domingo, 21 de julio de 2013

Lecturas

XVI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
  

Primeira Lectura     Xén 18, 1-10a
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Señor, non pases sen te deteres onda o teu servo

            O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abrahán, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor.
            Abrahán ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ao seu encontro, desde a entrada da tenda, e prostrouse, dicindo:
            "Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. Farei traer unha pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño".
            Responderon eles:
            "Está ben. Fai como dis".
            Abrahán correu á tenda onda Sara, para lle dicir:
            "Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica".
            E el foi correndo ao cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado para que o guisase ao momento.      
            Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ao seu lado baixo a árbore.
            Nisto eles preguntáronlle:
            "Onde está Sara, túa muller?"
            El respondeu:
            "Aí dentro, na tenda".
            E un deles engadiu:
            "Volverei verte para o ano, e entón Sara, a túa muller, terá un fillo".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5
 R/.  (1a):  Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.

O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.

O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta,
endexamais o abalarán.



Segunda Lectura     Col 1, 24-28
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
O misterio oculto de séculos, pero agora manifestado aos santos

            Irmáns:
            Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa.
            Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que se manifesta agora ao seu pobo santo.
            A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza de gloria que representa para os pagáns este segredo: que Cristo é para vós a esperanza da gloria!
            El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns como é debido.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 8, 15
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ditosos os que gardan a palabra de Deus en corazón recto e bo
e con paciencia dan o seu froito.
Aleluia.




Evanxeo     Lc 10, 38-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Marta acolleuno. María escolleu a mellor parte.

            Naquel tempo, cando ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María
que, sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
            Señor, non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
            Pero o Señor respondeulle:
             Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Comentario

Dinos a primeira lectura que o pobo dirixíase ao Señor e dicíalle que non pasara de largo; é dicir, que non fose insensible ao que lle estaba ocorrendo; que non fose un Deus ausente e sádico diante das dificultades que estaban a experimentar. E é verdade. Nós, cando as cousas nos van ben, facemos o posible para que Deus non nos complique a vida... e a mellor forma de facelo é prescindir del, como se non existira. Así, a vida vaise convertendo nun dicir que cremos en Deus á vez que día a día imos vivindo como se El non fose, non existira, non estivera. Pero cando as cousas se torcen, entón si que todo tempo é pouco para pedir, prometer e comprometernos a facer mesmo o imposible. Que pouco entendemos, e que lonxe estamos do Deus cristián! Pero como na nosa relación con Deus nunca é tarde, podemos reconverter as palabras do libro da Xénese, e en vez de pedir que non pase de largo, comprometernos a abrirlle a porta da nosa casa e do noso corazón, para facerlle un sitio onde poida quedar. Porque non é que El pase de largo, senón que somos nós os que lle temos pechado a porta e vivido de costas a El, como se non existise. Comecemos desde xa a prepararlle ese lugar para que se senta acollido.

*    Porque todos podemos hospedarnos na súa tenda. E podemos facelo porque as dificultades non as pon El senón nós cando mentimos, enganamos, somos violentos, queremos ser máis ca ninguén, convertemos o noso actuar en comportamento altivo, soberbio como se fósemos máis e superiores aos demais. Entón, non é El que pecha a porta de súa tenda, somos nós os que queremos que pase de largo pechándolle a porta. El vén para hospedarse, pero nós non acabamos de fiarnos e deixalo pasar.


*    Os que si o deixaron pasar foron aqueles que tomaron en serio a súa mensaxe: os santos. A súa acollida dos demais, converteuse en hospitalidade evanxélica e evanxelizadora para todos nós, por iso merecen ser recoñecidos como auténticos e verdadeiros testemuños de fe e seguimento de Xesús. Sen separar o que facían do que crían; a súa fe da súa vida. Todo era un, e eles conseguiran convertelas en auténtico servizo, especialmente un servizo aos pobres e excluídos. Marta e María separaran unha cousa da outra. Cada unha foi ao seu, sen pensar que xuntos se enriquecían mutuamente. Porén, os santos uniron estas dúas facetas – presenza activa no mundo e fondura orante-, invítannos a nós a facer o mesmo, sen escisións e sen rupturas. Alí onde esteamos, debemos de esforzarnos por facer ben as cousas, e convertelas no mellor ofrecemento de acollida, hospitalidade e oración.