- O evanxeo do
nacemento de Xesús que vimos de escoitar de mans de Lucas, máis alá de
parafernalias e adherencias que se lle foron engadindo ao longo do tempo,
relata os feitos imprescindibles para dar a coñecer tal acontecemento. Por
que?. Pois porque os evanxeos non son biografías, senón que a intención
dos evanxelistas é transmitir unha boa nova e dar testemuño de fe: Xesús e
o Salvador. Nin tan sequera di o día e o mes no que se produce dito
nacemento, simplemente nos dá unhas coordenadas históricas que nos
permiten situalo. E nós, que tantas veces confundimos o fundamental co
accesorio, resgámonos as vestiduras porque o Papa di que non había boi nin
mula en Belén. Como vimos de escoitar, está claro que a escena que atoparon
os pastores no pesebre non ten nada que ver co belén que estamos afeitos a
colocar nas nosas casas, un belén de ríos de prata, con reis magos,
camelos e dromedarios cargados de tesouros, con pastores inxenuos e
escenas costumistas, neve de algodón e paisaxes de serrín, verde musgo,
árbores, fogueiras e luces intermitentes de cores e panxoliñas, e
pandeiretas e a súa estrela cravada no ceo, custodiando o portal, con
Xosé, María e Xesús, o boi e a mula....E a forza de ilo representando así,
caemos no erro de pensar que a realidade tamén foi esta. Porén, o
primeiro belén foi un acontecemento que berraba/berra aos catro ventos que
non había/hai dereito a que as cousas estiveran/estean como están. Aquel
belén levantou a esperanza das persoas pobres, a persecución das persoas
poderosas, o esquecemento e o desinterese das persoas cultas.
- Hoxe nós
tamén viñemos aquí, coma os pastores, para escoitar, lembrar,
celebrar e vivir a grande noticia que será a grande ledicia para
todo o pobo: na cidade de David, naceunos un Salvador. Así de
sinxelo, así de real, así de marabilloso. Aquel que esperabamos desde hai
tanto tempo, Aquel que é luz para o pobo que camiñaba nas tebras, Aquel
que vén para anunciar a paz, para consolidala co dereito e a xustiza.
Tamén nós escoitamos as palabras do anxo, que nos anuncia o sinal para
recoñecelo: un neno envolto en capizos e deitado nunha manxadoira.
E tamén nós, coma os pastores, quixemos achegarnos a ver o que Deus nos
comunicou. E saímos de nós mesmos e recoñecémolo na persoa que quedou sen
traballo, no neno que non pode ter unha infancia digna, na muller que é
ninguneada e tratada coma unha escrava, na familia á que lle quitaron a
súa casa, na persoa que está enferma, naquela que foi enganada e estafada
polos poderes económicos, naquela á que se lle nega a asistencia sanitaria
ou o dereito a unha educación de calidade.... en tantos e tantos rostros,
con nomes e apelidos (para Deus non hai anónimos) que van quedando nas
beiras da nosa sociedade neste tempo de crise.
- Neste Ano da
Fe, no que se nos chama a unha nova evanxelización, sexamos quen de
descubir a necesidade que todos temos de formarnos para non confundir o
fundamental co accesorio e para poder encarnar na nosa vida os contidos da
fe a fin de que poidan dar froito. Que ao Neno que vén de nacer en Belén
lle deamos o mellor dos beléns: o noso corazón... sen boi, sen mula, sen
río de papel albal, sen castelo de Herodes, sen figuriñas..... pero iso
si, cheíño de amor e misericordia. Iso é o máis importante.... todo o
demais.... é prescindible.