A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo,
porque en maior ou menor medida, todos nos vemos retratados /as nela. Xob
perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos
os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir
confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o
mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as
persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é
que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos
sobre nós mesmos. Parécenos entón que Deus se esqueceu de nós, que marchou, e
ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.
A resposta
relixiosa ao problema do mal, ao que todos nós somos moi sensibles, inflúe moi
directamente na imaxe que nos formamos de Deus, por iso convén purificar
algunhas concepcións totalmente erróneas. Velaquí algunhas:
- o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para
converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
- o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama:
no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus
é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
- Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai - Nai non quere o
sufrimento.
- hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a
traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
- Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós
somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma
partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu
sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de
Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade
verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude-
moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia
E nós?:
Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas
palabras ou frases de consolo, moitas veces rutineiras, frías e indiferentes,
do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos
de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de
pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se
cometía algún pecado.
Quen viviu
na súa propia carne o suplicio da soidade, do sufrimento, do desánimo.... e
experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, xa non pode
calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non
anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é
crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba do lume.
Neste
domingo no que celebramos a Campaña de Mans Unidas contra a fame, o berro de
Xob é o berro de tantos irmáns e irmás nosos que, mergullados na pobreza e na
miseria, viven sen esperanza. Ese grito é escoitado por Deus, que nos urxe a
non facer oídos xordos, senón a tomar partido, pois hoxe nós somos os seus
instrumentos para a liberación e a promoción. E diante deste problema cómpre
que nós tomemos a iniciativa, saíndo dos nosos egoísmos e particularismos, das
fronteiras artificiais que nós temos construído no mundo co que o Señor nos
agasallou. Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá
suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?
No hay comentarios:
Publicar un comentario