O texto do profeta Daniel que escoitamos como primeira
lectura, ben poderiamos dicir que foi escrito para o noso tempo ou mesmo, no
noso tempo. O tempo de angustia e dificultade do que fala, ben se parece a este
momento, tamén cheo de angustia e dificultade. A pesar diso, hai unha
invitación a non deixarse levar do desencanto e da desesperanza que sempre
supoñen estas situacións. Se nos deixaramos ir, pouco sentido tería que
fixeramos afirmación de Deus, ou confesaramos a fe nel, pois Deus é o contrario
do derrotismo e do sen sentido. Desde Deus, o destino de ninguén - e pensemos
ben sobre esta afirmación - nunca está escrito nin formulado de antemán. El
créanos libres e con capacidade de tomar decisións. Unhas veces estas serán
acertadas, outras equivocadas; as veces serán inxustas e levarannos a poñernos
contra del e dos demais; noutras moitas veces a xustiza da decisión supoñerá
levar felicidade e realización persoal para nós e os irmáns. O gran reto dos
seres humanos é facer da liberdade a columna desde a que maduremos, crezamos e
non renunciemos a ser nunca nós mesmos, máis alá dos problemas, dificultades ou
presións que sobre nós poidamos ter. É esa a liberdade, froito da experiencia
que nos fai sabios e capaces de testemuñar coa vida a grandeza do ser humano
que, confiando en Deus, non se pecha en si mesmo, senón que se abre, man
tendida e aberta, a recoller e acompañar os irmáns/ás que van quedando no camiño.
No Deus que nos creou
libres sentímonos protexidos, queridos e agarimados, por iso tantas veces damos
grazas por non estar sós. É verdade que na sociedade do efémero, do aquí e xa,
do presentismo que perde a paciencia e cústalle dicir mañá e futuro, sentir á
beira de cada un a presenza de Deus; o Deus que se axuda das mediacións de
persoas e situacións para dicir aquí estou..., moitos non son capaces de
entender que El é agarimo, compaña, palabra, silencio, compromiso ou
protección. A protección que non deixa que os medos e as inseguridades, inda
que estean, nos dominen e impidan que aflore e se manifeste nas decisións e
accións a liberdade. Nós, que si o temos experimentado como presenza na vida, e
en moitas das situacións que temos vivido, si que podemos entender por que
dicimos: protéxeme que me refuxio en ti. E podemos facelo porque só quen
entende a Deus como amor e dando amor, non pode imaxinalo senón á carón e
sempre a prol daqueles que máis quere: os seus fillos/as.
Por iso, os
cristiáns seguimos pensando que detrás da tebra sempre acaba saíndo o sol; que
detrás das dificultades poden ir aparecendo pequenas esperanzas, que na medida
que se van unindo ás dos demais, acaban conformando a esperanza que se converte
en salvación e plenitude. A esperanza do Deus amor que se manifesta na súa
totalidade en Xesús, de quen aprendemos e desde o que somos invitados a ir e
anunciar, coa palabra e coa vida, que Deus é amor, que salva e non se deixa
derrotar por moitas que sexan as dificultades e os problemas. Para un crente, e
isto aprendémolo de Xesús, sempre hai unha raiola de esperanza que o fai
confiar en que é posible saír do foxo, por moi grande que sexa, porque a
esperanza está nel e na confianza que nos dá. El, o Fillo de Home, ofrécenos a
experiencia de ter vencido escuridades e tribulacións. Mesmo na dificultade
seguiu confiando en Deus. Esta é a chamada que nos fai: confianza. E a
confianza en Deus fai que atopemos as mans solidarias dos irmáns, nos que Deus
se vai facendo presente.
Remol