III DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C
Primeira Lectura
Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO DE
NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían
Naqueles días, o
sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e
de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
Na praza que está
diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o
mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran
capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
O escriba Esdras
púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras
abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e
cando o abriu, o pobo púxose en pé.
Entón Esdras
bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu:
"Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao
Señor.
Os levitas lían
no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido,
explicando o que lían.
Entón o
gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban
a Lei ao pobo, dixeron a toda a asemblea:
‑ Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto,
non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).
E engadiron:
‑ Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e levádelles
tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso
Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/. (Xn 6, 63c): As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.
A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.
Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!
Segunda Lectura 1
Cor 12, 12-30
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa
parte
Irmáns:
Igual que
o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos,
non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun
único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto
escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Pois ben,
xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé
dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba
de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do
corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo,
onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
Ora, foi
Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se
todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos
membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso
de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós". Todo o contrario: os membros do corpo
que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos
decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis
recato; cousa que non precisan os honestos.
Deus
dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa
discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns
dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un
membro o tratan ben, todos se alegran con el.
Ben, pois
vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa
dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres.
Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de
curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
Ou é que
todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres?
Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben
interpretar?
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Lc 4, 18
Se non se
canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor
evanxelizar os pobres;
a predicarlles a
liberación aos cativos.
Aleluia.
Evanxeo
Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO
SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse
esta Escritura
Ilustre Teófilo:
Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos
ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as
testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén,
despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente
para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te
instruíron.
Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona
estendeuse por toda a redonda.
Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na
sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías.
Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi
quen me unxiu
para
proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos
cegos,
para lles dar
liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano
de graza do Señor.
Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga
enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
- Hoxe
cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
Palabra do
Señor
R/. Loámoste, Cristo