domingo, 23 de junio de 2013

Lecturas


Primeira Lectura      Zac 12, 10-11; 13, 1
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Mirarán a quen crucificaron (Xn 19, 37)

            Así fala Señor:
            Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ao meu Poderoso, a quen traspasaron.
            Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.
            No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.
            No día aquel haberá unha fonte de auga corrente para a casa de David e para os habitantes de Xerusalén, por mor do pecado e da inmundicia.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2abcd. 2e-4. 5-6. 8-9
R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.

Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.

Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
A miña alma está unida a ti,
abrigoume a túa destra.


Segunda Lectura     Gal 3, 26-29
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Os que fostes bautizados, revestístesvos de Cristo

            Irmáns:
            Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque aos que vos bautizaron en Cristo, revestíronvos de Cristo.
            E acabouse todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, pois sodes coma un só en Cristo Xesús.
            Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a “descendencia” de Abrahán, herdeiros conforme a promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo    Lc 9, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti es o Unxido de Deus. É necesario que o Fillo do Home padeza moito

            Unha vez que estaba Xesús en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:
            Quen di a xente que son eu?
            Eles responderon:
            Uns, que Xoán
Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.
            Insistiu:
            E vós quen dicides que son eu?
            Respondeu Simón Pedro:
            O Mesías de Deus.
            Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. E engadiu:
             Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ao terceiro día resucite.
            Despois dirixiuse a todos:
-          Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo