A ASCENSIÓN DO SEÑOR - B
Primeira Lectura
Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
O primeiro
libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o
comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo
Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
Ós mesmos
que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles
durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
E comendo
con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen
a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais
a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que
estaban reunidos preguntábanlle:
- Señor, é
agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
El
respondeulles:
- Non vos acae
a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder.
Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as
miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da
terra.
-
En dicindo
isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando
eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con
vestidos brancos, que dixeron:
‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos
foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de
trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura
Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
Irmáns:
O Deus do
noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e
de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa
alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da
gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu
poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da
súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á
súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude
e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro.
Someteullo
todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o
seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28,
19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 16, 15-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Foi elevado ao ceo e senta á dereita de Deus
Naquel
tempo, aparecéuselles Xesús aos Once e díxolles:
‑ Ide polo mundo enteiro, e anunciade a Boa Nova a toda a creación.
Quen crea e reciba o bautismo, será salvo; e quen non crea, ha ser
condenado.
Os que
crean, irán acompañados destes sinais: No meu nome han botar os demos fóra e
falarán linguas novas; collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún
veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos, e estes
curarán.
E o Señor
Xesús, despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.
Eles
saíron a predicar por todas as partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a
Palabra cos sinais que os acompañaban.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus