viernes, 2 de marzo de 2012

LECTURAS



2º  DOMINGO DE CORESMA   -  CICLO B


Primeira Lectura    Xen 22, 1-2. 9a. 10-13. 15-18
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Sacrificio do noso patriarca Abrahán

            Naqueles días, Deus puxo a proba a Abrahán, chamándoo:
            ‑ "Abrahán!"
            El respondeu:
            - "Aquí estou".
            Deus mandoulle:
            ‑ "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".
            Chegados ao lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar o seu fillo.
            Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
            ‑ "Abrahán! Abrahán!"
            El respondeu:
            ‑ "Aquí estou".
            O anxo dixo:
            ‑ "Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negaches o teu fillo, o único que tes".
            Abrahán ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo.
            O anxo do Señor chamou a Abrahán outra vez desde o ceo:
            ‑ "Xúroche por min mesmo ‑ palabra do Señor ‑ que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me ter ti obedecido".

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 10 e 15. 16-17. 18-19

R/. (Sal 114, 9): Camiñarei na presenza do Señor, na terra da vida.

Eu tiña fe mesmo cando dicía:
"Que desventurado son!"
É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.

Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!
Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o teu nome, Señor.

Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo,
nos adros da casa do Señor,
no medio de ti, Xerusalén,


Segunda Lectura    Rm 8, 31b-34
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Deus non escatimou a entrega do seu propio Fillo

            Irmáns:
            Se Deus está connosco, quen contra nós? Aquel que non aforrou a seu propio Fillo, senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
            Quen acusará aos escolleitos de Deus?: Non é Deus o perdoador? Quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.


Evanxeo     Mc 9, 2-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Este é o meu Fillo benquerido


            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e subiu con eles sós a un monte alto.
            Alí transfigurouse diante deles; e os seus vestidos viráron­se resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.
            E aparecéuselles Elías e mais Moisés, que estaban a falar con Xesús.
            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
            ‑ Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas: Unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías
            El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.
            E formouse unha nube que os cubriu; e dende a nube deixouse oír unha voz:
            ‑ Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.
            E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.
            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.
            Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de "resucitar de entre os mortos".

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Loámoste, Cristo