XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B
Primeira Lectura
Ez 2, 2-5
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no
medio deles.
Naqueles
días, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e
escoitei o que estaba a falar.
Díxome:
‑ Fillo de Adán, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda
un pobo de rebeldes que se reviraron contra min ‑eles e mailos seus pais ‑, que
pecaron contra min ata o mesmo día de hoxe.
Estes
fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda
eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor".
Deste
xeito, eles ‑escóitente ou rexéitente, pois son casa
rebelde ‑ han saber de certo que hai un profeta no
medio deles.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
R/. (2cd): Os nosos ollos están postos no Señor ata que
El se apiade de nós.
Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
Coma os ollos do servo
fitan as mans do seu señor.
Coma os ollos da serva
fitan as mans da súa señora,
así os nosos ollos están postos
no Señor noso Deus,
ata que El se apiade de nós.
Apiádate de nós, Señor, apiádate de nós,
pois estamos fartos de desprezo;
farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.
Segunda Lectura 2
Cor 12, 7-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Gloriareime na miña febleza para que habite en min a forza
de Cristo
Irmáns:
Debido á grandeza das revelacións, por iso,
para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de
Satán, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo.
Por tres
veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: "Chégache
coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza".
Daquela
presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a
forza de Cristo.
E por iso
gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias
que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 4,
18
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume evanxelizar os pobres.
Aleluia.
Evanxeo Mc 6, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra
Naquel
tempo, saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus
discípulos.
Cando
chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o
escoitaba dicía abraiada:
‑ De onde
lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e
como pode facer tantos milagres pola súa man? Non é este o carpinteiro, fillo
de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non
viven aquí connosco?
Estaban
realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
‑ Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou
entre os seus parentes.
E non
puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo
as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade.
E
dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo