Xesús lle lavase os pés, pero despois entendeu que Xesús non quería ser só un exemplo de como debemos lavarnos os pés uns a outros. Este servizo só o pode facer quen antes se deixou lavar os pés por Cristo. Só estes teñen "parte" con El (Xn 13,8) e así poden servir ao home.

A Coresma é un tempo propicio para deixarnos servir por Cristo e así chegar a ser como El. Isto sucede cando escoitamos a Palabra de Deus e cando recibimos os sacramentos, en particular a Eucaristía. Nela convertémonos no que recibimos: o corpo de Cristo. Nel non hai lugar para a indiferenza, que tan a miúdo parece ter tanto poder nos nosos corazóns. Quen é de Cristo pertence a un só corpo e nel non se é indiferente cara aos demais. «Se un membro sofre, todos sofren con el; e se un membro é honrado, todos se alegran con el» (1Co 12,26).

A Igrexa é communio sanctorum porque nela participan os santos, pero á súa vez porque é comuñón de cousas santas: o amor de Deus que se nos revelou en Cristo e todos os seus dons. Entre estes está tamén a resposta de cuantos déixanse tocar por ese amor. Nesta comuñón dos santos e nesta participación nas cousas santas, ninguén posúe só para si mesmo, senón que o que ten é para todos. E posto que estamos unidos en Deus, podemos facer algo tamén por quen están lonxe, por aqueles a quen nunca poderiamos chegar só coas nosas forzas, porque con eles e por eles rezamos a Deus para que todos abrámonos á súa obra de salvación.


2. «Onde está o teu irmán?» (Xn 4,9) - As parroquias e as comunidades

O que dixemos para a Igrexa universal é necesario traducilo na vida das parroquias e comunidades. Nestas realidades eclesiais tense a experiencia de que formamos parte dun só corpo? Un corpo que recibe e comparte o que Deus quere doar? Un corpo que coñece aos seus membros máis débiles, pobres e pequenos, e se fai cargo deles? Ou nos refuxiamos nun amor universal que se compromete cos que están lonxe no mundo, pero esquece ao Lázaro sentado diante da súa propia porta pechada? (cf. Lc 16,19-31).

Para recibir e facer frutificar plenamente o que Deus nos dá é preciso superar os confíns da Igrexa visible en dúas direccións.

En primeiro lugar, uníndonos á Igrexa do ceo na oración. Cando a Igrexa terreal ora, instáurase unha comuñón de servizo e de ben mutuos que chega ante Deus. Xunto cos santos, que atoparon a súa plenitude en Deus, formamos parte da comuñón na cal o amor vence a indiferenza. A Igrexa do ceo non é triunfante porque deu as costas aos sufrimentos do mundo e goza en solitario. Os santos xa contemplan e gozan, grazas a que, coa morte e a resurrección de Xesús, venceron definitivamente a indiferenza, a dureza de corazón e o odio. Ata que esta vitoria do amor non alague todo o mundo, os santos camiñan connosco, aínda peregrinos. Santa Teresa de Lisieux, doutora da Igrexa, escribía convencida de que a alegría no ceo pola vitoria do amor crucificado non é plena mentres haxa un só home na terra que sufra e laie: «Conto moito con non permanecer inactiva no ceo, o meu desexo é
seguir traballando para a Igrexa e para as almas» (Carta 254,14 xullo 1897).

 Tamén nós participamos dos méritos e da alegría dos santos, así como eles participan da nosa loita e o noso desexo de paz e reconciliación. A súa alegría pola vitoria de Cristo resucitado é para nós motivo de forza para superar tantas formas de indiferenza e de dureza de corazón.

Por outra banda, toda comunidade cristiá está chamada a cruzar o limiar que a pon en relación coa sociedade que a rodea, cos pobres e os afastados. A Igrexa por natureza é misioneira, non debe quedar replegada en si mesma, senón que é enviada a todos os homes.

Esta misión é o testemuño paciente daquel que quere levar toda a realidade e cada home ao Pai. A misión é o que o amor non pode calar. A Igrexa segue a Xesucristo polo camiño que a leva a cada home, ata os confíns da terra (cf. Ftos 1,8). Así podemos ver no noso próximo ao irmán e á irmá por quen Cristo morreu e resucitou. O que recibimos, recibímolo tamén para eles. E, igualmente, o que estes irmáns posúen é un don para a Igrexa e para toda a humanidade.

Queridos irmáns e irmás, canto desexo que os lugares nos que se manifesta a Igrexa, en particular as nosas parroquias e as nosas comunidades, cheguen a ser illas de misericordia no medio do mar da indiferenza.


3. «Fortalezan os seus corazóns» (St 5,8) - A persoa crente

Tamén como individuos temos a tentación da indiferenza. Estamos saturados de noticias e imaxes tremendas que nos narran o sufrimento humano e, ao mesmo tempo, sentimos toda a nosa incapacidade para intervir. Que podemos facer para non deixarnos absorber por esta espiral de horror e de impotencia?

En primeiro lugar, podemos orar na comuñón da Igrexa terreal e celestial. Non esquezamos a forza da oración de tantas persoas. A iniciativa 24 horas para o Señor, que desexo que se celebre en toda a Igrexa -tamén a nivel diocesano-, nos días 13 e 14 de marzo, é expresión desta necesidade da oración.

En segundo lugar, podemos axudar con xestos de caridade, chegando tanto ás persoas próximas como ás afastadas, grazas aos numerosos organismos de caridade da Igrexa. A Coresma é un tempo propicio para mostrar interese polo outro, cun signo concreto, aínda que sexa pequeno, da nosa participación na mesma humanidade.

E, en terceiro lugar, o sufrimento do outro constitúe un chamado á conversión, porque a necesidade do irmán lémbrame a fraxilidade da miña vida, a miña dependencia de Deus e dos irmáns. Se pedimos humildemente a graza de Deus e aceptamos os límites das nosas posibilidades, confiaremos nas infinitas posibilidades que nos reserva o amor de Deus. E poderemos resistir á tentación diabólica que nos fai crer que nós sós podemos salvar ao mundo e a nós mesmos.

Para superar a indiferenza e as nosas pretensións de omnipotencia, quero pedir a todos que este tempo de Coresma se viva como un camiño de formación do corazón, como dixo Benedito XVI (Ct. enc. Deus caritas est, 31). Ter un corazón misericordioso non significa ter un corazón débil. Quen desexa ser misericordioso necesita un corazón forte, firme, pechado ao tentador, pero aberto a Deus. Un corazón que se deixe impregnar polo Espírito e guiar polos camiños do amor que nos levan aos irmáns e irmás. En definitiva, un corazón pobre, que coñece as súas propias pobrezas e dáo todo polo outro.

Por isto, queridos irmáns e irmás, desexo orar convosco a Cristo nesta Coresma: "Fac cor nostrum secundum Cor tuum": "Fai o noso corazón semellante ao teu"(Súplica das Ladaíñas ao Sacro Corazón de Xesús). Dese modo teremos un corazón forte e misericordioso, vixiante e xeneroso, que non se deixe encerrar en si mesmo e non caia na vertixe da globalización da indiferenza.

Con este desexo, aseguro a miña oración para que todo crente e toda comunidade eclesial percorra provechosamente o itinerario cuaresmal, e pídolles que recen por min.
Que o Señor vos bendiga e a Virxe vos garde.



Vaticano, 4 de outubro de 2014
Festa de san Francisco de Asís


Franciscus

Lecturas

VI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO   -   CICLO B


 
Primeira Lectura     Lev 13, 1-2. 44-46
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
O leproso vivirá el só fóra do campamento

            O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:
            "Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha de cor abrancazada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes.
            Trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
            O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá berrando: impuro, impuro.
            Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 31, 1-2. 5. 11
R/.  (7):  Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos e cínguesme co gozo do rescate.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.


Segunda Lectura    1 Cor 10, 31 -- 11, 1
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Imitádeme a min como eu imito a Cristo

            Irmáns:
            Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que realicedes, facédeo todo para gloria de Deus.
            Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
            Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.
            Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.


Evanxeo      Mc 1, 40-45
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Desapareceulle a lepra e quedou limpo

            Naquel tempo, acercóuselle un gafo a Xesús, e rogoulle de xeonllos:
            Ti, se queres, pódesme limpar.
            Xesús, estremecido, estendeu a man, e tocouno, dicindo:
            - Pois quero, queda limpo.
            E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
            Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ao sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
            Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

sábado, 14 de febrero de 2015

Reflexión

.          A figura do leproso cando aparece na biblia, expresa sempre exclusión. Aos leprosos négaselles todo, comezando pola súa posibilidade de convivir cos demais. Apártaselles. Naquel tempo eran os apestados, e para evitar contaxiarse vivían fóra das cidades, e cando ían a sitios onde podían atoparse con outra xente, debían facer soar unha campaíña para que os demais se fosen afastando e non se tocasen con eles. Diante desta foto, no pode estrañar que o libro do Levítico incida nesta idea e asegure que o leproso terá a súa morada fóra, lonxe de onde están os demais. O triste era que a lei permitía isto –é verdade que non podemos achegarnos aos textos dun tempo pasado cos ollos e as categorías de hoxe, por iso é tan importante coñecer e estudar os textos da biblia: para aprender a distinguir o que son elementos fundamentais e criterios de fondo do texto, do que é cuestión cultural e do tempo. A hermenéutica axudaranos a ir coñecendo mellor os textos e a ter unha interpretación correcta- pero o máis triste é que hoxe, e xa sen ningunha interpretación polo medio, seguen a existir, e canto máis desenvolvida é a sociedade en maior número, persoas e grupos que practican actitudes de exclusión aos leprosos –non físicos senón figurados– do noso tempo. Os leprosos de hoxe poden non ter problemas de pel, pero si de acollida, integración, igualdade de posibilidades ou perda do seu posto de traballo. As lepras de hoxe, como di o Papa Francisco, son as que converten ás persoas en descartes, como se fosen cousas que se poden taxar ou reducir a simples tantos por cento, esquecendo que estamos a falar de persoas, de vidas , de ilusións, de proxectos... de fillos e fillas de Deus. Para El o importante non son os datos do D.N.I., senón a dignidade que se comparte e o respecto que toda persoa nos merece. Diante destas novas lepras, e citando tamén ao Papa, os cristiáns, e polo tanto a Igrexa, temos que ser casa de acollida, porta aberta e pai/nai que mostre tenrura e non esqueza que agarimar é poñer en práctica a invitación que nos fai Xesús de acoller sempre a quen chega Sen segundas lecturas nin retrancas que busquen xustificar o inxustificable e impedir ver a realidade complexa e excluínte que, entre todos/as, por acción ou omisión, estamos a construír.


·         Onde podemos topar forza e verdadeiros berces de acollida é en Deus. Como nos dicía o Salmo, El é o noso refuxio. Foino, éo e seguirao sendo. E como sabemos, hoxe non é doado atopar refuxios onde te acollan, non che pidan nada ou non intenten rendibilizar a túa chegada. Estamos tan contaminados polo influxo do capitalismo que todo o taxa, que ata ás persoas lles poñemos prezo. Fronte a isto, Deus segue a manter a súa invitación: Vén, aquí atoparás refuxio, lugar de acollida e agarimo. E ademais non estarás só. Esta é a nosa folla de ruta como cristiáns. Estamos a seguila?. Mellor: estamos dispostos a tomala en serio e comezar a vivila? Preguntémonos como facemos realidade, no noso actuar cotián, ser refuxio que escoite, acompañe e se faga presente ante o pairo no que viven moitos dos nosos irmáns.


·         Paulo entendeuno ben, por iso lles di aos corintios que o importante é seguir a Cristo, non cumprir normas. Xa pasou o tempo dunha fe de dogmas. Estamos noutro tempo, un tempo que nunca deberiamos ter esquecido, pero que esquecemos. Este novo tempo é un tempo de actitudes, e estas son das persoas e para as persoas. E é Cristo, non a friaxe nin a dureza das leis –temos que ser persoas e comunidades de misericordia– a quen temos que seguir. De que nos vale ser moi cumpridores se o noso corazón se volve insensible  e duro coma a pedra?. Xesús non ten medo a contaminarse. Toca o intocable, ao leproso. Seremos capaces de facer o mesmo?. Aquel home quedou limpo. Tamén nós somos invitados a que outros vaian quedando limpos da lepra da exclusión, do empobrecemento e da invisibilidade. Non teñamos medo a ser socialmente incorrectos se estamos dispostos a vencer prexuízos e a achegarnos a aqueles que, segundo o parecer dos ben pensantes, son mal vistos.

sábado, 7 de febrero de 2015

Lecturas

V  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  CICLO B

  
Primeira Lectura       Xob 7, 1-4. 6-7:
LECTURA DO LIBRO DE XOB
Abarrotaranme as dores ata o solpor

             Naqueles días, falou Xob e dixo:
O home ten na terra un duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
            Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou,
así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
            Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?
E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
            Recorda que a miña vida é vento,
e que os meus ollos non verán máis a ledicia;
non me verán os ollos de quen mira,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
            Coma unha nube se desfai e pasa,
así, o que baixa para o xeol non volverá subir,
non volverá de novo á súa casa
e o seu lar non saberá máis del.
            Por iso mesmo, non hei de pórlle eu freo á boca,
vou falar con ánimo angustiado,
voume laiar desde o amargor da alma.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6
R/.  (cf. 3a):  Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor,
pois é doce cantarlle ao noso Deus,
é delicioso celebrar a súa loanza.
O Señor reconstrúe Xerusalén,
e reúne os dispersos de Israel.

Sanda os corazóns crebados
e venda as súas feridas.
Conta as estrelas incontables,
e chama polo nome a cada unha.

O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
O Señor ergue os humildes
e abaixa os malvados ata o chan.


Segunda Lectura      1 Cor 9, 16-19. 22-23
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Ai de min se non evanxelizo!

             Irmáns:
            O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
            Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?
            En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
            Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.
            Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.
            Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 8, 17
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Cristo colleu as nosas doenzas,
e cargou coas nosas enfermidades.
Aleluia.


Evanxeo   Mc 1, 29-39
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

            Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
            E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
            Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
            Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
            Todos te andan a buscar.
            El respondeulles:
            Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
            E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.


   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

      A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, todos nos vemos retratados /as nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos sobre nós mesmos. Parécenos entón que Deus se esqueceu de nós, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.

     A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que todos nós somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus, por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas. Velaquí algunhas:

- o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
- o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
- Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai - Nai non quere o sufrimento.
- hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
- Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia

            E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutineiras, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.

            Quen viviu na súa propia carne o suplicio da soidade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba do lume.


            Neste domingo no que celebramos a Campaña de Mans Unidas contra a fame, o berro de Xob é o berro de tantos irmáns e irmás nosos que, mergullados na pobreza e na miseria, viven sen esperanza. Ese grito é escoitado por Deus, que nos urxe a non facer oídos xordos, senón a tomar partido, pois hoxe nós somos os seus instrumentos para a liberación e a promoción. E diante deste problema cómpre que nós tomemos a iniciativa, saíndo dos nosos egoísmos e particularismos, das fronteiras artificiais que nós temos construído no mundo co que o Señor nos agasallou. Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?

domingo, 1 de febrero de 2015

Lecturas

IV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B

  
Primeira Lectura      Deut 18, 15-20
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Farei xurdir un profeta e poñerei as miñas palabras na súa boca
 
            Díxolle Moisés ao pobo:
            O Señor, o teu Deus, fará xurdir, no medio de ti, de entre os teus irmáns, un profeta coma min.
            Facédelle caso, tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer.
            E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas.
            Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
              Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



Segunda Lectura     1 Cor 7, 32-35
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A virxe considera o que corresponde a Deus para ser santa
 
            Irmáns:
            Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar.
            Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; e así está dividido.
           A muller non casada, o mesmo cá doncela ceibe, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma.
            Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
            Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 4, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O pobo asentado nas tebras viu unha inmensa luz
e para os asentados na rexión e na sombra da morte amenceu a luz.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 1, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ensinábaos coma quen ten autoridade
 
            Naquel tempo viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
            Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
            Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
            Xesús mandoulle:
            Cala, e bótate fóra dese home.
            O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
            Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
            E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

  • Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e esmagado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o mesmo a moitos cristiáns que seguen a esgazarse as vestiduras mesmo diante dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.


  • Porén, Xesús atraía multitudes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.


  • A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos. Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é autoridade.