A chuvia, cando vén
na súa xusta medida, todos a valoramos e tentamos de aproveitala para os
campos, os pozos, as fontes... Así, cando chove de xeito estatisticamente
normal, todos dicimos o boa que é e o moito ben que ela fai. Porén, cando é
moita, vólvese contra nós e contra o que facemos, producindo moito mal.
Partindo deste imaxe, hoxe a palabra de Deus quere invitarnos a reflexionar e
analizar a nosa vida desde o binomio semente - froito; ou o que é o mesmo:
creación - salvación. Deus, o sementador invítanos a que nós deamos froitos de
todo canto fai posible vivir dun xeito máis humano, digno e feliz. Son estes
tres aspectos nos que constantemente incide a Palabra de Deus para que
entendamos que quere dicir que o Deus creador chámanos á salvación. Si, porque
a salvación non é nin unha idea nin algo abstracto do que non sabemos nada,
senón todo o contrario: a salvación é o esforzo que nos leva a descubrir que a
nosa vida e a dos que se relacionan con nós, supón un esforzo, unha tarefa por
acadar dignidade, felicidade e humanización. Non todo vale nin calquera
comportamento é bo. Tampouco debemos facer o primeiro que se nos ocorra ou o
que máis nos favorece, senón que estamos chamados a poñerlle ao que facemos
reflexión desde esta tripla esixencia da que vimos falando. Loitar por ilas
acadando é o que lle da rostro e comprensión ao que queremos dicir cando nos
referimos á salvación. Porque Deus sálvanos cando traballamos, para nós e os
outros, desde a humanización, a dignidade e a felicidade. Para iso puxo ao noso
dispor toda a creación: para que a través dela a salvación sexa unha realidade
nova, viva e chea de esperanza, afastándonos, ou polo menos, dándonos razóns
para afirmar que paga a pena ser homes e mulleres activos e esperanzados. Como
a choiva que aporta nutrientes á terra, así tamén a esperanza dálle á nosa vida
os nutrientes que necesitamos para facer da salvación reto e camiño.
A semente cae
sempre na terra, pero non toda terra está preparada para acoller esa semente.
Temos que facer o esforzo de preparar a terra –a nosa vida - corazón– para que
esa semente creza, se desenvolva e dea froitos. Se a terra non está ben
preparada, por moito que a semente sexa boa, antes ou despois acaba secando.
Cantos corazóns/vidas de persoas que comezaron a súa andaina vital na fe, están
hoxe desencantados, afastados ou de costas á mensaxe de Xesús?. É verdade que o
testemuño de moitos dos que deberan ser referentes de vida e esperanza: Papas,
bispos, curas, relixiosos... ten sido moitas veces contrario a canto esixía a
súa opción de vida; pero tamén non é menos verdade que o conformismo e a rutina
foron facendo de moitos cristiáns/ás, non testemuñas ledos e comprometidos coa
mensaxe de Xesús, senón homes e mulleres aburridos, ritualistas e incapaces de
alimentar a súa fe coas celebracións e a participación da vida da comunidade,
acabando por non atoparlle sentido a súa fe. Cando falamos disto, poucas veces
nos damos conta de que ao testemuño dos que fixeron do seguimento de Xesús a
súa opción de vida, séguelle o esforzo de todo cristián de coñecer máis e
mellor o Evanxeo, ter unha vida de oración asentada sobre a súa propia
experiencia e a superación dunha fe de ritos pero totalmente desligada do resto
da vida.
Entendemos entón
desde canto vimos dicindo a parábola que acabamos de escoitar. A palabra non é
pasado. Tampouco é unha simple ilusión que nos emboba e nos distrae das
preocupacións e problemas de cada día. Non. A palabra é vida, ilusión, esforzo,
tarefa, luz, camiño... que nos vai axudando a darlle a canto facemos un
sentido, un porqué, un obxectivo polo que loitar e cara onde orientar as nosas
decisións. Non está sobredimensionada para que engane dicindo ser o que non é,
senón que busca simplemente que non camiñemos ás escuras nin nas tebras. A
palabra é auga, que cae na terra para que dea froito, como a semente do
sementador. E sabendo que non toda terra ten o mesmo valor, debemos, para que a
palabra non morra sen que dea froito, acollela con atención, vivila con alegría
e deixarnos transformar por ela para que as cousas cambien para mellor, e a
creatividade nos faga seguidores de Xesús que non viven do pasado, senón que
sabendo estar no presente non se deixan afogar por el, por iso se abren e
proxectan cara ao futuro, agardando que sexa sempre un futuro que avanza na
esperanza, e non queda na nostalxia do que xa pasou. Coma o sementador, tamén
nós estamos chamados a facer da nosa vida unha semente que faga crible seguir a
Xesús e sentir o gozo de chamarnos cristiáns.