sábado, 19 de mayo de 2012

Salmo de agradecemento


Que gusto dá espertar
coa túa luz cada día
e ir contemplando as cousas
coas que encher a vida!
Que gusto verte a ti nelas
rompendo a noite co día!

Na nai que coida dos nenos,
que os mantén e os arroupa
para que vaian medrando
con ilusión e con forza
eu véxote a ti, pai noso,
agarimador da xente toda.

No labrego apaixonado,
loitador comunitario,
que busca no pan a paz
e a forza para o seu traballo
vexo a Xesús defensor
da dignidade dos baixos.

En cada gromo que agroma,
en cada herbiña que apunta,
en cada flor que xa asoma,
no nacer dunha leituga
vexo o Espírito de vida
que á vida feliz me empuxa.

Que gusto dá espertar
e verte nas cousas todas!
Que gusto dá traballar
para que a xustiza as envolva!
Que gusto dá espertar
e cantar a túa gloria!

No hay comentarios:

Publicar un comentario