DOMINGO VII T. O.
(19 febreiro 2017)
As lecturas volven pór de relevo, todas elas, diante de nós a nova sabedoría á que Deus nos
chama, se queremos ser verdadeiramente sabios. Trátase dunha sabedoría, que non
pode quedarse en mera teoría. Porque entón non pasaría de ser más ca un saber
abstracto e baleiro. A nosa fe ten que ser concreta, viva, actuante. Do
contrario non ten valor ningún. Nin para nós nin para os demais.
Aínda que ás veces podemos pensar ou dicir que o Novo
Testamento, que se instaura coa vida e a actuación de Xesús, é algo
absolutamente novo en relación co Antigo, en realidade non é exactamente así. O
que fai Xesús é levar ó seu máis elevado cumio e á máxima perfección o que
dalgún xeito se anunciaba xa no Antigo Testamento. Refírome, de maneira
particular, á importancia que xa no Antigo Testamento ten o sentido e a
práctica da fraternidade, do amor mutuo.
Exemplo disto é, concretamente, o que se nos di no libro do
Levítico (na primeira Lectura). Entre as normas e mandados que, segundo o Levítico,
Deus lle dá a Moisés, en relación co modo de se comportaren as persoas que el
ten ó seu cargo, aparecen estas: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[
Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo
coma a ti mesmo”.
A este último mandado (“Amarás o teu próximo coma a ti
mesmo”) recorrerá Xesús moitas veces. E estará na súa práctica e na súa boca
continuamente sobre todo nas súas discusións cos doutos e doutores do xudaísmo
do seu tempo.
Xa no Antigo Testamento aparece tamén bastante
explicitamente o porqué da esixencia deste comportamento fraternal. As razóns
non son outras có comportamento mesmo do propio Deus co seu pobo. Este pobo ten
unha viva experiencia da bondade e da misericordia do seu Deus nos diversos acontecementos
polos que foi pasando ó longo da súa historia.
A reflexión que o pobo se faría, e que aparece personalizada
e dignificada na orde que a teor do texto do Levítico Deus lle comunica a
Moisés, sería algo así como esta: se Deus é bo con todos nós, non podemos ser
nós pola nosa parte malos os uns cos outros. De feito, no “Salmo responsorial”
que segue á Lectura do Levítico proclamabamos nós agora, utilizando frases
soltas dos Salmos do Antigo Testamento, o seguinte: “O Señor é misericordioso e
clemente [...] Él coróate de amor e de tenrura [...] Él é tardo á ira e rico en
mercés [...] Canto un pai ama os seus fillos, así ama o Señor os que o temen”.
No Antigo Testamento tíñase, pois, moi clara conciencia, da
bondade e da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que
o senso de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis.
Mais, naturalmente, coa vinda de Xesús, coa incríbel boa
nova do acontecemento de Xesús, que se amosa a si mesmo coma imaxe vivente do
seu Pai Deus no mundo, as cousas modifícanse decisivamente. O senso, xa
tradicional, de fraternidade do Antigo Testamento fortalécese agora dunha
maneira insospeitada. Porque resulta que agora Deus non está só, para dicilo
dalgunha maneira, “alá arriba”, senón entre nós. Ó ser Xesús conxuntamente
Fillo de Deus e irmán noso, como un máis entre nós, entón toda a humanidade e
cada un de nós viñemos acadar unha dignidade divina, “sagrada”.
A consecuencia é que, entón, facerlle mal a alguén é como
facerlle mal a Deus, porque somos xa todos pola humanidade de Xesús parentes de
Deus, en canto fillos de Deus e irmáns de Xesús. E, ademais, por enriba de todo
isto, o propio Xesús mandounos e deunos a nós, a toda humanidade, desde o
primeiro Pentecoste, o Espírito Santo que continúa a habitar connosco ata á fin
dos tempos. Somos, pois, todos e cada un de nós tan importantes e sagrados que
debería resultar xa case incomprensíbel que alguén pensase, quixese ou fixese
mal a alguén.
Entenderedes así moi ben por que ó comezo da segunda Lectura
se atreve a dicir Paulo: “¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o
Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor
destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós”. Nalgúns
lugares, poucos xa, conservan aínda algunhas persoas o costume de se
persignaren ó pasar preto dunha igrexa. Pois ben, se quixésemos ser fieis ó que
aquí nos di Paulo, deberiamos facer algo semellante, aínda que sexa só no
segredo do noso corazón, onde queira que nos atopemos con calquera persoa.
Pois, tal como nolo advirte Paulo, todos somos “templo de Deus”. E, desde logo,
non está en absoluto excluído que alí onde menos o pareza estea tamén Deus no
seu templo. Non son xustamente os pobres, os necesitados ou os excluídos pola súa raza, pola súa
lingua ou polo que sexa os que Deus escolleu en Xesús para estar con eles?
En calquera caso, o desamor que poidamos padecer, tal como
nolo recorda o texto do evanxeo de hoxe, non se combate coa mesma arma, co
desamor. Nisto, como ben sabemos, Xesús foi moito máis alá do que era
tradicional. Nada, polo tanto, do “ollo por ollo ou dente por dente” e
comportamentos semellantes.
Para Xesús hai que ir alén do que o outro poida pedir ou
esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación
cívica poidan esixir. Como xustificación de todo isto, apela Xesús tamén á nosa
condición de fillos dun mesmo Pai. Desta condición debería derivarse unha
fraternidade, vivida en toda a súa radicalidade. Fraternidade que debería primar
sobre calquera outra consideración ou diferenza: “Eu dígovos –proclama Xesús-:
Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos
do voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e
chover sobre xustos e inxustos... Sede bos, como o voso Pai celestial é
totalmente bo”.
Que tarefa tan grande temos diante nosa, como seguidores de
Xesús: reflectir e practicar na terra nada menos que a bondade “total”,
infinita, de Deus!
CREDO
PRECES
Preguémoslle ó Señor, Pai que sempre nos escoita con amor, e
digámoslle: Pai bo, axúdanos a amar.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar
- Para que a Igrexa sexa signo de amor ás persoas máis
necesitadas pregámoslle a Deus dicindo:
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Para que os gobernos das nacións fomenten a comprensión e
o amor por enriba da xenreira e busquen sempre a paz entre tódalas persoas,
pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Polo noso país galego e por cantos viven connosco, para
que non sintamos como estraña a nosa propia lingua e cultura, senón que a
amemos e apreciemos, pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Por todos e cada un de nós, para que practiquemos a
amizade e fraternidade non só cos amigos, senón tamén cos que nos rexeitan ou
pensan de xeito diferente, pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro