Temos escoitado moitas veces, mesmo quizais o teñamos
pensado, que a fe é unha cuestión que se pecha na relación individual entre
Deus e mais un, sen que inflúa nin teña que preocuparse nin do mundo nin no que
nel poida pasar. Diante disto, que a forza de repetilo moita xente acaba por
crelo, os textos que acabamos de proclamar na liturxia da Palabra dinnos todo o
contrario. Sendo o seguimento de Xesús un camiño de salvación e esperanza, esta
non poderá ser plena se non vai expresada desde as actitudes –a maneira coa que
nós reaccionamos e nos comportamos diante das situacións que nos acaen- que van
pondo de manifesto a credibilidade das nosas conviccións e a coherencia do noso
actuar. E se ben é verdade que a meta á que nos leva a fe é a da resurrección,
non menos verdade é tamén que esa meta final necesita da verificación do actuar
en relación con ese fin cara onde todos nós arelamos dirixir a nosa vida, polo
que sen realidade cotiá, sen achega aos problemas e situacións que se van dando
na nosa vida e na dos demais non hai vivencia nin expresión de fe.
Paulo na 1ª carta que lle escribe a Timoteo, tal e como
acabamos de escoitar, sinala tres actitudes fundamentais que nunca poden estar
ausentes no actuar de alguén que quere ser, alí onde estea, seguidor activo, e
non simple consumidor de ritos e practicas relixiosas aprendidas desde hai
moitos anos e sobre as que non temos pensado a razón e o por que da súa realización.
Estas actitudes das que fala Paulo teñen como cimento a fe; é dicir, a relación
persoal, madura e cotiá con Deus desde o testemuño de vida de Xesús. É unha
tríade que nos fai poñer os pés no chan e preguntarnos de que maneira, cada un
de nós, no día a día da nosa vida imos facendo posible que a xustiza, a piedade
e a caridade aniñen e alenten canto facemos e dicimos. Cada unha delas non se
pecha en si mesma, senón que se abre ás outras, para incidir, unha vez máis, en
que a vida dos crentes non se pecha dentro dos templos, senón que ten que
manifestarse, ser visible para os demais e para o mundo no actuar... e na
coherencia dese actuar. Cómo falar de ser seguidores de Xesús se tratamos aos
demais como se foran números, balances, datos ou estatísticas? Cómo ser
seguidor de Xesús, se no contacto con outras persoas agroman en nós sentimentos
de rexeitamento, superioridade, imposición dos nosos criterios, sometemento dos
máis débiles ou submisión inmoral diante dos poderosos? Cómo querer chamarnos seguidores
de Xesús se o odio, a xenreira, a violencia, o abuso ou a despreocupación polo
que lle pasa aos demais, especialmente aos que temos máis próximos, nos vai
facendo insensibles e convertendo o noso corazón de carne en pedra dura e fría?
Cómo non sentir vergoña ao querer chamarnos seguidores de Xesús cando na nosa
vida nos volvemos materialistas, pragmáticos e só valoramos o que é rendible e
aporta ganancias, excluíndo dela todo o que supoña empatía, solidariedade,
transcendencia ou sentido da vida máis alá que o que vemos e percibimos a
través dos sentidos? Cómo, cómo, cómo... non reaccionar con rabia diante deste
esquecemento e manipulación de algo tan grande, novo e esperanzado como é a
tarefa que nos encomenda Xesús?
Unha tarefa que só ten unha raíz: a súa persoa e a mensaxe
que nos chegou a nós a través da palabra recollida polos que del a escoitaron,
e o testemuño, na maioría das veces contracorrente, de homes e mulleres que ao
longo dos anos, nin tiveron medo nin vergoña de poñerlle accións, rostros,
entrega e dispoñibilidade á fermosa tarefa de ir construíndo o Reinado de Deus.
Que pensemos onde e con quen queremos xogar este partido: cos poderosos, que
parece que todo o saben, e aos que logo o tempo vai pondo no seu sitio; ou cos
sinxelos que saben que a súa felicidade está en traballar para que todos, uns e
outros, non só uns poucos poidan ser felices? Que por non ter pensado sobre
isto nos pase coma ao rico do evanxeo, quen incapaz de ver a presenza da
esperanza e do amor no cotián de cada día, buscaba, cando xa era tarde, grandes
sinais que puideran convencer aos que tiñan os ollos pechados e a vista cansa
para ver que só na realidade concreta se pode actuar e transformala para
mellorala e facela casa de todos, sen necesidade nin de grandes sinais nin de
grandes eventos. Na brisa dos feitos de cada día que se fan presentes nos
irmáns, é onde estamos chamados a descubrir a presenza, que non ausencia de
Deus. Que prestemos oídos e ollos, para ver os lázaros que nolo mostran
constantemente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario