domingo, 21 de julio de 2013

Lecturas

XVI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
  

Primeira Lectura     Xén 18, 1-10a
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Señor, non pases sen te deteres onda o teu servo

            O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abrahán, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor.
            Abrahán ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ao seu encontro, desde a entrada da tenda, e prostrouse, dicindo:
            "Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. Farei traer unha pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño".
            Responderon eles:
            "Está ben. Fai como dis".
            Abrahán correu á tenda onda Sara, para lle dicir:
            "Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica".
            E el foi correndo ao cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado para que o guisase ao momento.      
            Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ao seu lado baixo a árbore.
            Nisto eles preguntáronlle:
            "Onde está Sara, túa muller?"
            El respondeu:
            "Aí dentro, na tenda".
            E un deles engadiu:
            "Volverei verte para o ano, e entón Sara, a túa muller, terá un fillo".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5
 R/.  (1a):  Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.

O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.

O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta,
endexamais o abalarán.



Segunda Lectura     Col 1, 24-28
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
O misterio oculto de séculos, pero agora manifestado aos santos

            Irmáns:
            Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa.
            Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que se manifesta agora ao seu pobo santo.
            A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza de gloria que representa para os pagáns este segredo: que Cristo é para vós a esperanza da gloria!
            El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns como é debido.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 8, 15
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ditosos os que gardan a palabra de Deus en corazón recto e bo
e con paciencia dan o seu froito.
Aleluia.




Evanxeo     Lc 10, 38-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Marta acolleuno. María escolleu a mellor parte.

            Naquel tempo, cando ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María
que, sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
            Señor, non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
            Pero o Señor respondeulle:
             Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


No hay comentarios:

Publicar un comentario