XXV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura
Am 8, 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Contra aqueles que teñen sometidos polo diñeiro aos
necesitados
Escoitade
isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
vós que dicides:
"Cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co farelo,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
Xura o
Señor pola soberbia de Xacob:
"Endexamais esquecerei os seus delitos”.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 112, 1-2. 4-6. 7-8
R/. (cf. 1a e 7b): Loade o Señor, que levanta os pobres.
Ou: Aleluia.
Loade, servos do Señor,
loade o nome do Señor.
Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.
Sobre todos os pobos é excelso o Señor,
sobre o ceo a súa gloria.
Quen se compara ao
Señor, noso Deus,
que habita nas alturas
e se inclina para mirar
polo ceo e pola terra?
El ergue do po os indixentes,
levanta da varredura os pobres,
para lles dar asento cos príncipes,
cos príncipes do seu pobo.
Segunda Lectura 1
Tim 2, 1-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Fáganse oracións por todos os homes a Deus, que quere que
todos os homes se salven
Benquerido
irmán:
Rogo
primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas
en favor de toda a xente, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos,
para que poidamos ter unha vida calma e serena baseada na piedade e na
decencia.
Isto é
fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e
cheguen ao coñecemento da verdade.
Porque hai
un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús,
que se entregou como rescate por todos.
Tal é o
testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑ digo a verdade e non minto ‑, mestre dos xentís na fe e na
verdade.
Por iso
quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira
nin discusións.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor 8, 9
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.
Evanxeo Lc 16,
1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non podedes servir a Deus e á riqueza
Naquel
tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Dunha vez había un home rico que
tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar
cos bens. Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme
conta da túa administración, que quedas despedido".
O
administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen
traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Ora! Xa sei o que
vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
Vaise, e
chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ao primeiro: "Ti canto lle debes ao meu amo?". El respondeulle: "Débolle
cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe
axiña cincuenta".
Despois
preguntoulle ao segundo: "Ti canto
debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el:
"Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
O amo loou
a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos
deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Por iso eu
avísovos:
‑ Facede amigos coas riquezas
inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas.
Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco,
tamén será inxusto no moito.
Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a
verdadeira? E se no alleo non sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún
criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro;
ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o
diñeiro.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario