Cantas veces a comodidade, o deixar andar, a vulgaridade, o
pesimismo, a desilusión... se instalan na nosa vida e todo nos dá igual!. A
festa que celebramos hoxe, a Ascensión do Señor, quere ser unha posta de largo,
unha toma de conciencia do noso quefacer coma cristiáns, unha chamada a asumir
responsabilidades. Porque a relixión entendida só de xeito vertical fixo e fai
que moitos cristiáns quedaramos e quedemos mirando cara ao ceo, inmóbiles, cos
brazos cruzados, sen preocupármonos das mal chamadas “cousas mundanas”, senón
só das “celestiais”. Así, ao contemplarmos a Ascensión de Xesús sentimos ganas
de fuxir con el, de abandonar o telexornal da crise, da prima de risco, dos
recortes, do paro, da inxustiza, da desigualdade, da incultura... retirándonos
á vida privada, ao individualismo, ao illamento, á salvación da alma...
desencantándonos do mundo e afastándonos del. Deste xeito, cantas oportunidades
perdemos de ser felices, de sentirnos útiles, de realizarnos como persoas botando
unha man sen pedir nada a cambio, facendo un rato de compaña a quen se sente só
ou a quen está triste ou visitando a quen está enfermo. Por que non daremos
descuberto que a fe ten que levarnos xustamente a iso: a andar pola vida doutro
xeito, con outro talante, con máis esperanza?.

E o escenario onde se desenvolve a nosa tarefa non pode ser
outro máis que aquel onde vivimos: o mundo. O noso compromiso cristián ten que
levarnos a transformalo desde abaixo e desde dentro, como fixo Xesús. Estamos
chamados a mergullarnos na sociedade, a politizarnos, a “mundanizarnos”, dando
a nosa man a todos aqueles que, coma nós, traballen por construír a
civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa. Non somos mellores
ca ninguén, non somos perseguidos (pero tampouco perseguidores), non temos a
posesión da verdade, non queremos impoñer... Queremos traballar xuntos e
ilusionados, dando testemuño da nosa fe coas nosas actitudes, coas nosas obras
e coas nosas palabras. E cada un alí onde desenvolve o seu quefacer cotián: na
súa casa, coa súa familia, cos compañeiros de traballo, nas asociacións de
veciños, de pais e nais, nas nosas comunidades parroquiais... conscientes e
responsables de que así construímos o Reino de Deus. Velaí que queremos ser
unha Igrexa en movemento, a que esperamos para empezar a camiñar?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario