DOMINGO XIX ORDINARIO
- CICLO A
Primeira Lectura 1
Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor
En
chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
Díxolle o
Señor:
-
"Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai
pasar".
Nisto veu
un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor.
Mais non estaba o Señor no furacán.
Despois do
furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o
Señor.
Despois do
tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
Despois do
lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a
cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/. (8): Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a
túa salvación.
Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.
A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.
O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.
Segunda Lectura Rm
9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns
Irmáns:
Como
discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña
propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu
corazón sofre seguido.
Quixera
ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus
parentes de estirpe.
Eles son
israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a
lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén
Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos
séculos. Amén.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.
Evanxeo Mt 14,
22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga
Despois de
que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos
que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el
despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí
colleuno a anoitecida.
Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como
tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
Ao riscar
o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.
Cando os
discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asustados: "é unha
pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
De seguida
faloulles Xesús dicindo:
Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
Respondeulle Pedro:
‑ Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
El
díxolle:
‑ Ven.
Baixou
Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao
sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a
berrar:
‑ Señor, sálvame!
Axiña
Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
‑ Home de pouca fe, por que dubidaches?
Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os
que estaban na barca, prostráronse
perante el dicindo:
‑ Realmente ti es Fillo de Deus.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo