sábado, 26 de julio de 2014

Lecturas

DOMINGO  XVII  ORDINARIO  CICLO A


Primeira Lectura     1 Re 3, 5. 7-12
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Pediches sabedoría para ti
 
            Naqueles días, en Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:
            "Pídeme o que queiras".
            Salomón respondeulle:
            Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar.
            Concédelle, pois, ao teu servo un corazón sabio, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
            Ó Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.
            E díxolle:
            "Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, como non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130
 R/.  (97a):  Canto amo, Señor, a túa Lei!

A miña sorte é o Señor:
eu propoño observar a túa palabra.
A lei da túa boca é para min máis prezada
cós milleiros en moedas de ouro e prata.

Que a túa misericordia me console,
conforme o prometiches ao teu servo.
Que a túa compaixón veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.

Admirable é a túa revelación,
por iso a observa a miña alma.
A túa palabra ao revelarse ilumina,
fai sabios aos ignorantes.


Segunda Lectura     Rm 8, 28-30
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo

             Irmáns:
            Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escollidos segundo os seus designios.
            Pois aos que primeiro coñeceu, predestinounos a reproducir a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
            E aos que predestinou, a eses chamou; e aos que chamou, a eses xustificou; e aos que xustificou, a eses glorificou.
                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 44-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vendeu todo canto tiña e comprou o agro aquel
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús á multitude:
             O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.
            Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
            Do mesmo xeito, o Reino dos Ceos é semellante a unha rede varredoira largada no mar, que recolleu peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiraron por ela para a ribeira e, sentados, xuntaron os bos nas patelas, e tiraron os malos fóra.
            Así será na fin do mundo: Sairán os anxos, e do medio dos xustos arredarán os malos para botalos no forno do lume: Alí haberá pranto e renxer de dentes.
            Entendestes todo isto?
            Eles responderon:
            Entendemos.
            El concluíu:
            Por iso, todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese a un pai de familia que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Esa dignidade que posuímos todas as persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras, nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar, senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos -non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu cume na salvación –proximidade de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar, inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón que escoita, que Salomón, e con el todos nós, lle pedimos a Deus.

Xustificados nunha mesma dignidade, esta non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser partidarios exaltados da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais. Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián unha esperanza de dignificación do ser humano.Só deste xeito seremos capaces de atopar o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender, coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso, que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para todos/as. E  iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día para vivila e comunicala.