sábado, 28 de septiembre de 2013

LECTIO

Había unha vez un home rico... Coa sinxeleza dunha parábola, Xesús denuncia o eterno problema dos homes: a súa división en ricos e pobres. Un rico despreocupado que «banquetea espléndidamente», alleo ao sufrimento dos demais e un pobre esmoleiro a quen «ninguén daba nada». Dous homes distanciados por un abismo de egoísmo e insolidariedade que, segundo Xesús, pode facerse definitivo, por toda a eternidade.

Non entenderiamos o ensino de Xesús, se quedásemos con certos detalles da parábola, que non alteran en nada a súa mensaxe. A distinta sorte na outra vida do rico e do pobre é só un recurso para demostrar de que distinta maneira ve Deus a desigualdade entre os homes. Pero de ningunha maneira quere dicir que os pobres se conformen sendo pobres, que xa lles chegará a súa quenda no ceo. O sentido da parábola non é
brindar consolo aos pobres, senón avisar aos ricos e aos que pon a súa confianza e nas riquezas e no poder que delas obteñen. O retrato robot da parábola identifica igualmente aos países ricos que pon a súa confianza no seu poder económico desprezando e mantendo aos países subdesenvolvidos na súa penosa e difícil situación.

A riqueza inxusta. Esta é a convicción profunda de Xesús. A riqueza en canto «apropiación excluínte da abundancia», non fai crecer á persoa humana, senón que a destrúe e deshumaniza pois a vai facendo indiferente, apática e insolidaria ante a desgraza allea. A parábola é un reto á nosa vocación de solidariedade. Podemos seguir vivindo e deixarnos atrapar por esta sociedade de consumo e continuar gozando alegremente do noso benestar, cando a realidade da pobreza está presente en millóns de seres humanos? O noso gran pecado pode ser a apatía social e política. A pobreza converteuse en algo tan
«normal e cotián» que xa non escandaliza nin nos fere tanto. Encerrámonos cada un en «a nosa vida» e quedámonos cegos e insensibles ante a frustración, a humillación, a inseguridade e a desesperación de tantos homes e mulleres e de tantos pobos do noso mundo.

A pobreza no século XXI non é só un fenómeno que reflicte o fracaso dun sistema socio-económico e que obriga ás nacións a preguntarse que é o que non funciona. A pobreza son persoas concretas que agora mesmo necesitan a axuda de quen gozamos de tantos bens. Quizais dariamos algún paso concreto de solidariedade se nos atrevésemos a contestar a esta pregunta: necesitamos realmente todo o que
compramos? Cando termina a nosa necesidade real e cando comezan os nosos caprichos?

"No que se refire aos bens do Señor,
non sexas desagradecido,
senón repárteos entre os teus próximos,
non esteas orgulloso deles, coma se fosen a túa propiedade
e non sexas ahorrativo na súa repartición...
Meu e teu son só nomes baleiros.
Todo pertence a Deus"

                                                           San Xoán Crisóstomo

Lecturas

 XVI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C



Primeira Lectura     Am 6, 1a. 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Será extirpada a facción dos nugalláns
 
            Isto di o Señor omnipotente:
            "Malia os que viven no lecer en Sión,
os despreocupados no monte de Samaría!
Déitanse en leitos de marfil,
vaguean nas súas camas,
xantando os carneiros do rabaño
e os xatos sacados da corte.
            Cantaruxan  ao son da arpa
e, coma novos David, inventan instrumentos.
            Beben viño nas grandes copas
e únxense coa esencia dos perfumes,
mais a desfeita de Xosé non os deprime.
            Por iso agora van partir para o exilio
á cabeza dos deportados,
pois rematou a esmorga dos nugalláns".
- Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos .

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1b):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     1 Tim 6, 11-16
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Garda os mandamentos ata a chegada do Señor
 
            Benquerido irmán, home de Deus:
            Practica a xustiza, a piedade, a fe, o amor, a paciencia e a mansedume. Combate a fermosa loita da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e da que fixeches clara profesión diante de moita xente.
            Mándocho en presenza Deus, que fai vivir todas as cousas, e diante Cristo Xesús, que deu bo testemuño ante Poncio Pilato: garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do noso Señor  Xesús Cristo.
            No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único soberano, Rei dos reis e Señor dos señores: o único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver.
            A El a honra e o poder eterno. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA       2 Cor  8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre, sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti recibiches bens e Lázaro males; agora este é consolado, mentres que ti es atormentado
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            - Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes.
            Ó pé da súa porta xacía un pobre chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a  fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
            Resulta que morreu o pobre, e levár
ono os anxos  ao seo de Abrahán. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abrahán e mais a Lázaro no seu seo.
            Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abrahán, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". Pero Abrahán contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento.
            Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós".
            Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abrahán, que o mandes a casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abrahán respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".
            El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abrahán, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abrahán replicoulle: "Se a Moisés e mais aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Temos escoitado moitas veces, mesmo quizais o teñamos pensado, que a fe é unha cuestión que se pecha na relación individual entre Deus e mais un, sen que inflúa nin teña que preocuparse nin do mundo nin no que nel poida pasar. Diante disto, que a forza de repetilo moita xente acaba por crelo, os textos que acabamos de proclamar na liturxia da Palabra dinnos todo o contrario. Sendo o seguimento de Xesús un camiño de salvación e esperanza, esta non poderá ser plena se non vai expresada desde as actitudes –a maneira coa que nós reaccionamos e nos comportamos diante das situacións que nos acaen- que van pondo de manifesto a credibilidade das nosas conviccións e a coherencia do noso actuar. E se ben é verdade que a meta á que nos leva a fe é a da resurrección, non menos verdade é tamén que esa meta final necesita da verificación do actuar en relación con ese fin cara onde todos nós arelamos dirixir a nosa vida, polo que sen realidade cotiá, sen achega aos problemas e situacións que se van dando na nosa vida e na dos demais non hai vivencia nin expresión de fe.

Paulo na 1ª carta que lle escribe a Timoteo, tal e como acabamos de escoitar, sinala tres actitudes fundamentais que nunca poden estar ausentes no actuar de alguén que quere ser, alí onde estea, seguidor activo, e non simple consumidor de ritos e practicas relixiosas aprendidas desde hai moitos anos e sobre as que non temos pensado a razón e o por que da súa realización. Estas actitudes das que fala Paulo teñen como cimento a fe; é dicir, a relación persoal, madura e cotiá con Deus desde o testemuño de vida de Xesús. É unha tríade que nos fai poñer os pés no chan e preguntarnos de que maneira, cada un de nós, no día a día da nosa vida imos facendo posible que a xustiza, a piedade e a caridade aniñen e alenten canto facemos e dicimos. Cada unha delas non se pecha en si mesma, senón que se abre ás outras, para incidir, unha vez máis, en que a vida dos crentes non se pecha dentro dos templos, senón que ten que manifestarse, ser visible para os demais e para o mundo no actuar... e na coherencia dese actuar. Cómo falar de ser seguidores de Xesús se tratamos aos demais como se foran números, balances, datos ou estatísticas? Cómo ser seguidor de Xesús, se no contacto con outras persoas agroman en nós sentimentos de rexeitamento, superioridade, imposición dos nosos criterios, sometemento dos máis débiles ou submisión inmoral diante dos poderosos? Cómo querer chamarnos seguidores de Xesús se o odio, a xenreira, a violencia, o abuso ou a despreocupación polo que lle pasa aos demais, especialmente aos que temos máis próximos, nos vai facendo insensibles e convertendo o noso corazón de carne en pedra dura e fría? Cómo non sentir vergoña ao querer chamarnos seguidores de Xesús cando na nosa vida nos volvemos materialistas, pragmáticos e só valoramos o que é rendible e aporta ganancias, excluíndo dela todo o que supoña empatía, solidariedade, transcendencia ou sentido da vida máis alá que o que vemos e percibimos a través dos sentidos? Cómo, cómo, cómo... non reaccionar con rabia diante deste esquecemento e manipulación de algo tan grande, novo e esperanzado como é a tarefa que nos encomenda Xesús?


Unha tarefa que só ten unha raíz: a súa persoa e a mensaxe que nos chegou a nós a través da palabra recollida polos que del a escoitaron, e o testemuño, na maioría das veces contracorrente, de homes e mulleres que ao longo dos anos, nin tiveron medo nin vergoña de poñerlle accións, rostros, entrega e dispoñibilidade á fermosa tarefa de ir construíndo o Reinado de Deus. Que pensemos onde e con quen queremos xogar este partido: cos poderosos, que parece que todo o saben, e aos que logo o tempo vai pondo no seu sitio; ou cos sinxelos que saben que a súa felicidade está en traballar para que todos, uns e outros, non só uns poucos poidan ser felices? Que por non ter pensado sobre isto nos pase coma ao rico do evanxeo, quen incapaz de ver a presenza da esperanza e do amor no cotián de cada día, buscaba, cando xa era tarde, grandes sinais que puideran convencer aos que tiñan os ollos pechados e a vista cansa para ver que só na realidade concreta se pode actuar e transformala para mellorala e facela casa de todos, sen necesidade nin de grandes sinais nin de grandes eventos. Na brisa dos feitos de cada día que se fan presentes nos irmáns, é onde estamos chamados a descubrir a presenza, que non ausencia de Deus. Que prestemos oídos e ollos, para ver os lázaros que nolo mostran constantemente.