DOMINGO VI
do T. O.
(12 febreiro 2017)
Unha das funcións máis importantes dos nosos encontros comunitarios co Señor
nas celebracións dos domingos é, como ben sabemos, a de “agradecer”.
Agradecerlle ó Señor porque nos deu a vida; porque estamos aquí cos nosos
familiares e outras persoas e familias cristiás; porque nos deu e nos segue a
dar fe, esperanza e caridade; porque nos dá azos, coa forza do seu Espírito
Santo, para seguirmos adiante na confesión e na práctica da nosa fe; porque nos
promete unha vida con Él que endexamais rematará.
Ó sermos
deste xeito “agradecidos” co Señor, estamos ó tempo recoñecendo a súa bondade e
a súa grandeza. Trátase dunha grandeza, a grandeza de Deus, que supera calquera
pensamento noso sobre Él, por moi grandes e elevadas que coidemos que sexan as
nosas ideas sobre Él. Hoxe en día, os que se dedican ó estudo da realidade
material, os científicos que intentan afondar por así dicilo nos máis pequenos
elementos da materia, é dicir, os físicos, ou aqueles que observan e estudan a
inmensidade e grandiosidade do universo ou dos universos, é dicir, os
astrofísicos ou astrónomos, todos eles decátanse con sorpresa de que a
realidade é moito máis grande e misteriosa có que se pensaba. De que por moito
que creamos saber das cousas, moitísimo maior é a nosa ignorancia.
Agora ben,
isto non debería en principio estrañarnos ou abraiarnos, se é verdade que os
produtos que saen da intelixencia e do poder de calquera creador ou artista
teñen que levar en si unha certa semellanza co que os ideou ou construíu. Quero
dicir: se os estudosos da materia ou da natureza ademais de dedicarse á súa
especialidade tivesen tempo e capacidades para reflexionar filosófica ou
teoloxicamente sobre a realidade, decataríanse seguramente tamén de que se Deus
é absolutamente infinito, tamén as cousas que saíron das súas mans deberían
asemellarse dalgún modo ó seu autor. E que, polo tanto, as cousas, a realidade,
todo, tería que ser algo dalgunha maneira “infinito”.
Todo isto
que vos estou a comentar vén a propósito do que acabamos de escoitar nas
Lecturas primeira e segunda, nas que se nos fala da grandeza da “sabedoría” de
Deus aínda que nun senso máis antropolóxico ca estritamente cósmico. O autor do
Libro do Eclesiástico dinos por exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é
potente e egrexio e todo o dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas
criaturas e Él penetra as accións de cadaquén”. Na súa primeira carta ós
Corintios, comunícalles pola súa parte Paulo ós seus destinatarios que el lles
anuncia a eles a misteriosa e insondábel grandeza de Deus. “Nós predicamos
–dilles o apóstolo Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”. Tan misteriosa e
grandiosa que o propio Paulo non terá reparo algún en engadir: “O que o ollo
non viu, o que o oído non sentiu, e o que non pasou pola mente do home: iso
preparou Deus para os que o aman”.
É dicir, o
Deus e Pai noso quérenos tan de verdade e tan de corazón que nin sequera
podemos maxinar o que É ten preparado para nós. Un agasallo tan grande, en
correspondencia co amor que nos ten, que poderiamos dicir que nos deixará
seguramente durante toda a eternidade coa boa aberta. Iso vén ser, falando de
maneira moi informal, o que os teólogos chaman a “visión beatifica”, esa
felicidade que Deus quere para nós e á que Él nos destinou desde sempre e para
sempre.
Iso si. Os
que xa se consideran satisfeitos co que cren ser ou co que teñen non dispoñen
xa posibelmente de capacidade para seren destinatarios da bondade, da
“misteriosidade” e da grandeza de Deus. Ó contrario dos humildes, é dicir, dos
que teñen ou temos conciencia de que non somos nada sen o poder do Deus que nos
creou e que nos sostén. Xesús así o dicía en agarimoso diálogo co seu Pai Deus:
“Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque revelaches os
misterios do Reino ós humildes”.
Esta
misteriosidade e grandeza de Deus é a razón de que Él nos quixese de tal
maneira que chegase a nos converter en fillos seus e destinados en consecuencia
a un futuro de felicidade que endexamais rematará. Por iso, as esixencias de
Xesús, o noso irmán maior, en relación connosco están loxicamente en
correspondencia con esta especial e grandiosa situación nosa: a de sermos todos
fillos dun mesmo Pai, irmáns todos polo tanto entre nós e convidados a
formarmos parte desa futura comunidade de igualdade e irmandade que Xesús chama
o “Reino dos Ceos”.
Se esa é a
verdadeira situación dos que nos chamamos cristiáns, entón Xesús ten razóns
abondas para esixirnos, tal como o acabamos de escoitar, que, máis alá do “Non
matarás”, nin sequera nos “enrabechemos” cos nosos “irmáns”, pois iso, o de
“enrabecharnos”, non é un comportamento axeitado entre irmáns. Ou tamén para amoestarnos
non só a que non cometamos adulterio exterior ou externamente comprobábel,
senón tamén –tal como se nos di- a nin
sequera cometelo “no corazón”, no desexo consentido. Pois é aquí onde comeza xa
a destrución da fraternidade, da boa relación entre as persoas coas que se
convive.
Á fin e o
cabo todo pecado, segundo a mensaxe de Xesús, é un atentado contra a irmandade
mutua entre todos e, polo tanto, contra o grandioso destino de Deus.
Agradezámoslle este inmerecido e gratuíto destino ó que Él nos chama.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Presentémoslle a Deus Pai os nosos desexos e oracións en comunidade de
irmáns entre nós e fillos queridos seus, dicindo:
TODOS: Pedímoscho, Pai.
- Polo mundo
enteiro, pola humanidade toda, para que saibamos ver e agradecer a grandeza e
misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
- Polo sentido
de fraternidade entre todos nós e con tódalas persoas do mundo enteiro,
especialmente as máis necesitadas, para que así progresemos no coñecemento e na
práctica desa fraternidade: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
- Por tódalas
persoas que se dedican ó coñecemento da realidade material e humana, para que
no seu esforzo intelectual poidan descubrir e admirar a grandeza e
misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro