O Evanxelista
Xoán vincula ese acontecemento co da morte e resurrección
de Xesús. Certamente
que as autoridades relixiosas xudías provocasen a condena e morte de Xesús
dependeu en boa medida desta postura de Xesús ante o que era o negocio do
templo, e o que era, en consecuencia, baleirar a fe en Deus do máis sinxelo e
vigoroso: a gratuidade, a oferta plural, universal, a adoración limpa, o
deixamento de comenencias persoais ou de grupo. Xesús, apaixonado sempre, por
Deus e polo ben que unha boa fe en Deus lle traería sen dúbida á xente
–apaixonado, polo tanto, tamén pola xente nun mesmo movemento--, non pode
tolerar iso, e protesta de forma contundente. Ben sabía onde se metía con ese
comportamento, que Xesús non era parvo, pero a liberdade fonda que o animaba, a
liberdade ante a vida e ante a morte, dáballe forza e poder para facer o que
fixo.
A Coresma é un
tempo especial para purificar e liberar a nosa experiencia relixiosa de
aditamentos raros. O negocio, os cartos sempre foron un perigo para a relixión;
unha crítica frecuente que se nos fai desde fóra, ás veces non merecida, pero
moitas veces si merecida, é a de que tamén nós convertemos a relixión nun
negocio, e que, en consecuencia, desvirtuamos a orixinalidade do divino, a
orixinalidade de Xesús: Deus xa non é algo, alguén, gratuíto para quen queira
amigar con el e beneficiarse da súa amizade, sen mediacións interesadas, senón
alguén que, ao cabo, demanda cousas, cultos, que acaban levando o carto dos
nosos petos aos petos dos seus representantes. Purificar a relixión do veleno
dos cartos é sempre un paso primeiro, se queremos pensar en novas
evanxelizacións tal como agora o estamos facendo.
O desapego entre
cartos e relixión pode e debe realizarse tamén noutros ámbitos ademais dos
cultuais. Non hai moitas vinculacións, por exemplo, entre os poderes económicos
e algunhas persoas ou institucións eclesiásticas? Por outra banda, purificar a
nosa experiencia relixiosa debe empezar polo desapego dos cartos, pero
seguramente esixe moito máis. Hai moitas máis maneiras, por desgraza, de afogar
a nosa experiencia relixiosa. Hai moitos camiños de desenvolvela e mellorala;
todo o que soe a apego e solidariedade cos máis débiles é o máis certeiro.
M.Regal