miércoles, 22 de enero de 2020

A busca apaixonada da Unidade dos Cristiáns


«Nos mostraron una humanidad poco común» (Cf. Hch 28, 2) es el lema de la Semana de Oración por la Unidad de los Cristianos que se celebrará del 18 al 25 de enero de 2020
"O papa Xoán estaba convencido de que renovación da Igrexa e a unidade entre os cristiáns debían de ser as dúas caras dunha mesma moeda"
A promoción do restablecemento da unidade entre todos os cristiáns é un dos principais obxectivos do Concilio Vaticano II”. Con estas verbas iniciais, o decreto conciliar Unitatis redintegratio, non só nos presentaba o que é o ecumenismo, senón tamén o que fora un dos principais desafíos que se propuxo o Concilio: a busca apaixonada da recomposición da unidade perdida entre os cristiáns. Cando dicimos apaixonada referímonos á actitude do papa Xoán XXIII, en primeiro lugar. Esta paixón xa fora nacendo nel durante a súa experiencia como diplomático pontificio; pero, sen dúbida, naceu tamén na Semana de Oración pola unidade dos cristiáns. Non en van anunciou a convocatoria do Vaticano II ao final desa Semana, o día 25 de xaneiro de 1959, festa da conversión de san Paulo. Este feito indica ás claras que o papa Xoán estaba convencido de que renovación da Igrexa e unidade entre os cristiáns debían de ser as dúas caras dunha mesma moeda. E así, xa dous anos antes do comezo da asemblea conciliar, o 5 de xuño de 1960 constituíu o Secretariado para a Unidade, encargándolle a súa dirección ao xesuíta alemán Agostiño Bea.
Paulo VI, pola súa banda, tamén estaba convencido desta estreita relación entre renovación da Igrexa e promoción da unidade entre os cristiáns. Sen necesidade de renunciar á propia verdade católica, tratábase de vela con outros ollos, os ollos de Deus. Nese Misterio, que ha de manifestar a Igrexa, hai unidade, pero tamén diferenza ou diversidade simultánea. Por iso a Igrexa, sendo “icona da Trindade” (Bruno Forte), non pode máis que promover o espírito de comuñón en todas as súas facetas, especialmente en relación co movemento ecuménico:
Queremos implorar o sopro do Espírito Santo sobre o movemento ecuménico. Desexamos repetir a nosa emoción e o noso gozo polo encontro – cheo de caridade e non menos que de nova esperanza- que tivemos en Xerusalén con Patriarca Atenágoras; queremos saudar con respecto e con recoñecemento a intervención de tantos representantes das Igrexas separadas no Concilio ecuménico Vaticano II;… con amor e con reverencia saudamos a todos estes cristiáns na espera de que, cada vez mellor, poidamos promover con eles, no diálogo da sinceridade e do amor, a causa de Cristo e da unidade que El quixo para a súa Igrexa” (Ecclesiam suam, 52).
Seguindo esta liña, os Papas que viñeron despois continuaron a promover e profundar na tarefa ecuménica. Estamos seguros de que a historia lle fará xustiza a Xoán Paulo II, que alentou a firma da Declaración Conxunta sobre a doutrina de Xustificación xunto coa Federación Luterana Mundial (31 de novembro do 1999). Con iso rompíase un muro de cinco séculos.

Pero, se temos que falar de verdadeira paixón, non temos outra que destacar as verbas e os xestos do papa Francisco, pois el foi en persoa a conmemorar cos Luteranos o aniversario da Reforma, o 31de outubro do 2016 en Lund (Suecia). Con elo recoñecía na práctica que a Igrexa sempre necesita reforma e renovación, para ser fiel a Xesús; e que, polo tanto, o obxectivo final de Lutero non era o de facer outra Igrexa senón o de acadar unha Igrexa máis evanxélica, como dicía o coñecido teólogo protestante W. Pannenberg. É mais, segundo el, a división da cristiandade foi un fracaso para todos. Por iso, o éxito da Reforma chegará solo no momento en que as divisións poidan ser superadas definitivamente e se poida vivir unha unidade na que todos se sintan recoñecidos na súa diversidade (Ética e Eclesioloxía). O apóstolo Paulo márcanos o camiño a seguir para esa meta final: “Un so corpo e un so Espírito, así como unha é a esperanza á que fostes chamados. Un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos” (Ef 4, 4-6).