sábado, 28 de septiembre de 2013

Lecturas

 XVI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C



Primeira Lectura     Am 6, 1a. 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Será extirpada a facción dos nugalláns
 
            Isto di o Señor omnipotente:
            "Malia os que viven no lecer en Sión,
os despreocupados no monte de Samaría!
Déitanse en leitos de marfil,
vaguean nas súas camas,
xantando os carneiros do rabaño
e os xatos sacados da corte.
            Cantaruxan  ao son da arpa
e, coma novos David, inventan instrumentos.
            Beben viño nas grandes copas
e únxense coa esencia dos perfumes,
mais a desfeita de Xosé non os deprime.
            Por iso agora van partir para o exilio
á cabeza dos deportados,
pois rematou a esmorga dos nugalláns".
- Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos .

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1b):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     1 Tim 6, 11-16
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Garda os mandamentos ata a chegada do Señor
 
            Benquerido irmán, home de Deus:
            Practica a xustiza, a piedade, a fe, o amor, a paciencia e a mansedume. Combate a fermosa loita da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e da que fixeches clara profesión diante de moita xente.
            Mándocho en presenza Deus, que fai vivir todas as cousas, e diante Cristo Xesús, que deu bo testemuño ante Poncio Pilato: garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do noso Señor  Xesús Cristo.
            No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único soberano, Rei dos reis e Señor dos señores: o único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver.
            A El a honra e o poder eterno. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA       2 Cor  8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre, sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti recibiches bens e Lázaro males; agora este é consolado, mentres que ti es atormentado
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            - Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes.
            Ó pé da súa porta xacía un pobre chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a  fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
            Resulta que morreu o pobre, e levár
ono os anxos  ao seo de Abrahán. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abrahán e mais a Lázaro no seu seo.
            Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abrahán, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". Pero Abrahán contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento.
            Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós".
            Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abrahán, que o mandes a casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abrahán respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".
            El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abrahán, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abrahán replicoulle: "Se a Moisés e mais aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario