Antes de nada, quero pedir perdón polo título. Quizais non
sexa o máis axeitado, pero xa se sabe que ultimamente, os títulos están máis
para enganchar ao persoal que para facernos un resumo do artigo.
Os que me coñecen, saben que un dos meus intereses como cura
é contribuír a que teñamos unha fe e unha práctica desta o máis auténtica
posible. Que sexa unha fe que dea sentido á nosa vida e non só un cúmulo de
tradicións e sentimentos dos cales descoñecemos xa a súa orixe.
Unha vez máis quero aclarar que non xulgo a bondade ou
maldade dos fieis, pois ben sei que a maioría das veces que o facemos mal
respecto das cousas da fe non é con mala intención, senón por descoñecemento ou
por unha simple traizón dos nosos sentimentos. Tampouco quero pecar de
iconoclasta.
Vimos do verán, tempo de festas e, por tanto, de procesións
despois (ás veces antes) das misas. Quizais deberiamos empezar por lembrar o
que é unha procesión. Abóndanos acudir a calquera dos dicionarios que hai na
Rede:
«(Do latín processus, acción de avanzar). Camiñar
comunitario dunhas persoas detrás doutras con sentido relixioso. Na liturxia
romana da Misa hai varias procesións […] Durante o ano litúrxico están
sinaladas procesións especiais […] Ademais adoitan facerse procesións fóra do
templo levando o Santísimo Sacramento baixo palio ou as imaxes da Virxe María
ou dos santos nas súas festas» (Aciprensa).
Poderiamos engadir a esta definición que unha procesión é
tamén unha manifestación pública da nosa fe, na que pedimos a intercesión dos
santos para que o Señor bendiga as nosas cidades, pobos ou campos. Supoño que
estamos todos de acordo coa definición. Pero correspóndese coa realidade?
Despois dun verán de festas e «procesións» teño a sensación
de que o que estamos a facer é máis ben sacar as imaxes dos santos de paseo,
tratando de terminar pronto, á vez que pasamos polo medio dun corredor, no que
ao carón están xa algúns co vermut na man, do outro un exército de paparazis
cos seus móbiles inmortalizando o «paseo» e, por detrás, a banda tocando a peza
acostumada para este momento.
Só unas poucas persoas da multitude que está no campo da
festa ou nas rúas fan o percorrido da procesión cun auténtico sentimento
relixioso e como unha profesión pública da fe. Por certo, que a orde nas
procesións é o contrario a como o facemos habitualmente: primeiro os fieis en
dúas filas, detrás da cruz procesional, e, por último, as imaxes dos santos.
Falamos da procesión como unha manifestación. Se se fixan,
as manifestacións civís (normalmente reivindicativas) teñen unha estrutura
semellante ás relixiosas, tanto na forma como o fondo: dar a coñecer unha causa
e mostrar o noso apoio detrás dunha pancarta (estandarte) identificativa cunha
mensaxe. A ninguén se lle ocorrería ir a unha manifestación sen coñecer ben os
motivos desa manifestación ou só ir por ir ou ir rindo dos demais.
Non sei, quizais nas nosas procesións tamén teñamos que
dicir iso de «non nos mires, únete, non nos mires, únete!», para que outros
tamén poidan descubrir a grandeza e o gozo de seguir, como fixeron os santos ao
máis grande, Xesucristo, e que non quede todo en sacar aos santos de paseo unha
vez ao ano.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada